Desde o comezo da pandemia da Covid-19, as persoas que están a seguir a investigación que se desenvolve para combater o SARS-CoV-2 xa se familiarizaron co termo ACE2 (encima convertedor da anxiotensina 2), un receptor celular ao cal a espiga do novo coronavirus se une para entrar nas células humanas e comezar o seu proceso de infección. Téñense publicado numerosos estudos arredor da ACE2, mais agora un novo traballo publicado en Science, e xa avanzado en semanas anteriores, achega a relevancia dun novo receptor, a neuropilina-1 (NRP-1), que axuda ao SARS-CoV-2 a incrementar a súa infectividade.
A investigación internacional está encabezada pola Universidade Técnica de Munich en Alemania y la Universidad de Helsinki en Finlandia. A NRP-1 é abundante nas células presentes na cavidade nasal, polo que axuda ao virus nesta vía de entrada para replicarse e propagarse no organismo, ata chegar a infectar a outra persoa.
Desde que a comezos do ano se descubriu o papel da ACE2 o encima TMPRSS2 na infectividade do novo coronavirus, grupos de todo o mundo afondaron no proceso polo cal o SARS-CoV-2 adquire semellante capacidade para invadir diversos tecidos do organismo.”O punto de partida do noso estudo foi preguntarnos por que o SARS-CoV, que xurdiu no 2003, provocou un brote máis pequeno no mundo e foi neutralizado a tempo, mentres que o SARS-CoV-2 adquiriu unha infectividade maior, tendo en conta que usan o mesmo receptor ACE2″, explica o virólogo da Universidade de Helsinki Ravi Ojha.
Unha peza clave do crebacabezas encaixou, segundo expoñen os autores do traballo, cando se compararon os xenomas virais dos dous coronavirus. “En comparación co causante do primeiro SARS, o novo coronavirus adquriu unha ‘peza extra’ nas proteínas da súa superficie, que tamén está nas espigas de moitos virus como o ébola, o VIH e cepas patóxenas de gripe aviar, entre outras”, engade Olli Vapalahti, outro dos virólogos da Universidade de Helsinki que participa no traballo.
Esta pista levou a buscar a posible influencia da NRP-1 como factor común. Este receptor adoita xogar un papel clave na resposta a factores de crecemento no desenvolvemento de tecidos, especialmente no sistema nervioso. Porén, tamén pode ser para algúns virus un ‘gancho’ que facilita a entrada nas células hospedadoras. E mediante a análise con microscopía electrónica das espigas da ‘coroa’ do SARS-CoV-2, apuntouse á posibilidade dunha relación con este receptor.
Así, mediante o uso de proteínas do SARS-CoV-2, coas que os científicos poden observar o mecanismo de entrada do virus nas células sen preocuparse do mecanismo de replicación, o que dificulta o seguimento do estudo, constatouse que estas proteínas teñen maiores dificultades para entrar na célula se a NRP-1 está bloqueada, o que se conseguiu mediante o uso de anticorpos monoclonais. “Se pensamos na ACE2 como a fechadura da porta de entrada, a NRP-1 podería ser algo así como o factor que levaría o virus ata a porta”, expón Giuseppe Balistreri, outro dos autores da investigación. Engade este científico que ACE2 está expresada en niveles moi baixos na maioría das células, polo que en teoría non debería ser fácil para o virus entrar se dependese só deste factor; porén, outros factores, como NRP-1, poderían axudar”.
Deste xeito, ao estar moi presente na cavidade nasal, a NRP-1 sería algo así como unha ‘alfombra vermella’ para o SARS-CoV-2. E, sobre todo, unha advertencia para a habitual práctica de levar a máscara sen cubrir o nariz.
A investigación tivo tamén en conta as mostas de tecido que expresan NRP-1, e que foron tomadas en pacientes falecidos por Covid-19, o que aumentou as sospeitas dos científicos. A través dun experimento con ratos, expúxose que o SARS-CoV-2 pode ter neste receptor unha vía de acceso ao sistema nervioso. Con todo, advirten os autores, queda por saber se este achado garda relación co impacto neurolóxico que ás veces produce a Covid-19 nalgúns pacientes.
“Poderiamos determinar que NRP-1, polo menos na condición dos nosos experimentos, facilita o transporte ao cerebro, pero non podemos chegar a ningunha conclusión sobre se isto implica tamén ao SARS-CoV-2; é probable que esta vía sexa neutralizada polo sistema inmune na maioría dos pacientes”, expón Mika Simons, da Universidade Técnica de Munich.
Este achado pode contribuír, por tanto, a novas estratexias terapéuticas antivirais, segundo avanzan os propios autores no artigo.
Referencia: Neuropilin-1 facilitates SARS-CoV-2 cell entry and infectivity (Publicado en Science).