Vista do Observatorio Ramón María Aller. Imaxe: USC.

Observatorio Ramón María Aller: 75 anos mirando cara o ceo

O 27 de setembro de 1943, co nomeamento de Ramón María Aller como director, botaba a andar o Observatorio Astronómico da Universidade de Santiago de Compostela. O astrónomo e relixioso lalinense decidiu instalar na capital de Galicia o proxecto que xa desenvolvera na súa vila natal, e que hoxe se conserva como museo. Aquel día, hai agora 75 anos, daban os seus froitos as xestións impulsadas polo profesor Enrique Vidal Abascal, que pediu ao CSIC o apoio para trasladar o observatorio de Lalín a Santiago. Unha idea proposta nos anos 30 por Isidro Parga Pondal e Luís Iglesias, pero que se viu paralizada polo falecemento do reitor Cadarso.

Desde ese momento, o edificio, hoxe dirixido polo catedrático José Ángel Docobo, converteuse nun polo de atracción de científicos, especialmente de matemáticos galegos. Os medios materiais eran os mesmo que Aller trouxera de Lalín, pero coa promesa de ir aumentándoos aos poucos. O refractor Steinheil do fundador, por exemplo, foi durante décadas o principal telescopio de Observatorio, que aínda en vida de Aller tentou acadar un novo de polo menos 0.30 m de apertura, que el consideraba absolutamente necesario.

Segundo lembran desde a USC, dado que as investigacións teóricas non precisaban de especiais orzamentos (moi axustados na posguerra), estas avanzaron con gran rapidez e calidade, de xeito que xa en 1945 o profesor Vidal Abascal creou no Observatorio a Sección de Astronomía Teórica e Matemática Durán Loriga, que cunha moi destacable produción foi o xermolo da Sección de Matemáticas na Facultade de Ciencias, hoxe Facultade de Matemáticas.

Coa morte de Aller, en 1966, o centro pasou por “momentos moi difíciles” que puxeron en risco a súa supervivencia

O astrónomo de Lalín foi, entre outras moitas cousas, o introdutor en España do estudo das Estrelas Dobres, e por iso esta rama da Astronomía é desde entón liña principal de investigación do Observatorio. Publicou ademais os libros Introducción a la Astronomía e Astronomía a Simple Vista, dirixiu as teses de Vidal Abascal, Cid Palacios, Mújica Buhigas, Zaera de Toledo e Antonia Ferrín Moreiras, a primeira astrónoma galega. Numerosos traballos de investigación publicados en revistas internacionais e estatais déronlle ao Observatorio un merecido prestixio incluso no estranxeiro.

Á morte de Don Ramón en 1966, segundo lembra José Ángel Docobo, o centro pasou por “momentos moi difíciles, que mesmo comprometeron a súa continuidade ao non conseguir un profesor de Astronomía que ocupase a dirección”. Pero aquí de novo a defensa do Observatorio “que sempre fixo o profesor Vidal” foi “decisiva”.

Anos 80: o renacer do observatorio

Chégase así ao ano 1981, no que a situación do centro era “terrible”, explica Docobo, que ocupou a praza de profesor de Astronomía na Facultade de Matemáticas baixo o mandato do reitor Suárez Nuñez. Xa en 1983, Docobo foi nomeado director coa responsabilidade de recuperar física e cientificamente o Observatorio.

Desde entón, nestes últimos 35 anos houbo un intenso traballo, como a posta ao día da biblioteca (“na década dos 80, unha das mellores de España”), a incorporación de persoal, numerosos logros científicos e de relacións institucionais (a establecida co Instituto Nacional de Meteoroloxía, para o que se recollen rexistros diarios – sen fallar un só día desde 1982 – de información meteorolóxica), incorporación de membros do Observatorio á International Astronomical Union, adquisición de cámaras de interferometría para observación de binarias en grandes telescopios e finalmente a incorporación en 2003 do ansiado telescopio de 0.62m de apertura.

José Ángel Docobo, actual director do Observatorio.
José Ángel Docobo, actual director do Observatorio.

A isto hai que sumar os milleiros de alumnos e alumnas que fixeron as prácticas de Astronomía no centro e as iniciativas no eido da divulgación, destacando de xeito especial o programa TodoCosmos, que co financiamento da FECYT está levando a ciencia astronómica a mais de 30 concellos galegos nos últimos anos. Ademais, recuperouse o orixinal Observatorio de Lalín, onde se iniciou a investigación astronómica en Galicia.

Tentando acadar unhas novas instalación fóra da cidade, o Observatorio propuxera á Xunta de Galicia a creación dunha estación de observación no cumio do monte Faro, logo de comprobar cientificamente a calidade da imaxe desde ese lugar situado no centro de Galicia. Todo o proxecto científico foi realizado por persoal do Observatorio tras un convenio de colaboración coa Xunta.

Para celebrar o 75º aniversario, que se comezou a conmemorar o pasado día 4 de xuño cunha conferencia do director no Ateneo de Santiago, figuran a organización das XVII Xornadas de traballo en Mecánica Celeste (25-27 de xuño), a reedición das obras Algoritmia e Astronomía a ollo ceibe por parte da Xunta de Galicia, unha nova edición do programa TodoCosmos e numerosos cursos e conferencias.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.