Un equipo galego detecta posibles biomarcadores da esquizofrenia resistente ao tratamento

Científicos do IDIS identifican un perfil de 16 microARN que diferencia aos pacientes que non responden á medicación dos que si o fan

A esquizofrenia é unha enfermidade mental complexa que afecta ao redor do 1% da poboación mundial. Entre un 20% e un 50% dos pacientes non responden aos antipsicóticos tradicionais, o que se coñece como esquizofrenia resistente ao tratamento (TRS). Agora, un equipo do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS) identifica diferenzas nos niveis de microARN —pequenas moléculas de ARN que permiten que as células descifren a información xenética do ADN— entre os pacientes con esquizofrenia que non responden á medicación e aos que si lles resultan efectivas as terapias farmacolóxicas. O estudo abre novas posibilidades para o diagnóstico e o tratamento desta enfermidade, dado que os microARN poderían ser biomarcadores da TRS.

O traballo analizou os niveis de microARN no sangue de 40 pacientes con esquizofrenia: 21 con TRS e 19 que respondían á medicación. Os resultados revelaron un perfil de 16 microARN que diferenciaba, cunha precisión superior ao 70%, aos pacientes con TRS daqueles a quen lles resultaba efectiva a terapia farmacolóxica. “Estas diferenzas nos niveis de microARN en pacientes con esquizofrenia resistente ao tratamento en comparación con aqueles que responden á medicación supoñen un achado que podería ser crucial no desenvolvemento de novos biomarcadores e estratexias de tratamento para a TRS”, explica o investigador Daniel Pérez-Rodríguez, primeiro autor do traballo.

Publicidade

O estudo non só se limitou a identificar microRNA diferenciais, senón que tamén explorou as posibles vías moleculares implicadas na TRS. Descubriuse que a resposta ao estrés parece ser un factor clave na esquizofrenia resistente ao medicamento e tamén se identificaron as proteínas p53, SIRT1, MDM2 e TRIM28 como posibles mediadoras desta resposta. A investigación, liderada dende o IDIS por Roberto Agís coa colaboración de José María Prieto González, tamén contou coa participación dun equipo do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur (IISGS).

Detección temperá e intervención personalizada

José María Prieto González e Roberto Agís, do IDIS.

O traballo abre novas posibilidades para o diagnóstico e tratamento da TRS. Os 16 miRNA identificados poderían ser utilizados como biomarcadores para a detección temperá da TRS, permitindo unha intervención máis precisa e personalizada. Ademais, as vías moleculares desveladas poderían ser dianas para o desenvolvemento de novas terapias dirixidas a combater a TRS de forma máis eficaz.

Publicidade

O estudo, publicado na revista International Journal of Molecular Sciences (IJMS), foi un dos máis descargados o pasado ano, segundo acaba de comunicar a propia revista científica. O equipo do IDIS que participou na investigación asegura que se trata dun “paso importante cara á mellora do diagnóstico, seguimento e tratamento da esquizofrenia resistente ao tratamento”, e esperan que futuras investigacións baseadas nestes achados conduzan a novas ferramentas e estratexias para mellorar a calidade de vida dos pacientes con TRS.


Referencia: MiRNA Differences Related to Treatment-Resistant Schizophrenia (Publicado en International Journal of Molecular Sciences)

1 comentario

  1. É increíble que se lle dea bombo a un estudio que claramente culpa ao paciente pola ineficacia e falta de evidencia dun tratamiento. Está frase díceo todo:

    “Entre un 20% e un 50% dos pacientes non responden aos antipsicóticos tradicionais, o que se coñece como esquizofrenia resistente ao tratamento (TRS)”

    Que preto do 50% dos pacientes non respondan ao tratamiento debería tomarse como un indicativo do seu fracaso non como un defecto dos seres humanos aos que se supón se lles quere axudar. Entristéceme que dende a ciencia se continue o estigma e non só iso, que se poña en perigo a integridade e recuperación de persoas que tratadas doutro xeito terían un futuro, por non falar de calidade de vida. O ego da industria farmacolóxica é desbordante.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo da UDC reconstrúe a evolución do lince europeo coa análise de ADN e proteínas antigas

A investigación analizará tres especies de lince do suroeste de Europa para reconstruír as súas relacións evolutivas e as hibridacións entre elas

Científicos galegos lideran o primeiro estudo español para predicir risco personalizado de cancro de mama

O proxecto MamoRisk recabará datos de 10.000 mulleres seleccionadas aleatoriamente entre participantes nos programas de cribado de 14 comunidades autónomas

Detectar esquizofrenia a través da fala: as claves dun estudo pioneiro en Galicia

A investigadora da UVigo María Vila Tarela analiza os trazos prosódicos e fonéticos de persoas coa enfermidade co obxectivo de mellorar o seu diagnóstico no futuro

Un equipo de Santiago revela patróns xenéticos compartidos entre oito trastornos mentais

Un novo estudo do IDIS aplica por primeira vez unha abordaxe estatística novidosa en psiquiatría co obxectivo de mellorar o diagnóstico e impulsar a medicina personalizada