Mércores 8 Maio 2024

Un científico sostén que a muller máis vella do mundo mentía

Ao mirar o libro Guiness dos récords, o nome de Jeanne Calment aparece desde 1997 como a muller máis vella que nunca viviu. Faleceu na cidade de Arlés, ao sur de Francia, onde viviu toda a vida, aos 122 anos e 164 días. Foi tamén a única persoa que superou, ata agora, os 120 anos de idade. Varios científicos certificaron a súa lonxevidade mentres vivía. Porén, un matemático ruso está semetando nas últimas semanas o debate internacional ao poñer en dúbida que Calment fose realmente supercentenaria.

Nikolay Zak está preparando a versión definitiva dun artigo (que xa se pode consultar en ResearchGate) no que cuestiona os argumentos que outros investigadores deron para validar a idade da anciá francesa. “A literatura que recolle a súa historia revela múltiples contradicións, nas súas entrevistas, biografías, fotos e documentos”, sostén Zak.

Publicidade

A hipótese do matemático ruso xira arredor de que a filla de Jeanne, Yvonne Calment, suplantou a identidade da súa nai tras a morte desta, en 1934, para evitar o pago do imposto de sucesións. Por tanto, a falecida en 1997 tería realmente 99 anos.

Foto de Jeanne Calment aos 20 anos, en 1895.
Foto de Jeanne Calment aos 20 anos, en 1895.

Como proba, Nikolay Zak achega varios detalles. “Os estudos sinalan que despois dos 100 anos, Calment perdeu moi pouco peso, o que non é normal”. Engade que “un pasaporte de Jeanne nos anos 30 amosa unha cor de ollos distinta dos que ten despois da súa suposta morte, en 1934. E tamén achega fotografías de Jeanne e a súa filla, nas que se ven diferenzas físicas na fronte e na meixela, así como unha verruga no nariz que aparece nunha foto de Yvonne de moza e tamén na suposta Jeanne nos seus últimos anos. O investigador ruso sostén, ademais, que Calment destruíu fotografías e outros documentos familiares cando se lle pediu envialos para corroborar a súa lonxevidade.

Resposta

Ás afirmacións de Zak xa tiveron resposta entre algúns dos científicos que validaron a lonxevidade de Calment. Jean-Marie Robine, un destes investigadores, sostén que “todo isto é insostible”. Segundo recolle a revista Smithsonian, Robine lembra que a muller respondeu a preguntas que só ela podía saber, como o nome da súa profesora ou os inquilinos do seu edificio na súa infancia. “A filla non podería saber iso”, expón. Ademais, a supercentenaria afirmaba ter coñecido a Van Gogh cando el visitou a cidade en 1888.

Pola súa parte, Nicolas Brouard, director de investigación do Instituto Nacional de Estudos Demográficos de Francia, sinalou que algúns expertos están a favor de exhumar os corpos de Jeanne e Yvonne para acabar co debate, segundo sinala a radio pública francesa RFI.

En declaracións a The Washington Post, Nikolay Zak sinalou que as críticas son “deshonestas” e animou a quen cuestiona a súa investigación a rebater os seus argumentos. Desde Guinness World Records tamén están ao tanto da situación, que procederán a analizar, segundo anunciou unha voceira da institución.

Non é a primeira vez que a ciencia rebate as afirmacións dalgúns lonxevos célebres. Shigechiyo Izumi, un xaponés falecido en 1986, afirmaba que tiña 120 anos, pero un estudo posterior sinalou que en realidade tiña 105.

No caso de que as afirmacións de Zak sexan certas, o título da persoa máis vella que xamais viviu pasaría a mans de Sarah Knauss, unha muller falecida aos 119 anos e 97 días en 1999.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Atopan gravados neandertais con máis de 57.000 anos de antigüidade en Francia

Nunha cova do val do río Loira descobren unha serie de marcas non figurativas que foron realizadas coa man de forma deliberada

Ernest Bazin, un colosal inventor na ría de Vigo

O enxeñeiro francés patentou revolucionarios buques e aeróstatos, e presentou na ría grandes adiantos para rescatar os tesouros de Rande

Que deberías comer para vivir o maior tempo posible?

Unha revisión de varios estudos sobre dietas, alimentos e xenética deron lugar a unha nova fórmula para mellorar a saúde e alongar a vida

Son preocupantes as infeccións asociadas ao consumo de pizzas contaminadas en Francia?

O produto, que non foi distribuído en España, contiña a bacteria 'Escherichia coli' produtora da toxina Shiga, que causou a morte de dous nenos