“Isto pode adiantar anos nas medidas precisas fronte ao cambio climático”

Xabier Labandeira, profesor da UVigo e colaborador do Grupo Intergobernamental sobre Cambio Climático (IPCC) da ONU, aborda as oportunidades que poden xurdir nas políticas ambientais

O catedrático de Economía da UVigo Xavier Labandeira. Foto: xavierlabandeira.eu.
O catedrático de Economía da UVigo Xavier Labandeira. Foto: xavierlabandeira.eu.

A paralización de parte da mobilidade dos seres humanos debido á pandemia que está a vivir o planeta deixou nas semanas posteriores ao comezo da crise algunhas imaxes que podían verse mesmo desde fóra do planeta. Os satélites que recollen os datos de emisións de gases producidos pola humanidade e as súas actividades detectaron descensos nunca vistos en tan pouco tempo. A crise chegou meses despois de que o activismo climático collera un importante pulo, agora en suspenso, como tantas outras cousas, debido á emerxencia. Pero como se afrontará a cuestión do cambio climático unha vez que isto pase? Xavier Labandeira Villot (Vigo, 1967), catedrático de Economía Aplicada da Universidade de Vigo, traballa na actualidade na elaboración do sexto informe do IPCC,  que actualizará e avaliará o coñecemento sobre cambio climático nas súas distintas facetas. Ve a situación actual como unha encrucillada na que, por agora, é difícil saber como se verán afectadas as políticas ambientais e, do mesmo xeito, a visión da sociedade cara a elas.

– Como ve a situación da loita contra o cambio climático tras a pandemia?

– A moi curto prazo, está claro que os gobernos intentarán sobre todo paliar os efectos máis destrutivos da crise, en termos de emprego, de garantir as rendas sobre todo nos grupos máis vulnerables da poboación, etc. Seguramente, as cuestións climáticas queden un pouco aparcadas.

– E máis alá, que pode pasar?

Hai dúas posibilidades, con todos os seus matices, e que dependen tamén do impacto que a pandemia está a xerar en cada rexión e tamén en como estaban estas zonas antes disto. Por unha banda, que se poñan en cuestión algunhas ‘limitacións’ ambientais ao crecemento económico, e que se esquezan en aras de favorecer a recuperación, sobre todo en certos países que se vexan moi afectados pola crise.

E por outra, a visión máis desexable e optimista, a de que podemos ter a oportunidade de refacer as cousas doutra maneira, e que a reactivación sexa desde unhas bases moito máis sostibles. Unha das ideas que circulan é que isto pode adiantar en varios anos as medidas que iamos ter que tomar antes ou máis tarde para facer fronte á crise climática. Nun momento no que a intervención pública se está a facer a gran escala, poden desenvolverse políticas que aposten polos sectores de máis futuro e que permitan unha rápida descarbonización das nosas sociedades.

Non vai ser fácil, porque algúns lugares están e estarán nunha situación máis comprometida ca outros, mesmo con diferenzas rexionais.

Hai paralelismos entre algunhas propostas fronte ao cambio climático e as medidas obrigadas polo confinamento. Algunhas poderían quedar?

– Hai algúns comentaristas que apuntan as semellanzas entre a política climática e o tratamento fronte á Covid-19. Nos dous casos hai un forte compoñente de incerteza por exemplo como se vai expandir e que mortalidade causará no caso da pandemia, en que medida os efectos de retroalimentación do planeta poden multiplicar os danos do cambio. E tamén coincide no shock fortísimo que poden supoñer ambos problemas a escala global e nas necesidades de solucións cooperativas a nivel mundial.

Pero con esta crise estamos aprendendo cousas que igual nos serven para actuar mellor despois no caso da mitigación do cambio climático. Por exemplo,  igual non é preciso coller un avión e cruzar un océano para unha reunión que, salvando as distancias, podemos ter desde o noso despacho. E a xente igual tamén comprende que a pegada de carbono que deixamos en certas viaxes turísticas é moi importante, e que hai outras cousas igual de interesantes e enriquecedoras que podemos facer sen deixar esa pegada.

Xavier Labandeira: “Levamos 20 anos sen abordar correctamente o cambio climático”

– En Galicia que oportunidades hai, e que decisións se poden tomar?

– Non temos unhas características moi diferenciais sobre a folla de ruta que seguir respecto a outros territorios. Pero probablemente si que esteamos mellor situados ca outros para unha transición á descarbonización: temos un país con grandes capacidades en enerxías renovables, como a hidroeléctrica e a eólica, mesmo a solar. Pero claro, precísanse políticas serias e un compromiso de todos os sectores.

Todos sabemos a que nos enfrontamos, porque a situación é complicada e pode estourarnos nas mans. Un exemplo é o que pasou nas Pontes, ou outras industrias galegas, nas que se sabía o que ía pasar, pero converteuse nunha situación complicada para moita xente porque non se artellou unha transición con plans claros. Ademais da posibilidade de acertar de forma coxuntural, hai que estar preparados desde o punto de vista estrutural, e iso non se consegue ás présas. De novo, similitudes entre a xestión climática e a preparación fronte a unha pandemia.

Como cidadáns, o que temos que pedir é máis previsión aos políticos, para que a transición, que vai chegar si ou si, sexa o máis suave posible. Cando optas por políticas draconianas, facendo moito en pouco tempo, os custos para a sociedade van ser maiores, e por exemplo, provocas que un transportista que acaba de endebedarse para mercar un camión se quede no aire e sen alternativas. E iso pasa por non ter políticas potentes que marquen os sendeiros compatibles coa descarbonización. Porque habemos de chegar a unha descarbonización completa en menos de tres décadas, pero parece que hai xente que aínda non o ten claro. E se non se toman decisións axeitadas, isto pode desembocar en sobrecustos para a sociedade e con problemas distributivos, de falta de equidade, que complicarán todo.

“O que temos que pedir é máis previsión aos políticos, para que a transición, que vai chegar si ou si, sexa o máis suave posible”

– É posible que non se regrese aos niveis de emisións anteriores á crise?

– Hai poucos días soubemos do derrubo das emisións de gases contaminantes nas cidades galegas, coas importantes implicacións en mellora de calidade de vida e redución de mortalidade a causa da contaminación local. Estes niveis non van seguir así cando se comece a recuperar a actividade, pero por iso mesmo temos marxe para buscar novos camiños, como dicía antes: usar menos o vehículo privado e camiñar máis, avogar pola menor presencialidade nos traballos, abrir aos peóns os espazos públicos para que se despracen facilmente a pé, etc.

Esta crise pode ser tamén un xeito de dicir: “Que mal o estabamos facendo”, vendo a cantidade de contaminación en grande parte innecesaria, que emitiamos á atmosfera. En Galicia, en cidades como Vigo ou A Coruña, as que máis problemas teñen de contaminación, sería interesante ver se os responsables políticos toman nota e desenvolven medidas ao respecto aproveitando as medidas de reactivación post-covid.

– Había unha visión ‘negacionista’ do cambio climático para evitar tomar políticas sostibles. Hai risco de que siga medrando isto?

– É un risco que temos, como o ten todo o mundo. Pero eu, por exemplo, non vexo que moitos países europeos tomen ese camiño. Confío en que pensemos máis alá do curto prazo. É algo complicado, porque hai un derrubamento no prezo dos combustibles fósiles e do CO2 que marcan os mercados de emisión. Se a gasolina e o diésel están tan baratos (e isto posiblemente dure tempo) vai ser complicado evitar que se reduza o seu uso, por exemplo retrasando a compra de vehículos con menos emisións. Temos que intentar que isto non suceda, e actuar sobre o mercado de comercio de emisións ou aumentando impostos sobre combustibles fósiles. Se non o facemos, imos pagalo. É o outro escenario, máis pesimista: se coa excusa da recuperación económica despois do shock se aparca o tema ambiental, o golpe vai ser máis duro despois; en vez de gañar anos, estaremos perdéndoos. E Galicia non debería atrincherarse e poñer parches, como vimos nalgúns decisores políticos e cidadáns nos últimos meses neste ámbito, porque significaría máis dor para o futuro, polos custos máis elevados para todos pero especialmente para os que contan con menos medios económicos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.