Venres 19 Abril 2024

Un foco familiar de Covid-19 en Xove pon en corentena a unhas 40 persoas

A Consellería de Sanidade informou no serán do martes de oito persoas que deron positivo, 4 negativos e 25 máis pendentes de resultado

Segundo brote de coronavirus en Galicia en menos dunha semana. Despois dos 9 casos confirmados no Barbanza (6 en Ribeira, 2 en Porto do Son e 1 na Pobra do Caramiñal), a Consellería de Sanidade informou este mércores de que se detectou un foco na comarca da Mariña. Ata o momento, explican, confirmáronse oito positivos. 

Todos os casos, segundo a consellería, “pertencen ao círculo familiar no que se rexistrou o primeiro caso”. Tras o positivo desta persoa, na tarde de onte, activouse o protocolo de seguimento e realizáronse as probas PCR a todos os contactos estreitos deste positivo. O rastrexo que se puxo en marcha abrangue a polo menos 37 persoas: 8 delas (incluído o caso inicial) deron positivo en Covid-19, 4 deron negativo e 25 máis están pendentes de resultado. Polo momento, non se aclarou se a orixe do foco está nun caso importado (como aconteceu co do Barbanza) ou de transmisión local.

Publicidade

Neste momento, engade Sanidade, dos oito casos positivos a maioría son asintomáticos, agás dous que presentan sintomatoloxía de carácter leve, mais teñen a obriga de gardar corentena durante 14 días. Do mesmo xeito, as persoas cuxas probas deron resultado negativo permanecerán en seguimento no seu domicilio, asesorados pola Plataforma de Vixilancia Epidemiolóxica e os Servizos de Medicina Preventiva e Saúde Pública do Sergas. Ata o serán do martes, ningún afectado tivera que ser hospitalizado. A Consellería de Sanidade leva rastrexado ata o momento a unhas 40 persoas relacionadas con este brote familiar e séguense a investigar posibles contactos.

Antes de que Sanidade confirmara o foco de Xove, o Ministerio de Sanidad dera conta na súa actualización diaria de tres novos positivos detectados en Galicia. Pola súa parte, a Xunta expoñía que había 331 casos activos este mércores. Deles 108 son da área da Coruña, 17 da de Lugo, 21 da de Ourense, 8 da de Pontevedra, 135 da área de Vigo, 31 da de Santiago, e 11 da de Ferrol.

Por outra banda, o foco detectado no Barbanza mantense baixo control, segundo fontes de Sanidade, mentres que está a facer un seguimento de máis de 100 persoas. Só nove delas deron positivo, pero o resto das persoas deberán gardar corentena aínda que o seu resultado sexa negativo.

Ante a aparición do foco en Xove, o Sergas insiste en “lembrar á ciudadanía a necesidade de continuar a aplicar as medidas hixiénico-sanitarias establecidas desde o inicio da pandemia do coronavirus, poñendo especial énfase na necesidade de empregar sempre as máscaras naqueles espazos onde non é posible gardar a distancia de seguridade social”.

Focos e rebrotes en Galicia: un risco real nas vindeiras semanas

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

“Anicamento” e “teito de cristal”, entre as novas entradas do Dicionario da RAG

A RAG engade corenta voces como novas acepcións e mellora a definición de 20 lemas na súa última actualización

Unha masa de aire polar desplomará os termómetros en Galicia

As temperaturas caen ata 10 graos a vindeira semana, quedando en valores baixos para a época do ano

▪️ Ten sentido implantar en Galicia a nova medida antitabaco do Reino Unido?

A investigadora da USC Mónica Pérez advirte que nos países con altas taxas de fumadores é difícil que esta medida saia adiante

Galicia rexistrou preto de 43.100 raios en 2023, un 66% máis que o ano anterior

O día co maior número de descargas eléctricas detactadas foi o 9 de setembro, cun total de 10.204