Os rebrotes de Covid-19 detectados polo Servizo Galego de Saúde nas comarcas da Mariña de Lugo e o Barbanza provocaron que este mércores fose o día no que máis novos casos se notificaron en Galicia desde finais de maio. A Consellería de Sanidade, segundo os datos que publica o Ministerio de Sanidad, informou de sete positivos detectados na comunidade durante a xornada do mércores. Todo apunta ao brote da Mariña de Lugo, en persoas dun núcleo familiar residentes en distintos municipios da comarca, como punto de orixe deste incremento.
Na última semana, segundo Sanidad, Galicia diagnosticou 21 novos casos de persoas afectadas pola infección do SARS-CoV-2. Con todo, só dúas persoas destas persoas iniciaron síntomas na última semana, o que se corresponde coa infección asintomática da meirande parte dos casos detectados debido ao rastrexo dos contactos e a detección precoz das infeccións.
Tal e como se amosa no gráfico, no rango das últimas dúas semanas Galicia rexistrou 31 novos positivos, aínda que só 10 deles iniciaron síntomas neste tempo. Esta cifra correspóndese, de acordo á nova estratexia de diagnóstico, control e vixilancia da pandemia, cos casos detectados a través de proba PCR ou ben de anticorpos IgM (os que aparecen na fase inicial da infección). En total, Galicia diagnosticou por esta vía 9.186 casos desde o comezo da crise.
Casos activos
Segundo informou na mañá do xoves a Dirección Xeral de Saúde Pública, segue habendo 333 casos activos de coronavirus en Galicia. Deles 102 son da área da Coruña, 27 da de Lugo, 22 da de Ourense, 8 da de Pontevedra, 135 da área de Vigo, 28 da de Santiago, e 11 da de Ferrol. A área de Lugo, con 10 casos máis, concentra os novos positivos debido ao brote da Mariña. Destas persoas, 5 están en unidades de hospitalización e 328 no domicilio. Este xoves Galicia sumou dúas semanas seguidas sen falecementos por Covid-19. A cifra é de 619 mortes.
Por outra banda, o número de persoas curadas é de 10.563. Nesta cifra, a Consellería de Sanidade inclúe tamén ás persoas nas que se detectou o positivo a través de probas de anticorpos, aínda que fóra do criterio que o Ministerio de Sanidad considera como casos de Covid-19. Sumando as cifras de falecementos, curacións e casos activos, extráese que en Galicia se infectaron 11.515 persoas, polo que unhas 2.330 delas terían dado positivo a través de anticorpos, pero sen manifestar unha infección activa. O número de PCR realizadas é de 170.204, 1.794 máis có mércores, o que tamén supoñería o maior número de análises realizadas no último mes, debido ao maior esforzo na detección precoz dos rebrotes rexistrados.
Situación dos rebrotes e novos casos illados
A media tarde do xoves, a Consellería de Sanidade actualizou a información sobre o foco detectado na Mariña. O resultado das probas realizadas elevaron a 11 os positivos, mentres que outros 23 deron resultado negativo, mentres se seguen estudando posibles contactos. A maioría das persoas positivas seguen sendo asintomáticas ou presentan síntomas de carácter leve. Ningunha delas foi hospitalizada. As persoas que deron negativo teñen a obriga, segundo insiste Sanidade, de gardar corentena durante 14 días. Alén disto, os contactos que deron negativo estarán en vixilancia no domicilio, asesorados pola Plataforma de Vixilancia Epidemiolóxica e os Servizos de Medicina Preventiva e Saúde Pública do Sergas.
Ademais dos casos do foco de Xove, Sanidade informou de que na comarca da Mariña hai outros tres positivos por Covid-19. Un dos pacientes está ingresado no Hospital Público da Mariña e os outros dous permanecen en seguimento domiciliario.
Ata o de agora, a Consellería non informou de novos positivos do segundo dos rebrotes, o da comarca do Barbanza. Hai nove casos confirmados e arredor dun cento de persoas baixo seguimento.