Un fragmento dun foguete Soyuz lanzado o pasado sábado ilumina o ceo de Galicia

Numerosas persoas avistan un meteoro froito da desintegración da terceira etapa do foguete que lanzou unha cápsula para abastecer á Estación Espacial

Nin a constelación Starlink, nin un meteorito, nin invasión alieníxena. O meteoro avistado por numerosas persoas sobre as 6.45 horas da mañá deste martes sobre Galicia procede dos restos dun foguete Soyuz que foi lanzado desde o cosmódromo de Baikonur (Kazajstan) o pasado sábado 25 de abril pola axencia rusa Roscosmos. As primeiras informacións apuntaban a un meteoro de considerable magnitude do que houbo rexistros na Coruña, Ferrol, Moaña, Padrón, Caldas de Reis, Camariñas ou A Merca, entre outros lugares.

O fragmento que iluminou o ceo galego corresponde, segundo confirmaron diversos expertos, cunha das etapas do foguete que levaba a bordo a nave de carga Progress MS-14. O director do Observatorio Ramón María Aller de Santiago, José Ángel Docobo, xa avanzara na mañá do martes, dada a velocidade do corpo e a duración do avistamento, a que se podería tratar dun obxecto artificial desintegrándose contra a atmosfera. “Moi probablemente é a reentrada dun foguete dos que se usan para poñer en órbita satélites artificiais“, explicaba Docobo.

Publicidade

Así se viu a bóla de lume do foguete Soyuz sobre Galicia

Pouco despois, Docobo engadía que a traxectoria do foguete foi de suroeste a nordeste. “Normalmente estes obxectos van perdendo altitude pouco a pouco despois de cumprir coa súa tarefa, e desintégranse ao chegar ás capas máis baixas da atmosfera”. Neste caso, todo apunta a que o obxecto, de resistir algún fragmento ao contacto coa atmosfera, tería caído no mar a non menos de 100km da costa galega.

O director do observatorio compostelán lembrou, do mesmo xeito, os poucos precedentes ao respecto en Galicia sobre este tipo de fenómenos. “Hai case 20 anos, o 16 de setembro de 2001, a última hora da noite, pasou algo semellante. Houbo bastante inquedanza, porque foi só cinco días despois dos atentados do 11-S”, lembra o profesor da USC.

Publicidade

O suceso tivo lugar algo antes das sete da mañá, segundo expuxeron a través da rede social Twitter dous usuarios que publicaron cadanseu vídeo, aos que sucederon numerosos testemuños en Galicia. O primeiro deles, Israel Borja Nuñel, gravou o meteoro desde a zona do Monte de San Pedro da Coruña. Pouco despois comezou a circular tamén nas redes outro vídeo feito por Antón, veciño de Feáns, na que se albisca como o bólido cruza o ceo. “Durou máis dun minuto; ao comezo era un único corpo, pero despois de pasar detrás dunha nube, xa apareceu fragmentado”, conta Antón.

Segundo recolleu o programa Galicia por Diante, da Radio Galega, o bólido tamén foi observado por operarios de Navantia que estaban a piques de entrar a traballar, ou desde Caldas de Reis.

 

2 COMENTÁRIOS

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un potente anticiclón chega a Galicia: estamos ante a primeira onda de calor do ano?

As temperaturas poderán ser as máis altas rexistradas para esta época do ano entre finais da semana e comezos da próxima

Dos ventos do sur aos eucaliptos vellos: os factores tras o primeiro grande incendio da tempada en Galicia

A combinación de factores no lume de Herbón-Padrón, con 350 hectáreas queimadas, confirma unha mudanza nos patróns de propagación

Crista subtropical sobre Galicia: os modelos europeos anticipan temperaturas extremas

A chegada dunha masa de aire cálida traerá unhas anomalías positivas de 6ºC no litoral galego e ata 10ºC no interior

Unha igrexa e un curtidoiro elevan a 93 os bens galegos na Lista Vermella

A Coruña concentra o maior número de monumentos en risco, con 34, seguida de Lugo, Pontevedra e Ourense