Galicia vive unha noite tormentosa con case 1.500 raios iluminando o ceo

Carnota, Muxía, Ribeira ou Rodeiro son algúns dos puntos nos que se detectaron máis treboadas na pasada madrugada

Meteogalicia rexistrou ata 1.491 raios en terra nas últimas horas. Moitos deles continúan a producirse na zona do leste das provincias de Ourense e Lugo, onde as tormentas chegaron na mañá deste mércores. Pola noite, gran parte destas producíronse no litoral coruñés e en zonas de interior de Pontevedra, así como no oeste ourensán.

En total, a institución rexistrou 6.164 raios, se temos tamén en conta aqueles que impactaron preto da costa galega. Algúns dos puntos máis afectados da provincia da Coruña foron Ribeira, Muxía e Mazaricos, aínda que tamén se rexistraron tormentas en Carnota, Camariñas e no Pino.

Publicidade

No centro de Galicia tamén se detectaron unha gran cantidade de descargas eléctricas. É o caso de diversos lugares de Chantada, Agolada e Rodeiro. Neste último concello, hai apenas unhas semanas morreron 27 vacas despois de que un raio caese nun transformador eléctrico cando pastoreaban por un terreo húmido. Nas últimas horas, rexistráronse máis raios en certos puntos de Lugo como Cervantes, As Nogais e Navia de Suarna. Estas últimas treboadas irán desaparecendo nas próximas horas, segundo a institución meteorolóxica.

Temperaturas máis moderadas

Meteogalicia non ten activados máis avisos por incidencias meteorolóxicas pero si advirte da chegada de po subsahariano que pode empeorar a calidade do aire. Ademais, agárdanse chuvascos en distintos puntos da comunidade nas próximas horas. As mínimas seguirán ao redor dos 16 e dos 18 graos, moito máis moderadas que a madrugada do martes, cando en cidades como Vigo chegaron a acadar os 27 graos ás 2:00 horas.

Publicidade

As máximas tamén serán máis moderadas, aínda que en certos puntos poderían estar preto dos 30 graos. É o caso de Ourense, do Barco de Valdeorras, Navia de Suarna e Mondoñedo. No resto de Galicia, temperaturas suaves para días con inestabilidade atmosférica, segundo os modelos. Os ventos soprarán do sur suroeste de forma moderada polo xeral. Con todo, terán máis forza nalgúns puntos do litoral atlántico.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Como de sostible é o teu concello segundo os obxectivos para 2030? Compróbao neste mapa interactivo

A UVigo desenvolve unha plataforma aberta que avalía o grao de cumprimento dos 17 ODS a partir de 69 indicadores

Investigadores analizan macroalgas verdes mariñas para impulsar a súa valorización en Galicia

Un equipo da UVigo estuda os polisacáridos do xénero Codium da costa galega como fonte de novos ingredientes funcionais

Unha tese identifica unha Escola Galega de Percusión con ritmos e técnicas propias

A investigación de Cristian Silva Bóveda na USC recupera a historia dos intérpretes relegados e descifra os patróns de gravacións do século XX

Galicia está entre as zonas cun maior declive de polinizadores de Europa

Entre os anos 1921 e 2020, na rexión atlántica diminuíu un 42% a ocupación das especies de abellas e nun 32% a dos sírfidos