Galicia rexistra 90 novos positivos durante o luns

As UCI rexistran a súa maior baixada de ocupación debido á doenza, pasando de 83 a 73 persoas ingresadas, e súmanse nove falecementos máis

A Dirección Xeral de Saúde Pública difundiu este martes os últimos datos sobre a epidemia da Covid-19 en Galicia, que se corresponde coa información pechada ás 21 horas do luns. Nese momento eran 6.947 as persoas afectadas polo coronavirus SARS-CoV-2, no que respecta ao cumio da pirámide de persoas afectadas (aquelas ás que se lle realizou a proba para confirmar a doenza). No tocante aos novos positivos confirmados (cifra que achega o Ministerio de Sanidad), rexístranse 90 novos casos, polo que a cifra segue estando por debaixo do centenar, aínda que hai unha lixeira suba respecto á fin de semana. Con todo, o número de probas PCR ralentízase, ao facerse 2.176 fronte ás 4.171 do venres e o ritmo de 3.000 diarias da pasada semana.

Casos activos

Os casos activos son 56 máis có día anterior, toda vez que se descontan aos positivos confirmados as altas e os falecementos. Nos hospitais hai 22 persoas menos, ao caer un 12,05% a ocupación nas UCI (de 83 a 73), e unidades de hospitalización (de 507 a 495). Por outra banda, segundo informou o Ministerio de Sanidad, hai que contar 12 novos ingresos pola doenza nos hospitais galegos, aínda que non se corresponden co aumento de hospitalización que amosan as cifras do Sergas, xa que a diferenza coas altas concedidas opaca este número nos datos difundidos por Sanidade. Respecto ao día anterior, concedéronse 25 altas hospitalarias.

Publicidade

O resto dos casos, 6.379 (91,82% do total) están sendo atendidos no domicilio. Con todo, cómpre sinalar que nesta última porcentaxe se inclúen as máis de 760 persoas persoas usuarias en residencias de maiores, que nalgún caso teñen un prognóstico grave debido ás complicacións propias da idade. Boa parte dos falecementos dos últimos días rexístranse entre estas persoas atendidas “no domicilio”.

Falecementos e altas

No que abrangue aos falecementos, cóntanse 540 óbitos, 9 máis respecto á cifra anterior. Deles, tres corresponden a usuarios residentes en centros de maiores. Un faleceu no DomusVi-Matogrande da Coruña e outro na NS Esperanza de Ourense, ademais doutro que, segundo informa a Xunta, se inclúe nos datos de hospitais e residencias integradas. Os datos están actualizados ás 21 horas da noite anterior, polo que é posible que as cifras de óbitos medren durante o día.

Publicidade

Desde o comezo da crise, a Xunta notificou que 247 das persoas falecidas por coronavirus en Galicia (un 45,74% de todas as mortes) son residentes destas instalacións. Desde o 8 de abril, cando se comezou a informar das mortes diarias entre usuarios das residencias, máis da metade dos óbitos en Galicia corresponden a estas persoas.

A relación entre o número de casos e novas altas volve distanciarse debido ao menor ritmo de concesión de altas e o repunte de positivos.

A Dirección Xeral de Saúde Pública tamén informou de que se realizaron ata o momento 90.000 probas PCR, 2.176 máis có luns, o que pode gardar relación coa menor confirmación de novos positivos. Porén, tal e como destacan os datos do Goberno español, é posible que Galicia estea diagnosticando tamén casos a través de tests de anticorpos, aínda que as informacións do Ministerio de Sanidad indican que Galicia segue sen informar de como detecta cada un dos casos.

Con todo, a cifra de probas PCR non se corresponde co total de persoas analizadas, xa que é habitual que se lle realicen dúas probas a un mesmo paciente (ás veces máis) para comprobar a evolución da doenza, así como as persoas ás que só se lles fixo un test de anticorpos, que tampouco se recollen nesta cifra. Con todo, nos últimos días vese que a relación de novos casos respecto ao total de probas é cada vez menor. Isto pode explicarse, ademais da remisión da epidemia o maior número de análises, co seguimento de persoas xa estudadas previamente nas que agora se confirma a desaparición do virus.

Áreas sanitarias

En atención ás cifras que achega a Xunta, por cada unha das sete áreas sanitarias nas que se reparte o territorio galego, actualmente estase seguindo a 1.667 persoas na área da Coruña-Cee, 675 na de Lugo-A Mariña-Monforte, 1.325 na de Ourense-Verín-O Barco, 576 na de Pontevedra-Salnés, 1.236 na área de Vigo, 1.061 na de Santiago-Barbanza, e 407 na de Ferrol. A área que abrangue o noroeste da provincia coruñesa segue representando o maior incremento de casos na última semana, mentres que a situación estabilízase no resto. Porén, a maior incidencia segue estando na provincia de Ourense.

Así foi a evolución desde o 13 de marzo:

Residencias de maiores e discapacidade

En Galicia, a Consellería de Política Social segue achegando o número de casos activos en residencias de persoas maiores e con discapacidade, que na actualidade supoñen o 17,33% das persoas afectadas en Galicia. 861 usuarios e 343 profesionais destes centros están infectados por coronavirus. Só en Ourense hai máis de 300 casos vinculados a estes centros, o que repercute directamente no aumento da incidencia. A cifra está descendendo nos últimos días debido á curación e ao falecemento de parte dos usuarios.

Esta é a situación actual en España:

A cifra de mortes por covid-19 baixa a 301 en España en 14 horas

En Portugal:

E no mundo:

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Do cambio climático aos patóxenos: as claves do acusado declive da zamburiña en Galicia

Un grupo do IIM-CSIC inicia unha investigación no único banco natural explotable en Galicia que apunta unha combinación de múltiples factores

▪️ Galicia rexistrou a primavera máis seca dende 1990

O último informe de Meteogalicia indica que nos meses de marzo, abril e maio houbo un 46% menos de precipitacións do habitual para o período

Cinco motivos polos que a Unesco tumba a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade

Un informe do Icomos sinala deficiencias na representatividade, na metodoloxía, no descenso demográfico e nos efectos das infraestruturas sobre o valor da paisaxe

A riqueza baixo os carballos: un estudo pioneiro con participación da USC revela a súa diversidade fúnxica

A investigación identifica 297 especies asociadas ás raíces destas árbores no norte peninsular e confirma a existencia de extensas redes biolóxicas