Xoves 25 Abril 2024

Risco e niveis de alerta pola pandemia: en que punto se atopa Galicia?

Os indicadores que ten en conta cada comunidade autónoma e as medidas acordadas co Ministerio de Sanidad inclúen distintos criterios para tomar decisións

A comarca do Carballiño converteuse este xoves nunha das zonas de Europa con maiores limitacións por mor do aumento na transmisión da Covid-19 nas últimas semanas. O peche das actividades non esenciais no Carballiño, Boborás e O Irixo, as restricións á mobilidade cara ao resto do territorio e a prohibición de reunións de non conviventes, entre outras medidas, supoñen un escenario que se achega ao da pasada primavera. Toda Galicia, coas limitacións xerais de reunións a un máximo de cinco persoas, está nun nivel máis estrito, neste caso, ca outras comunidades con indicadores de risco moito peores nas últimas semanas na evolución da pandemia.

Mais cales son eses indicadores? Por que nalgúns casos coinciden, e outros se establecen en función do que decida cada comunidade autónoma? Como se atopa Galicia respecto a eles? Non hai unha única resposta, xa que nela conflúen aspectos epidemiolóxicos, pero tamén políticos, que cada Administración adapta ao escenario que considera máis conveniente. As últimas decisións do Goberno estatal e os autonómicos, cunha rápida escalada de novas restricións, descolocan ás veces á cidadanía. Estas son algunhas das claves:

Publicidade

Indicadores a nivel estatal

O acordo acadado este xoves no Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde puxo sobre a mesa algúns indicadores comúns para todas as comunidades autónomas. Resúmense nun documento de 22 páxinas (ver PDF) no que se avalía o risco, defínense os niveis de alerta e as correspondentes actuacións de resposta para cada un deles. O obxectivo é, segundo expuxo o Ministerio de Sanidad, permitir a cada comunidade autónoma “adoptar medidas proporcionais, adaptables á situación e ao contexto de cada territorio”.

Táboa de indicadores determinada por Sanidad. Preme para ver a tamaño completo. Fonte: Ministerio de Sanidad.
Táboa de indicadores determinada por Sanidad. Preme para ver a tamaño completo. Fonte: Ministerio de Sanidad.

O documento salienta que esta avaliación pode facerse en distintas unidades territoriais, desde a comunidade autónoma ata o municipio ou zona básica de saúde e outras peculiaridades de cada territorio. E amosa oito indicadores divididos en dous bloques: a incidencia nos últimos sete e 14 días, estes dous mesmos criterios para o caso das persoas de 65 ou máis anos, a positividade global das probas de diagnóstico en cada semana, a porcentaxe de casos con trazabilidade (no primeiro dos bloques); e a ocupación de camas de hospitalización e de coidados críticos por casos de Covid-19, no segundo dos bloques.

Aínda que a táboa superior inclúe os indicadores válidos para establecer o nivel de risco, Sanidad propón outros aspectos complementarios cos que se pretende guiar unha resposta máis precisa. Son, entre outros, a tendencia de casos diagnosticados, a positividade en atención primaria, o número reprodutivo instantáneo, os casos sospeitosos por cada caso confirmado, a taxa de probas realizadas, os tempos de diagnóstico, os novos ingresos por Covid-19, as taxas de mortalidade ou os brotes en centros sociosanitarios, entre outros.

Cada un destes indicadores valora cinco niveis de risco: o mínimo desexable para a chamada ‘nova normalidade’, baixo, medio, alto ou moi alto. E segundo so datos dos que se dispón, esta é a situación de Galicia:

A partir de aquí definiríanse os niveis de alerta 1, 2, 3 ou 4, en función de cada un dos indicadores arriba citados, que combinan os dous bloques.

Atendendo a isto, e ao atoparse Galicia en nivel baixo no bloque referente á ocupación hospitalaria, a comunidade ficaría no nivel 1. Porén, de ter en conta a situación complicada que se está a vivir, por exemplo, na área de Ourense ou Santiago, determinados concellos ou comarcas poderían pasar a un nivel de maior risco, segundo contempla o documento no marco estatal.

E segundo estes niveis, Sanidad propón ás Administracións autonómicas, que posúen as competencias nesta materia, unha serie de medidas referentes ás relacións sociais, de movilidade, traballo, transporte público, cerimonias, eventos, centros sociosanitarios, residencias locais comerciais e de ocio e diversos tipos de actividades.

Dentro desta longa batería de recomendacións, cada comunidade autónoma pode decidir pola súa conta onde pon o acento á hora de conter a transmisión do virus, en función da situación epidemiolóxica, pero tamén das súas características sociodemográficas. No caso de Galicia, por exemplo, o maior avellentamento da poboación pode ser un dos factores que leven a anticiparse ás restricións.

Galicia, a pesar de estar en nivel 1, ten en vigor medidas de nivel 3 no referente a limitación de reunións (5 persoas)

Por poñer un exemplo: no que atinxe ás relacións sociais, e a pesar de atoparse no nivel 1, a Xunta de Galicia decidiu establecer medidas moito máis estritas do recomendado, despois de constatar que arredor do 90% dos contaxios se estaban producindo en encontros sociais. Deste xeito, as reunións están limitadas a cinco persoas, un número menor do que establece o nivel 3 das recomendacións de Sanidad (máximo de 6 persoas).

Tendo en conta isto, as zonas de Galicia nas que rexen restricións máis severas van, por tanto, máis alá do recomendado no documento, como é o caso citado do Carballiño, a comarca de Verín, Ourense e Barbadás (con restricións de mobilidade e prohibición de reunión con non conviventes), e Santiago e Ames, onde os encontros tamén se limitan a conviventes.

Algo semellante acontece, por exemplo, con cerimonias fúnebres como velorios e enterros, limitados en toda Galicia a 10 persoas en espazos pechados, un limiar situado no nivel 3 de alerta.

Na hostalaría, por exemplo, todo o territorio galego mantén medidas de nivel 2, nas que se recomenda un 50% de capacidade no interior dos locais, un máximo de cinco persoas por mesa e a prohibición do consumo en barra.

Indicadores incluídos por Sanidade

Despois da xuntanza do Consello Interterritorial celebrada o xoves, a Xunta de Galicia remitiu unha nota de prensa na que, alén de valorar positivamente os indicadores acordados, manifestaba a vontade de que se tiveran en conta outros criterios. Propúxose, por exemplo, a situación das urxencias hospitalarias e outros indicadores “cualitativos” que o comité clínico que asesora á Xunta de Galicia ten en conta á hora de determinar as súas medidas.

Por outra banda, Sanidade advertiu de que nos casos de municipios menores de 20.000 habitantes, o criterio da incidencia acumulada pode “inducir a erro”, xa que un brote pequeno e controlado podería disparar este valor, sen que necesariamente se estea producindo un risco moi alto.

Do mesmo xeito, os representantes de Sanidade e o comité clínico apuntaron nas súas últimas comparecencias que manexan máis dunha decena de indicadores cos que se artellan as medidas decretadas en cada área. Algúns deles, como expuxo a Xunta, son os aspectos “cualitativos”: non é o mesmo, por exemplo, un brote concentrado en xente nova, con máis relacións sociais e maior posibilidade de transmisión asintomática ou presintomática; ca un brote concentrado nunha residencia de maiores. Cada situación leva a tomar unha determinada medida.

O comunicado da Xunta referiuse tamén a un dos debates dos últimos días, a posibilidade dun confinamento nocturno da poboación, para o cal se expuxo a posibilidade de declarar o estado de alarma. A Xunta expón que “Galicia está a favor de ter capacidade de utilizar restriccións, tal e como xa lle indicou ao Ministerio que solicitara o comité clínico galego”, mais a Administración autonómica oponse “a ligar estas restricións ao estado de alarma, senón ás peticións da autoridade sanitaria e de saúde pública ao Tribunal Superior de Xustiza”, manexando por tanto esta decisión no eido autonómico.

Situación actual

O debate sobre o establecemento desta nova listaxe de restricións enmárcase dentro do empeoramento global da situación no territorio estatal. No caso de Galicia, Sanidade informou de 514 novos casos confirmados por PCR entre as 18 horas do mércores e o xoves, o que eleva a cifra de casos activos aos 5.880.

Tal e como se observa baixo estas liñas, este indicador medra en todas as áreas sanitarias, agás Ourense, onde as restricións decretadas en semanas anteriores parecen amosar os primeiros efectos a pesar da alta transmisión que aínda se mantén.

No referente aos niveis de alerta por concello que establece a Xunta en función do número de casos detectados nos últimos sete días, xa son 25 os municipios que están no nivel 3. Outros 19 están no nivel 2, e 35 máis, no nivel 1. Con todo, 234 municipios mantéñense no nivel 0, con menos de 7 casos detectados nos últimos sete días.

Mapa de risco municipal, con datos pechados o xoves 22 ás 18 horas. Fonte: Consellería de Sanidade.
Mapa de risco municipal, con datos pechados o xoves 22 ás 18 horas. Fonte: Consellería de Sanidade.

A ocupación hospitalaria volve medrar, con 48 persoas na UCI e outras 325 noutras unidades de hospitalización. A área de Ourense mantense como a zona cunha maior carga asistencial.

En canto aos falecementos, rexistránse xa 856, nove deles nas 24 horas anteriores ao peche do último informe.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Comesaña: "O Centro de Protonterapia tratará pacientes de cancro en 2025"

O conselleiro de Sanidade fala da situación da sanidade galega e dos novos proxectos de terapias oncolóxicas

Por que están aumentando os casos de covid en Galicia? Estas son as claves

Un maior movemento da poboación no verán, a caída da inmunidade e a aparición de novas liñaxes de ómicron poden ser os desencadeantes

Nova variante covid? Estes son os motivos polos que están aumentando os casos en España

O cambio de costumes durante o verán e a relaxación das medidas preventivas explicarían o incremento de contaxios

Sonia Villapol: “En Galicia estímase que 75.000 persoas teñen covid persistente”

A neurocientífica galega acaba de publicar un libro no que reflexiona sobre as leccións aprendidas durante a pandemia