Venres 19 Abril 2024

Alta calidade nas candidaturas de grupos de investigación aos Premios Spin-Off PuntoGal

Equipos investigadores das tres universidades galegas concorren no certame organizado por GCiencia e PuntoGal

Grupos de investigación vinculados ás tres universidades galegas participan na IV Edición dos Premios Spin-Off PuntoGal que nesta oportunidade inclúe un apartado especial dedicado a recoñecer o traballo dos investigadores galegos en diversos sectores. O xurado está a avaliar seis candidaturas de grupos que destacan pola calidade do seu traballo e pola súa capacidade de innovación no desenvolvemento do seu labor.

A investigación sanitaria e o obxecto de varios dos grupos que presentan a súa candidatura neste edición dos premios pero tamén hai outros que se dedican á química biolóxica, á informática aplicada ou ao desenvolvemento de novos materiais.

Publicidade

A calidade das candidaturas presentadas queda acreditada polas numerosas patentes e traballos publicados en medios de prestixio polos distintos grupos participantes e polo elevado financiamento obtido por moitos dos proxectos nos que participan estes grupos.

O grupo Plasticidade Epitelial e Metástase pertence ao Instituto de Investigación Biomédica de A Coruña (INIBIC). Centra a súa actividade no estudo dos mecanismos moleculares implicados na plasticidade epitelial durante a progresión tumoral, a metástase e a resistencia aos fármacos. Actualmente centra a súa actividade en establecer unha spin-off para desenvolver un inhibidor específico coma terapia anti-metastática do cancro de colon. O grupo está coordenado pola doutora Angélica Figueroa Conde-Valvís.

O Grupo de Investigación de Javier Montenegro pertence ao Departamento de Química Orgánica da USC e desenrola a súa actividade de xeito independente no CIQUS.  A súa investigación céntrase nas áreas de química biolóxica e supramolecular, e máis particularmente no desenrolo de novas estratexias e moléculas sintéticas que permitan atravesar a membrana celular de xeito eficiente. Na actualidade, traballa no desenvolvemento da tecnoloxía TraffikGene para o seu emprego na investigación dunha vacina anti Covid-19.

Pola súa banda, o grupo Laboratorio de Bases de Datos (LBD), creado en 1996 e vinculado á Universidade da Coruña, comprometeuse dende os seus inicios coa informática aplicada e a transferencia de tecnoloxía, mais sen perder nunca de vista a excelencia investigadora. Entre os proxectos desenvolvidos polo grupo destacan a Biblioteca Virtual Galega e a web de Patrimonio Cultural Galego, entre moitos outros en colaboración con administracións públicas e empresas. O grupo é coordenado pola doutora Nieves Rodríguez Brisaboa.

O grupo Novos Materiais, da Universidade de Vigo, iniciou a súa actividade no ano 1986 co estudo de técnicas láser para aplicacións na microelectrónica,fotónica e metalúrxica. Na última década, os esforzos do grupo centráronse en liñas de investigación orientadas ao desenvolvemento de biomateriais e materiais ópticos, así coma no procesamento mediante técnicas láser con aplicacións en ámbitos como a medicina, a microelectrónica, a restauración do patrimonio, etc. O grupo ten liderado proxectos europeos e de transferencia tecnolóxica. Na actualidade está dirixido polo catedrático de Física Aplicada Pío González Fernández.

QUIMOLMAT1 pertence ao grupo de Química Molecular e de Materiais  do Centro de Investigacións Científicas Avanzadas (CICA) e Facultade de Ciencias da Universidade da Coruña (UDC). Na actualidade desenvolve unha liña de investigación para desenvolver materiais sólidos avanzados (híbridos orgánicos-inorgánicos) calóricos que permitan refrixerar o noso mundo (alimentos, medicamentos, inmobles, equipos electrónicos, etc.) de xeito máis eficiente e respectuoso co medioambiente. O grupo está dirixido pola catedrática de Química Inorgánica da UDC, María Antonia Señarís Rodríguez

O grupo VARPA (Visión Artificial e Recoñecemento de Patróns) centra a súa actividade  no campo do procesamento de imaxes e os sistemas de intelixencia artificial, ámbolos dous aplicados no campo da imaxe tanto a nivel médico como industrial. Está integrado no Departamento de Computación e Tecnoloxías da Información da Facultade de Informática da Universidade da Coruña e adscrito ao CITIC. VARPA centra a súa actividade no desenvolvemento de programas informáticos de telemedicina para mellorar a prestación da atención facilitando a colaboración entre os profesionais da saúde e permitindo o diagnóstico e o seguimento a distancia. Manuel González Penedo, catedrático de CC. Físicas, é o coordinador do grupo.

As innovacións obtidas, as publicacións e a colaboración co ámbito empresarial son algúns dos aspectos que terá en conta o xurado na súa deliberación para elixir ao grupo gañador

A documentación e méritos aportados polas  seis candidaturas están a ser avaliados polo xurado, que terá en conta aspectos coma a calidade dos proxectos nos que participan os grupos, as innovacións obtidas, as publicacións realizadas, a súa traxectoria nos últimos anos e a súa colaboración co ámbito empresarial. Ademais, térase en conta que a presenza da muller  nos grupos sexa relevante, tanto en número coma en xerarquía.

O xurado emitirá o seu veredicto nas próximas semanas, tanto na categoría de Grupos de Investigación coma nas de Selo de Calidade e Idea Emerxente, que tamén forman parte dos Premios Spin-Off PuntoGal. A entrega dos galardóns aos gañadores terá lugar antes de que finalice o ano nunha cidade galega por determinar, sempre que a evolución da crise sanitaria que vivimos o permita.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Gciencia celebra o Día da Lingua Materna cun relatorio sobre a divulgación en galego

A xornalista Laura Filloy abordou a importancia de trasladar o coñecemento científico á sociedade nun acto celebrado no Campus de Lugo da USC

Desmontando Mitos en catro minutos, o novo pódcast da colaboración de Gciencia coa Fecyt

O xornal da ciencia estrea este sábado a cuarta temporada da serie creada para combater falsas crenzas
00:05:26

Gciencia fai 10 anos

O portal da ciencia culmina dez días de celebracións polo seu décimo aniversario

Máis xornalismo e máis divulgación

Editorial de Gciencia polo seu décimo aniversario