Lugo e Ourense, con máis frío ca Reykjavik, Oslo ou Estocolmo

En pleno inverno, Galicia está rexistrando estes días temperaturas máis baixas ca as principais capitais escandinavas. Mentres en Reykjavik, Oslo, Estocolmo ou Copenhague superan os 0ºC durante case toda a xornada, algunhas localidades do interior de Lugo e Ourense, sobre todo nos vales, acadaron mínimas de -8º. Un frío propio doutras latitudes.

Segundo os datos da rede de MeteoGalicia, houbo en Verín -8,3º, en Calvos de Randín  -8,1ºC; en Xinzo -6,1ºC; en Bóveda -6,1ºC; e en Ordes -5,4ºC. E estiveron baixo cero moitas outras zonas. Ademais, os mapas publicados pola axencia reflicten como os bancos de néboa persistentes, especialmente no val do Miño e de Lemos, impediron o ascenso das temperaturas máximas. Así, na xornada de onte, o valor máximo acadado en Bóveda foi de 1,3ºC. En Portomarín apenas se chegou aos 2,8ºC e en Lugo, aos 3,7ºC.

Publicidade

En contraste, por riba dos 900 metros de altura apenas se caeu durante a noite dos cero graos. O único lugar foi O Invernadoiro con -1,3º. Pero nos cumios de Trevinca, O Cebreiro, Ancares ou O Courel, houbo menos frío.

Menos frío nas alturas; por que?

Despois de varios días co anticiclón estacionario sobre a península Ibérica, con pouco vento, pouca humidade no aire e noites largas, en Galicia estase vivindo un episodio de inversión térmica, caracterizado pola presenza en alturas medias dunha capa de aire máis quente e, por tanto, menos denso. Con ceos despexados, o solo perde calor rapidamente durante a noite e arrefríase, polo que a superficie queda cunha temperatura máis baixa ca as capas superiores.

Publicidade

 

Así, limítase a circulación do aire, e o frío fica nas zonas máis baixas. En zonas con moita actividade urbana e industrial, este fenómeno pode dar lugar a episodios de contaminación que poden afectar á saúde, xa que os gases nocivos non ascenden pola troposfera e concéntranse na superficie.

Normalmente, durante o día, o calor do Sol rompe esta inversión e a temperatura ascende. Porén, no caso dos lugares onde se forman brétemas, a situación pode persistir; e isto provoca, coma estes días, temperaturas moi baixas no interior de Galicia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O aire polar provocará un descenso brusco das temperaturas dende o martes en Galicia

O descenso térmico irá acompañado de vento de mar no litoral da Coruña, onde se ditamina a alerta amarela

Unha nova fronte atlántica acende a alerta por temporal marítimo na costa da Coruña

MeteoGalicia informa de que as precipitacións chegarán na xornada do martes, pero a influencia anticiclónica volverá a partir do mércores

Dun anticiclón a ondulacións do chorro polar: unha dina pechará a semana en Galicia

O sábado caen as temperaturas, tanto as máximas, que non superarán os 20 graos na maior parte do territorio galego, como as mínimas, que acadarán os 9 no interior

Unha dina acende a alerta laranxa en Galicia por fortes treboadas: estes son os concellos afectados

O interior da Coruña e o centro de Lugo estarán en aviso por tormentas que poden vir acompañadas de aparello eléctrico e sarabia