Estes son os maiores raios rexistrados: 709 km e case 17 segundos de duración

A Organización Meteorolóxica Mundial certifica que dous raios rexistrados en 2018 en Brasil e 2019 en Arxentina duplican os rexistros anteriores

Un comité de expertos da Organización Meteorolóxica Mundial (OMM) estableceu dous novos récords mundiais no referente a raios: o de maior alcance e o de maior duración. Ambos tiveron lugar en Suramérica nos últimos dous anos. O 31 de outubro de 2018 rexistrouse en partes do sur do Brasil o raio de maior extensión horizontal a nivel mundial: 709 ± 8 km., o equivalente á distancia en liña recta entre A Coruña e Faro (Portugal) ou entre Londres e a fronteira de Suíza preto de Basilea. Meses despois, o 4 de marzo de 2019, no norte de Arxentina, bateuse un novo récord de duración dun raio que se desenvolveu continuamente durante 16,73 segundos.

Os novos récords destes ‘megarraios’ foron verificados mediante novas tecnoloxías de imaxes por satélite, e superan en máis do dobre os valores anteriores medidos nos Estados Unidos de América e Francia. As conclusións publicáronse na revista científica Geophysical Research Letters da Unión Geofísica Estadounidense antes do Día Mundial da Seguridade contra os Raios, que se celebra o 28 de xuño.

Publicidade

Imaxes tomadas por satélite do raio máis longo (esquerda) e o de maior duración (dereita). Fonte: WMO.
Imaxes tomadas por satélite do raio máis longo (esquerda) e o de maior duración (dereita). Fonte: WMO.

“Estes son récords extraordinarios de raios individuais. As medicións de fenómenos extremos ambientais son unha proba vivente do que a natureza é capaz de facer, así como dos avances científicos que se lograron para poder realizar esas avaliacións. É probable que existan fenómenos extremos aínda maiores e que podamos observalos a medida que evolucione a tecnoloxía de detección de raios”, expuxo o profesor Randall Cerveny, relator da OMM sobre os rexistros mundiais de fenómenos meteorolóxicos e climáticos extremos. “Isto proporcionará información valiosa para establecer límites na escala de raios, incluídos os megarrayos, de interese para a enxeñería, a seguridade e a ciencia”, engadiu.

Para as avaliacións anteriores en que se estableceron os récords de duración e extensión de raios utilizáronse datos recompilados por redes terrestres de mapeo das descargas. Moitos científicos especializados en raios recoñeceron que se dan fenómenos nos límites superiores da escala de raios que calquera destes sistemas de mapeo de descargas podería observar. A detección de ‘megarraios’ superiores a estes fenómenos extremos requiriría unha tecnoloxía de mapeo de raios cun ámbito de observación máis amplo.

Grazas aos avances tecnolóxicos xa existe a posibilidade de medir, de forma continua, o alcance e a duración dos raios en amplos ámbitos xeoespaciais. “Este aumento significativo da nosa capacidade de teledetección espacial permitiu detectar fenómenos extremos de raios non observados anteriormente, coñecidos como ‘ megarraios’, que se definen como descargas eléctricas horizontais en mesoescala que alcanzan centos de quilómetros de lonxitude”, dixo o autor principal e membro do comité de avaliación Michael J. Peterson, do grupo Space and Remote Sensing (ISR-2) (Espazo e Teledetección) do Laboratorio Nacional de Los Álamos (Estados Unidos).

Os instrumentos espaciais proporcionarán unha cobertura case mundial da actividade total de raios (tanto nas nubes como os raios de nube a terra). Esta cobertura inclúe as zonas do continente americano que son críticas en relación coas tormentas coñecidas como sistemas convectivos de mesoescala, cuxa dinámica fai posible que se produzan megarraios extraordinarios, como as Grandes Chairas en América do Norte e a conca do río da Prata en América do Sur.

Os anteriores récords de raios

O récord anterior do raio de maior extensión horizontal foi de 321 km o 20 de xuño de 2007 no estado de Oklahoma (Estados Unidos). Tanto no caso do récord anterior como do actual utilizouse o mesmo método de cálculo do arco do círculo máximo para medir o alcance do raio. Pola súa parte, o máximo rexistro anterior era o dun raio de 7,74 segundos de duración continua, detectado o 30 de agosto de 2012 na rexión de Provenza-Alpes-Costa Azul (Francia).

Tal e como destaca a OMM, os raios son un gran perigo que se cobra numerosas vidas cada ano. As conclusións poñen de relevo importantes preocupacións de seguridade pública respecto das nubes electrificadas onde os raios poden desenvolverse a través de grandes distancias, como a regra de 30-30: se o tempo que transcorre entre o raio e o trono é menos de 30 segundos, hai que buscar refuxio. E é aconsellable esperar 30 minutos despois de que se observou o último raio antes de retomar as actividades ao aire libre.

No Arquivo da OMM de Fenómenos Meteorolóxicos e Climáticos Extremos lévase un rexistro oficial dos fenómenos extremos que bateron récords a nivel mundial, hemisférico e rexional e que están asociados a unha serie de condicións meteorolóxicas específicas. Actualmente, o Arquivo rexistra valores extremos de temperatura, presión, precipitación, saraiba, vento e raios, así como en relación con dous tipos específicos de tormentas: os tornados e os ciclóns tropicais.

Entre outros récords, a OMM xa verificara sucesos tráxicos causados por raios. En 1975, 21 persoas morreron en Zimbabwe, cando un raio caeu sobre elas mentres se protexían da tormenta nunha choza. De forma indirecta, 469 persoas morreron en Dronka (Exipto), en 1994, cando un raio impactou nun depósito de tanques de combustible, o que produciu o derrame do líquido en chamas cara á cidade.


Referencia: New WMO Certified Megaflash Lightning Extremes for Flash Distance (709 km) and Duration (16.73 seconds) recorded from Space (Publicado en Geophysical Research Letters).

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O sur da provincia de Lugo rexistra máis de 400 raios en apenas 12 horas

Meteogalicia volve activar o aviso amarelo este mércores por treboadas en Ourense, así como no sur e na montaña lucense

Galicia rexistra máis de 100 raios en apenas 24 horas

A maior concentración de descargas eléctricas durante o 1 de maio produciuse en Vilagarcía de Arousa, sobre todo na franxa do mediodía

Galicia rexistrou preto de 43.100 raios en 2023, un 66% máis que o ano anterior

O día co maior número de descargas eléctricas detactadas foi o 9 de setembro, cun total de 10.204
00:04:39

Pode caer un raio dúas veces no mesmo sitio?

Grazas aos pararraios a humanidade non teme hoxe as tormentas e o seu poder destrutivo, pero o lugar onde caen as descargas ten pouco de azar e moito de fondo científico