“Queremos facer do Observatorio un centro de interpretación do cosmos en Galicia”

Un día como hoxe, hai 75 anos, Ramón María Aller era nomeado como director do Observatorio Astronómico da Universidade de Santiago de Compostela, despois de traer os seus instrumentos de observación desde o seu observatorio particular de Lalín. Por riba de todos os atrancos da época, o científico e relixioso converteu o lugar nun fervedoiro de actividade ata a súa morte, en 1966. O falecemento de Aller deu paso a unha época “terrible” para o proxecto, ata que en 1981, un mozo compostelán que estaba dando clase en Zaragoza, o xa entón doutor José Ángel Docobo, foi requerido polo reitor Suárez Núñez para revivilo. Desde entón, Docobo leva dedicada máis de media vida a liderar un incansable traballo investigador, pero tamén docente e divulgativo, para explicarlle a astronomía á sociedade galega.

Que lle vén hoxe á cabeza?

Publicidade

– Moitísimas cousas, pero o máis importante é ter dirixido a recuperación científica do Observatorio desde que contactou comigo o reitor. En ciencia, se pasas uns anos de inactividade, é moi difícil tomar de novo o pulso. Tiñamos un gran reto, recuperar o orzamento, o material científico e os recursos humanos para volver investigar.

Fomos facéndoo aos poucos, pero conseguímolo. Co apoio das Administracións, mediante proxectos de investigación tanto da Xunta como do Ministerio, e con grande esforzo, puidemos mellorar o equipamento, empezar a publicar en revistas internacionais, comezar coas actividades de divulgación, etc. Hoxe podemos estar bastante satisfeitos pero poderiamos estar mellor.

Publicidade

Vista do Observatorio Ramón María Aller. Imaxe: USC.
Vista do Observatorio Ramón María Aller. Imaxe: USC.

– Como foron aqueles primeiros anos?

– A situación era bastante límite. Lembro que o Observatorio funcionaba grazas a dous axudantes do CSIC, e un deles vivía coa súa dona no propio edificio. Non se sabía moi ben quen estaba a cargo de aquilo, chegaron a entrar a roubar… Partimos case de cero para reconstruír todo. Digo case porque detrás estaba todo o que fixera D. Ramón María Aller e os seus discípulos.

Acórdome de que unha das miñas ansias era conseguir un telescopio de maior abertura, pero era moi caro e pensamos ata en pagalo a prazos, de acordo coa vicerreitoría de investigación. No momento tivemos que conformarnos cun de tamaño medio. Fora a primeira incorporación, pero esa non era a solución definitiva. E logo de moitas xestións, non foi ata 2003 cando puidemos acadar un telescopio acorde coa categoría do Observatorio. Foi nunha convocatoria pública, e non concedido de oficio, pero iso supuxo un avance enorme, xa que era un dos máis potentes das universidades de España.

Tamén suxerín á Xunta de Galicia nos anos 90 a construción dunha estación de observación fóra da cidade. Nós fixemos todo o proxecto científico. Estaba previsto montar un telescopio de 2 metros de abertura. Os terreos xa estaban expropiados pero o Prestige acabou cos nosos soños.

José Ángel Docobo, actual director do Observatorio.
José Ángel Docobo, actual director do Observatorio.

– Aínda así, comezou a recuperación.

-Fomos pouco a pouco, pero acadando metas. Xa no 1982 xa demos un primeiro paso coa estación meteorolóxica, establecendo un acordo de colaboración co Instituto Nacional de Meteorología, hoxe Aemet, que serve de referencia para os datos diarios da cidade de Santiago.

Comezaron a incorporarse novos profesionais e incrementouse o traballo de investigación, coa dirección pola miña parte de varias teses de doutoramento e publicacións en revistas científicas de máximo impacto, sobre todo no referente a estrelas dobres e múltiples, que é unha liña de investigación que Aller introducira en España. E un método de cálculo de órbitas deseñado por min foi sido utilizado nos últimos anos para obter mais de 300 órbitas de binarias.

Pero un dos momentos máis importantes foi cando tomei a decisión de organizar un Congreso Internacional sobre este tema, que celebramos en 1996 ao abeiro do V Centenario da USC e que contou cunha amplísima representación dos mais sobranceiros especialistas de todo o mundo. O congreso permitiunos establecer contactos que acabarían sendo decisivos para acadar instrumentos como as cámaras de interferometría, que logo acoplamos a grandes telescopios. Levamos xa unha morea de Congresos organizados, o último deles este mesmo ano na conmemoración do 75 aniversario do centro.

Dedicamos tamén moito tempo á divulgación. Foi unha cantidade inxente de actividades, charlas e observacións, incluso fóra de Compostela. Desde que creamos o programa Pecas na USC, en 1997, e despois con TodoCosmos, co apoio da Fecyt (Fundación Española de la Ciencia y la Tecnología), levamos a astronomía a máis de 50 concellos galegos, e iso tamén nos alegra moito.

Cara a onde lle gustaría que fose o Observatorio?

– Queremos seguir mantendo contactos coas principais figuras da investigación das estrelas dobres, porque iso permitiunos ter a moitos investigadores visitantes en Santiago, e é moi importante conservar estas relacións. Hoxe en día, os nosos doutorandos están utilizando grandes telescopios en Chile, Rusia e Armenia, e penso que colaboracións estratéxicas coma estas son fundamentais e deben seguir funcionando no futuro.

E por outra banda, un dos desexos que teño antes de xubilarme é que o Observatorio trascenda máis á sociedade; queremos facer un Centro de Interpretación do Cosmos para Galicia, e que a xente poida gozar del. Potencial para isto temos, coma xa demostramos, pero é imprescindible fixar persoal.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

00:00:48

Dous galegos, seleccionados nun dos certames de vídeo submarino de maior prestixio mundial

As pezas audiovisuais feitas por Xaime Beiro e Lara González retratan a biodiversidade mariña de Galicia coa intención de concienciar á poboación sobre a fraxilidade dos ecosistemas

María del Mar Tomás, premio Zendal 2023: “Deseñamos virus para atacar ás bacterias resistentes”

A traxectoria pioneira da médica e investigadora do Inibic foi recoñecida polo grupo farmacéutico, que financia unha das súas liñas de investigación en terapias con fagos

Expertos de España e Portugal abordan a cooperación transfonteiriza para previr incendios

O proxecto europeo Firepoctep+, liderado pola Universidade de Vigo, reúne a administracións públicas, universidades, fundacións privadas e un centro galego tecnolóxico e de vangarda

Un novo estudo da USC, clave para comprender o comportamento das proteínas

Os achados do científico Julián Bergueiro poderían axudar ao deseño de novas terapias aplicadas ao ámbito da saúde
93040