O grande asteroide 1998 OR2 pasa este mércores preto da Terra

A gran rocha de catro km de diámetro pasará a 16 veces a distancia coa Lúa polo que non representa perigo ningún

Un asteroide coa clasificación de ‘potencialmente perigoso’, con preto de 4 km de diámetro, aproximarase este mércores 29 de abril á Terra. Afortunadamente pasará a unha distancia 16 veces maior que a que nos separa da Lúa, polo que non: non vai chocar co noso planeta nin producir efecto ningún.

O nome do asteroide é 1998 OR2 e pasará a máis de 6 millóns de quilómetros da nosa Terra, como informa a axencia SINC.

Publicidade

1998 OR2 era un asteroide do Cinto Principal, unha franxa circular de rochas espaciais que se atopa entre Marte e Xúpiter. Por distintos motivos, normalmente por interaccións cos xigantes do sistema solar Xúpiter e Saturno, estas rochas, que habitualmente se atopan tranquilas no cinto, poden cambiar a súa órbita e caer cara ao sistema solar interior.

Daquela é cando se achegan á órbita do noso planeta e pasan a ser considerados obxectos potencialmente perigosos. Ese é o caso de 1998 OR2, un asteroide de tipo NEO (obxectos próximos á Terra, en inglés). Cruzará a órbita terrestre e, como pode representar unha ameaza, hai que telo controlado.

Publicidade

Este asteroide é moi grande, comparado cos tamaños doutros que tamén pasan preto da Terra. O seu diámetro é de arredor de 4 km e, en principio, iso convérteo no asteroide máis grande e que máis preto vai pasar de nós nos próximos anos.

Podería impactar nun futuro afastado

Supón este asteroide algún perigo para nós? Segundo os científicos, a resposta é clara: “Non”. Nesta ocasión, estará a 16 veces a distancia Terra-Lúa. Esa é unha separación dabondo segura.

No ano 2076 vai pasar a só catro veces a distancia Terra-Lúa. Nese momento tampouco será perigoso, pero teremos que estar atentos, controlando a órbita deste obxecto, porque existe a posibilidade de que no futuro, dentro de centos ou miles de anos, experimente unha pequena perturbación e remate por chocar coa Terra. Se isto sucedese, daquela podería ser un problema para os habitantes que eventualmente vivan no planeta.

Hoxe en día estanse a desenvolver varias misións, tanto da NASA como da Axencia Espacial Europea (ESA), para que se se poida desviar un asteroide en caso de detectar un de grandes dimensións.

Pero os expertos insisten, non é o caso de 1998 OR2, que pasará a unha distancia segura do noso planeta.

O número que identifica o asteroide 1998 OR2 fai referencia a que foi descuberto no ano 1998, o 24 de xullo, por astrónomos do programa Near Earth Asteroide Tracking (NEAT) desde o Observatorio de Haleakala, en Hawai (Estados Unidos).​

NEO, NEA e PHA

Os obxectos próximos á Terra (NEO, Near Earth Objects) non se refiren só a asteroides. Tamén inclúen cometas, satélites artificiais e meteoroides de tamaños inferiores a 50 metros. Incluso un obxecto desta envergadura podería ocasionar grandes desfeitas sobre a superficie da Terra.

Un obxecto que se achega ao noso planeta é considerado NEO cando o seu perihelio (a súa distancia máis próxima ao planeta) é menor de 1,3 unidades astronómicas (tendo en cuenta que unha unidade astronómica é aproximadamente a distancia media entre a Terra e o Sol).

O Cinto Principal de Asteroides é a orixe de todas as rochas que caen á Terra, tanto as grandes como as pequenas. Pénsase que pode ter máis de tres millóns, dos que se coñecen arredor de 930.000 e entre os que se atopa Ceres, o maior de todos eles.

Normalmente, os NEO que se achegan á Terra adoitan ter a súa orixe neste Cinto principal, ao contrario que os cometas, que poden vir da parte externa de Nube de Oort ou do Cinto de Kuiper.

A probabilidade de impacto dun asteroide non é elevada. Ademais, dado que o 80% da superficie da Terra é auga, o máis probable é que non o fixese sobre unha zona habitada. Pero se isto se producise, a catástrofe ambiental sería moi grave.

Cando un asteroide se achega á Terra chámase NEA (Near Earth Asteroid) e, dentro desta categoría, hai un subgrupo cuxas siglas en inglés son PHA (Potentially Hazardous Asteroids) e que se refiren aos asteroides potencialmente perigosos.

Un NEA pasa a ser un PHA cando ten un tamaño maior de 150 metros de diámetro e se a distancia entre a súa órbita e a órbita da Terra é menor de 25 veces a distancia Terra-Lúa.

Hoxe en día coñecemos máis de 2.000 obxectos que responden a estas características. Pero, á marxe de supoñer unha ameaza, os asteroides tamén representan unha oportunidade xa que, pola súa composición, é probable que o futuro enerxético da humanidade dependa deles.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O pico de actividade das Oriónidas coincidirá cunha Lúa case chea

O paso da Terra pola órbita do cometa Halley traerá unha chuvia de estrelas, cuxo pico de actividade terá lugar o 21 de outubro

Esta é a primeira mostra do mapa do universo elaborado pola ESA e con participación galega

A misión Euclid elaborará a primeira cartografía tridimensional do cosmos, rexistrando as formas, distancias e movementos de millóns de galaxias localizadas a 10 mil millóns de anos luz

Galicia vive unha semana de récord con mareas vivas históricas

Este xoves, as mareas vivas sacudirán as augas galegas a causa da aliñación de Terra, Lúa e Sol nun mesmo plano, con efectos maiores sobre a ría de Foz

Como ver dende Galicia a eclipse parcial de lúa desta madrugada?

O fenómeno coincide co satélite na súa fase chea e moi próximo ao perixeo, o cal deixará unha influencia moi notable nas mareas