As augas galegas non salientan por ser o edén das medusas como si o son para outros animais mariños. Avistalas non é tan doado e atopar unha nunha praia é algo tan anecdótico que pode reunir a un grupo de persoas arredor dela. Sen dúbida, son rechamantes polas súas formas e cores e cando aparecen varadas na beira do mar é imposible non deterse para observalas de preto. Esta escena pode converterse en algo habitual nos areais de Galicia. Nas praias de Carnota e Area Maior (Muros) apareceron varios exemplares nos últimos días de Pelagia noctiluca. As condicións meteorolóxicas, que activaron as alertas na comunidade por temporal costeiro, poden ser unha causa do varamento segundo a Estación Biolóxica da Graña, institución científica que forma parte da Universidade de Santiago (USC). Non obstante, non é a única. O seu xefe, Guillermo Díaz, alega que “cada vez haberá máis en Galicia”. Os motivos: o quecemento das augas e a diminución dos depredadores.
A aplicación MedusApp permite saber en que punto da costa peninsular se avistan medusas. A diferenza do litoral galego coas zonas bañadas polo Mediterráneo é moi pronunciada. Unha gran cantidade de usuarios reportaron que en lugares como Málaga, Cartaxena, Alacante, Valencia, Barcelona hai decenas de medusas nos últimos días. Nada que ver co Cantábrico e o litoral galego: dende o 10 de marzo só se viron seis medusas en dúas praias de Galicia. En total, dende o 1 de xaneiro, 207, 67 máis que o ano pasado segundo os datos da plataforma. Díaz apunta que non é “raro” que as medusas sexan arrastradas polas correntes marítimas e que aparezan nos areais galegos. “Sempre chegaron. En Ferrol poden facelo en setembro ou outubro, pero cada vez van ser máis comúns. Teñen menos depredadores e as augas están máis quentes”, explica o xefe da estación.
As tartarugas, os peixes migratorios como os atúns, os peixes espada ou bonitos son algúns dos animais que se alimentan delas, aínda que poden ser atacadas tamén por peixes pequenos e crustáceos. A sobrepesca provoca un descenso prenunciado nas poboacións, ademais, medusas e peixes compiten polo mesma comida, o que favorece que teñan máis fácil alimentarse. A maior cantidade de medusas vive en mar aberto naquelas zonas nas que abunda o zooplancton, o seu alimento preferido. “Cada vez temos menos vento no nordeste, que é o que as afastan das costas. Algo que favorece á súa aparición son o quecemento das augas”, apunta Díaz. As temperaturas altas axudan á proliferación destes animais, pero tamén ao seu estrés dependendo da especie. Segunda indica o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (Miteco), as medusas teñen períodos de “aparición estacional” e a época de maior abundancia sitúase entre o comezo da primavera e final do verán.
Con todo, existen varios factores que están favorecendo á súa dispersión polas praias da península. Por unha banda, o Miteco sinala a diminución no réxime invernal de chuvias e o aumento da radiación solar. “Este fenómeno favorece que nas augas litorais se produzan menos aportes de augas doces continentais, co que a diferencia de salinidades entre as augas costeiras e as de mar aberto é menor e, en consecuencia, o seu achegamento á costa por ventos non se ve limitada por unha menor densidade de auga que afectaría negativamente na súa flotabilidade”. De feito, a proliferación de Pelagia noctiluca, que é a especie localizada en Carnota e Area Maior, coinciden con estas condicións climatolóxicas. Se as correntes superficiais —quentes— presentan unha temperatura similar que na costa, é máis fácil que as medusas sexan transportadas ata as praias.
A carabela portuguesa
A especie máis perigosa que pode chegar ás costas españolas é a Carabela portuguesa (Physalia physalis). Tocalas pode ter graves consecuencias, especialmente para os nenos. O pasado agosto apareceron de maneira masiva no Cantábrico, e en Galicia deixáronse ver en lugares como Ferrol, Malpica, Carballo, O Grove e Vigo. Picaron a varias persoas, por iso se izaron bandeiras amarelas para alertar aos bañistas. Aínda que este animal chame moito a atención, non é seguro tocalo, tampoco a outro tipo de medusa. “A especie que chegou os últimos días non te vai matar, pero pode causar algún problema serio. Non é tan perigosa como a carabela portuguesa, pero é mellor non tocar estes animais”, explica Guillermo Díaz. No caso de ter constancia de que hai medusas nunha praia, o Miteco apunta que o máis seguro é non bañarse, así como prever as picaduras mediante a aplicación de cremas solares.
Se unha persoa se atopa co animal mentres que está na auga, o máis aconsellable é alonxarse del o máis lentamente posible, xa que os movementos bruscos poden favorecer que os tentáculos interactúen co corpo humano. “As medusas nunca atacan, pícannos porque nos atopamos con elas. Pódense apartar coa palma da man empuxándoas lentamente pola parte superior da umbrela onde hai menor concentración de células urticantes”.













