Os científicos alertan da situación “catastrófica” da investigación en España

Investigadores punteiros de Galicia denuncian o inminente colapso por falta de financiamento que afecta a miles de grupos

Precisamos unha declaración de zona catastrófica pola tormenta perfecta pola que estamos pasando. Precisamos solucións xa”. É a mensaxe de Xosé Bustelo, director daAsociación Española de Investigación sobre el Cáncer (Aseica) e vicedirector do Centro de Investigación del Cáncer de Salamanca (CIC), e un dos asinantes dun manifesto que este venres publica El País, no que alertan do colapso “inminente” da investigación científica en España se non se solucionan os retrasos no financiamento que sofren miles de grupos de investigación.

 

A carta está asinada polos referentes da ciencia en España e tamén en Galicia, como o propio Bustelo, Marisol Soengas, Ángel Carracedo, José Castillo, Javier Cudeiro, Rubén Nogueiras, Carlos Diéguez, África González, José Luis Mascareñas, Miguel A. López, David Posada ou Rafael López.

O manifesto, que pode apoiarse a través desta ligazón, expón que nos últimos anos “vense denunciando repetidamente o deterioro do sistema científico español, un proceso que se iniciou coa crise da pasada década e que provocou que a financiación en I+D+i retrocedera a niveis de hai quince anos”.

Queremos inventar nós, por favor!

Así, subliñan que “aínda que se poida argumentar que a caída nos orzamentos é unha consecuencia da crise económica que asolou España, convén resaltar que os fondos dedicados a I+D+i en toda a Unión Europea aumentaron no mesmo período unha media do 25%, con incrementos próximos ao 40% no caso de Alemaña e Reino Unido”, e que países tamén moi afectados pola crise, como Portugal, incrementaron tamén estas partidas.

Publicidade

Os científicos denuncian, do mesmo xeito, a “maquillaxe” dos orzamentos públicos “a través do aumento progresivo dos fondos destinados a créditos aos que non poden optar os científicos. Neste sentido, datos como o exposto pola Fundación Cotec sinalaba que só se usaba o 30% de todos os fondos consignados a I+D+i.

Retrasos e incerteza

Alén do descontento con estas cifras, a carta aborda un problema inmediato e que podería supoñer un “colapso” inminente de proxectos nos que participan miles de investigadores. “Os vaivéns políticos e retrasos orzamentarios provocaron tamén que as convocatorias dos distintos ministerios dirixidas ao financiamento de proxectos de investigación se converteran en caóticas durante os últimos anos”, advirten.

Así, “non se sabe cando se van a convocar, cando van a comezar os períodos de execución e que fondos van achegar aos grupos de investigación”. Poñen de exemplo a última convocatoria de proxectos do Plan Nacional de I+D+i do ano 2018, que saíu con máis de 7 meses de demora. “E aínda que os proxectos deberían terse iniciado o 1 de xaneiro deste ano, non o farán ata os últimos meses de 2019 segundo os cálculos máis optimistas”

O resultado é que “moitos grupos de investigación, sobre todo os liderados polos científicos máis novos, están sen financiamento desde o 1 de xaneiro. Isto conleva á súa vez o despedimento temporal de investigadores altamente cualificados debido á falta de continuidade entre proxectos sucesivos”.  Do mesmo xeito, a burocracia asociada á xestión de proxectos converteuse “nun auténtico pesadelo para os centros de investigación”.

Ante todo isto esixen “unha combinación de medidas a curto e longo prazo”, para achegarse aos obxectivos comprometidos pola estratexia europea de investimento en I+D+i e consolidar, entre outros aspectos, a Axencia Estatal de Investigación, con orzamentos autónomos e independentes dos Presupostos Xerais del Estado. “A próxima campaña electoral sería un bo momento para que todos os partidos políticos presentasen e debatesen os seus plans neste eido”, conclúen.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O ‘top 10’ da ciencia galega en 2025

Cirurxías pioneiras, achados paleontolóxicos e curación de enfermidades como a hemofilia B e a vertixe lideran os avances deste ano

Pontevedra convoca unha xornada para analizar os nesgos na ciencia co gallo do 25N

O encontro, organizado por GCiencia e pola Concellería de Igualdade, celebrarase o sábado 29 de novembro no centro social O Gorgullón

África González: “Deseñamos unha nova terapia CAR-T contra os cancros de páncreas e estómago”

A catedrática da UVigo acaba de ser galardoada co Premio María Josefa Wonenburger polas súas contribucións ao eido da inmunoloxía

A inmunóloga África González, premio Wonenburger 25

A Xunta outorga o galardón á catedrática da UVigo polo seu labor nas ciencias biomédicas e na nanomedicina