A chanfaina é o prato estrela nas cociñas de San Sadurniño. Pero este embutido de tradición secular e humilde orixe é hoxe en día moito máis que un dos referentes gastronómicos da Ferrolterra. É un elemento da identidade local que tamén contribúe a dinamizar a vida cultural neste pequeno concello coruñés e os seus arredores. O Chanfaina Lab, encontro de creación audiovisual que leva o nome desta típica vianda, ten colocado no mapa a esta pequena poboación de arredor de 3.000 habitantes.
A orixe deste embutido pérdese nos tempos dos señoríos feudais, cando os labregos se vían na obriga de reservar as mellores partes do porco para o seu señor e, polo tanto, só lles quedaban as vísceras para se alimentar. Tradicionalmente, a chanfaina se facía despois da matanza e consistía en meter os distintos ingredientes dentro dun estómago do animal.
Esta peculiar receita, de laboriosa preparación e que se pode degustar tanto quente como fría, ten resistido con éxito ao paso dos séculos e á evolución dos gustos gastronómicos da sociedade, cun sabor intenso que non soe deixar indiferente a quen a proba. Non só se prepara nas cociñas das casas de municipios como San Sadurniño, senón que tamén se pode degustar nalgúns establecementos hostaleiros e nas festas de exaltación que se celebran na comarca da Ferrolterra.
O feito de tratarse dun “revolto” de distintas cousas e de ser unha receita de procedencia humilde son características que o prato comparte co Chanfaina Lab, un encontro de cineastas convidados a facer audiovisual en San Sadurniño equipados co mínimo imprescindible: o seu saber facer e unha cámara coa que percorrer as distintas parroquias. Lembrando a orixe da chanfaina, o coordinador do encontro, Manuel González, di con humor que “é o cine máis pobre que pode haber”.
O Chanfaina Lab, encontro de creación audiovisual que leva o nome desta típica vianda, ten colocado no mapa a esta pequena poboación de arredor de 3.000 habitantes
Cine feito con medios limitados, pero que achega resultados moi valiosos. Continuando o símil gastronómico, o coordinador do evento explica que cada edición “ofrece un menú degustación do que ten acontecido en San Sadurniño ao longo do ano”. Deste xeito, a cita audiovisual convértese nun arquivo dinámico, vangardista e participativo sobre a vida a historia deste concello rural.
O proceso de elaboración da chanfaina, fitos históricos como a chegada da luz eléctrica a San Sadurniño, proxectos de emprendemento local radicados no concello e outros moitos outros temas teñen cabida neste vasto rexistro audiovisual, accesible na web Fálame de San Sadurniño. Unha compilación que vai sumando olladas desde fóra e desde dentro: as propostas dos cineastas convidados e dos participantes locais.
Para ofrecer este menú degustación, o equipo do Chanfaina Lab ten as súas funcións tan ben definidas como as pode ter unha cociña profesional. Así, González sostén que “o masterchef é o alcalde” e matiza que o seu papel, máis que de coordinador “é o de de sous chef encargado dos convidados”. Porén, incide en que a peza fundamental da engrenaxe é Carmen Suárez (responsable da Aula Cemit de San Sadurniño) que é “a sous chef que se encarga de todo o material”. Tamén resulta indispensable o apoio que prestan os distintos “pinches”, colaboradores que botan unha man desde as diferentes parroquias do municipio.
Filme-receita da chanfaina
Pero a presenza do prato tradicional no encontro de San Sadurniño non é só simbólica ou testemuñal. Vai alén do nome e do seu organigrama. Se unha parte importante da gastronomía é a súa compoñente social –o feito de compartir mesa e mantel para degustar a comida en boa compañía– no Chanfaina Lab ocorre exactamente o mesmo: a filosofía do encontro audiovisual tamén ten que ver co “convivio”, os momentos de reunión e xantar nos que os cineastas descobren a cociña local.
Desde este punto de vista, o encontro tamén serve de escaparate de especialidades das distintas parroquias do municipio: da propia chanfaina, á que se lle dedica un día específico, pero tamén das carrilleiras de tenreira ou do cabrito ao espeto, por citar algúns exemplos.
Na primeira edición do Chanfaina Lab, o cineasta Marcos Nine abordou o proceso elaboración deste peculiar embutido de intenso sabor. Desenvolvendo dúas liñas temporais, o audiovisual retrata fielmente os xeitos tradicionais e actuais de preparala, todo baixo a maxestosa música de Gustav Malher. Un filme-receita que resulta ser “unha exaltación da gastronomía local” e, ao mesmo tempo, unha “metáfora do proceso de creación audiovisual”.
Dinamizando o rural
O encontro, que nas súas seis edicións celebradas conta co apoio de Concello de San Sadurniño e a Deputación da Coruña, ten as súas orixes na actividade da aula Cemit do Concello, que traballa en achegar as novas tecnoloxías á veciñanza. A partires de aí, Chanfaina Lab botou a andar en 2014 cunha primeira edición na que todos os participantes eran cineastas de primeiro nivel, pero na que non se presentaron creacións realizadas polos veciños. Tras o sorprendente resultado acadado e a boa acollida, a semente prendeu e, pouco a pouco, a veciñanza foise animando a facer tamén os seus propios vídeos. Na última edición celebrada, antes da chegada da covid (2019); o 70% dos participantes foron locais.
Co Chanfaina Lab, mozos e mozas de instituto, xente de mediana idade e un nutrido grupo de persoas maiores traballan man a man con creadores de primeira división no audiovisual galego. “Créase un ambiente moi especial, unha sorte de burbulla onde todo o mundo o pasa xenial. Buscamos esa comuñón entre o local e o de fóra”, insiste Manuel González.
González destaca a importancia do Chanfaina Lab por “poñer no mapa” o concello e, polo tanto, o seu prato máis tradicional. Como “legado” do proxecto destaca o valor artístico, antropolóxico e etnográfico da colección audiovisual que se vai xerando, así como os efectos positivos no que respecta á dinamización do lugar: “a xente préstase a colaborar para o que faga falta” e participa “con moito orgullo”.
Nese senso, lembra que tamén son “chanfaneiras” as protagonistas de “Teño unha horta en San Sadurniño”, un proxecto de alfabetización dixital tamén xestado na Cemit e que viu a luz en 2015. Esta canle de Youtube alimentada por catro veciñas (Consuelo Picos, Cruz Piñón, Lucía Pita e Carmen Couce, co apoio de Carmen Suárez da Aula Cemit) busca preservar os saberes da agricultura tradicional a partir de simpáticos titoriais nos que elas mesmas ensinan a plantar cebolas, enristrar leitugas, podar tomates, plantar azafrán… ou incluso experimentar con novos cultivos como a pataca doce.
Coa vista posta en 2022
A irrupción da covid-19 obrigou a facer unha parada de 2 anos no encontro Chanfaina Lab, dado que unha das partes fundamentais desta proposta cultural pasa polo “encontro” entre cineastas galegos de primeiro nivel e veciñanza. “Non é facer as películas. Iso é o resultado final. O bonito e o que nos gusta é o proceso, a viaxe”, destaca o coordinador.
Agora, a organización ten a ollada posta en 2022, con esperanzas de poder retomar o camiño andado e seguir sumando edicións a esta innovadora proposta cultural onde a gastronomía local tamén está presente. Serán novas pezas para un “crebacabezas-chanfaina” onde os distintos ingredientes se combinan para facer de San Sadurniño un lugar ideal para gozar dunha cociña de cine.