Martes 3 Decembro 2024

Premio para a enxeñeira Estela Paradelo pola ‘app’ Galterrae

A  Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do campus de Lugo acolleu este xoves a entrega da primeira edición do premio ‘Rafael Crecente’ de Propostas Innovadoras de Xestión Territorial, un galardón convocado polo Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader) en colaboración co Laboratorio do Territorio (LaboraTe) da USC.

Nesta primeira edición, o premio recaeu en Estela Paradelo Fernández, enxeñeira en Xeomática e Topografía e máster en Xestión Sustentable da Terra e do Territorio pola USC. O xurado quixo recoñecer a valía da aplicación móbil ‘Galterrae‘, creada por Paradelo, unha iniciativa de carácter informativo e de prestación de servizos, a través da que as persoas usuarias poden informarse e recibir asesoramento sobre catro áreas diferentes, tales como o son a conservación da agua e dos solos, biodiversidade, canais curtos de comercialización e custodia do territorio, segundo explicou a súa impulsora.

Publicidade

O premio rende homenaxe ao falecido profesor de Enxeñaría Agroforestal do Campus Terra de Lugo

Ademais de premiar a ‘Galterrae’, o xurado acordou tamén outorgar unha mención honorífica á candidatura presentada ao certame polo enxeñeiro agrónomo Iván Díaz López, quen concorreu a esta convocatoria co traballo Mecanismo agrario de reestruturación comunitaria da superficie, unha proposta na que reflexiona e achega información sobre as potenciais vantaxes que podería reportar a cesión de uso das terras sen alterar a súa propiedade.

A cerimonia de entrega, que estivo presidida pola vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo, Montserrat Valcárcel Armesto, e na que tamén participaron os directores do Ibader, Pablo Ramil, e do LaboraTE, David Miranda, contou ademais co relatorio ‘Plantacións forestais e as novas paisaxes’, impartido polo catedrático do Departamento de Edafoloxía e Química Agrícola da USC Francisco Díaz-Fierros.

Publicidade

O premio ‘Rafael Crecente serve como homenaxe ao labor do profesor, falecido en 2015 aos 51 anos, experto en Enxeñaría Agroforestal e que foi director do Laboratorio de Estudos do Territorio. Está dotado con 2.000 euros de gratificación en metálico e orientado á participación de estudantes de grao e/ou máster xa egresados. No acto de entrega participaron un bo número de profesores e investigadores da USC, ademais de familiares e amigos do  homenaxeado, no salón da actos da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Lugo,  que foi tamén o escenario escollido polos promotores deste galardón para lanzar a convocatoria da segunda edición do certame.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Gciencia celebra o Día da Lingua Materna cun relatorio sobre a divulgación en galego

A xornalista Laura Filloy abordou a importancia de trasladar o coñecemento científico á sociedade nun acto celebrado no Campus de Lugo da USC

Atopado o talón de Aquiles da rata toupa, a praga que azouta a montaña luguesa

O estudo do órgano vomeronasal deste mamífero subterráneo avala o uso de químicos para diminuír a súa poboación e frear o seu impacto na agricultura

Os cubículos e corredores reducidos nas granxas de Lugo afectan a produción de leite

A tese de Sonia Verdes Gil conclúe que as superficies incómodas prexudican a saúde e a hixiene das vacas

A USC investiga novos produtos naturais para loitar contra a avespiña do castiñeiro

Un equipo de Lugo traballa no proxecto 'Go Delicias' co obxectivo de identificar e desenvolver as defensas da árbore fronte ao insecto