Os 120 sismos rexistrados en Galicia en 2018

O Instituto Geográfico Nacional publicou na rede un vídeo no que se resume, de forma cronolóxica, a actividade sísmica detectada pola súa rede durante o ano 2018 que terminou hai uns días. E Galicia aparece como unha das zonas con maior cantidade de sismos, xunto ao sur da península Ibérica (zona de encontro das placas euroasiática e africana), os Pireneos e Canarias (pola súa natureza volcánica).

Os mesmos datos do IGN recollen que en Galicia e o seu litoral houbo arredor de 120 sismos con magnitude superior a 2. O maior deles, que acadou unha magnitude de 3,7 e unha intensidade IV (que calcula os efectos nos edificios e obxectos e na natureza), tivo lugar o 17 de novembro en Melgaço (Portugal) pero moi preto da fronteira, e percibiuse en centos de puntos do sur de Galicia, co que o IGN rexistrou unha gran cantidade de avisos.

Publicidade

Tamén superaron a magnitude 3, e foron sentidos pola poboación, os sismos de Taboada (21 de agosto; 3,5), Sarreaus (14 de outubro; 3,3), Meira (21 de setembro; 3,1), Triacastela (2 de agosto; 3,0) e dous sismos en Ponte Caldelas, os días 15 e 17 de maio, con magnitudes 3,1 e 3,2, respectivamente.

Arredor deste municipio pontevedrés produciuse un dos fenómenos que máis chamou a atención neste ano en Galicia. Un enxame sísmico con decenas de pequenos movementos (algúns nin sequera superaron a magnitude 2) notáronse durante días nesta zona. Outro sismo bastante sentido (pola densidade de poboación da zona) foi o de Oleiros, en febreiro, cunha magnitude de 2,9.

Publicidade

No conxunto da península, o sismo máis forte foi o rexistrado o 15 de xaneiro en Arraiolos, no Alentejo portugués, cunha serie de réplicas percibidas claramente pola poboación. Menor magnitude, por exemplo, ca o recordado sismo de maio de 1997 en Lugo, que acadou 5,1, e xerou gran inquedanza en toda Galicia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O proxecto Sensoxenoma evidencia que a música deixa pegadas medibles nos xenes e proteínas

A investigación da USC e do IDIS cumpre cinco anos con máis de 20.000 mostras e detecta respostas biolóxicas tras a exposición sonora, tamén en persoas con TEA

O polbo galego estase a mudar ao Reino Unido?

Os pescadores do suroeste de Inglaterra viviron en 2025 o maior 'boom' de 'Octopus vulgaris' nos últimos 75 anos

Unha nova pintura chega á Coruña: a viaxe dunha táboa flamenga recuperada do tráfico de arte

A peza, do século XVI e atribuída a un pintor anónimo, foi localizada en Italia tras ser exportada ilegalmente dende España

Atopados os restos óseos de tres individuos na foxa común de Serantes 

A cata arqueolóxica coordinada por Histagra confirma a presenza dun enterramento irregular que podería acoller preto de 200 vítimas da violencia golpista