As persoas que, a pesar do confinamento, tiveron que saír na mañanciña deste martes dos seus fogares en Galicia atopáronse cun acontecemento no ceo que poucas veces se ve na vida. Josep María Trigo, astrofísico e responsable da Rede de Investigación sobre Bólidos e Meteoritos que se observan sobre o territorio español, explicaba esta tarde que un feito destas características acontece “cada década, cando non con menos frecuencia” sobre a península ibérica. Tres días despois de ser lanzado desde o cosmódromo de Baikonur, un foguete Soyuz que impulsou cara ao espazo a nave de carga Progress MS-14, encargada de levar subministros á Estación Espacial Internacional, fixo que moita xente levantara a testa cara ao ceo para ver o espectáculo.
O investigador Marco Langbroek, arqueólogo e astrónomo afeccionado, analizou no seu blog o fenómeno avistado en Galicia, que xerou un interese internacional ao longo da xornada. As imaxes amosan a traxectoria que seguiu o fragmento, pertencente a unha das etapas do aparello.
Como confirmou o astrofísico José Ángel Docobo, director do Observatorio Ramón María Aller da Universidade de Santiago de Compostela, o meteoro entrou desde o litoral sur e desapareceu polo nordeste, en dirección ao mar Cantábrico. Decenas de persoas rexistraron o acontecemento cos seus teléfonos móbiles.
Máis información:
Un fragmento dun foguete Soyuz lanzado o pasado sábado ilumina o ceo de Galicia














