As Torres de Altamira, cuxa orixe está nunha fortaleza construída no século IX, son máis que a ruínas dun castelo: son unha inmersión na historia, patrimonio e cultura de Galicia. Localizadas no concello de Brión, na provincia da Coruña, a súa dilatada e azarosa existencia permitiulles ser testemuña de loitas de poder entre a igrexa e a nobreza local, escenario da Revolta Irmandiña, vítima de asedios e do abandono e, mesmo, sobrevivente da súa “reconversión” en canteira a finais do século XIX e principios do XX. As súas pedras, perpiaños e algúns elementos ornamentais foron utilizados na construción de vivendas e alpendres, na capela de Santa Minia ou na igrexa parroquial de Brión.
As ruínas do castelo ergueito sobre unha necrópole castrexa -polo que son coñecidas tamén como o Castro de Altamira- foron adquiridas pola Deputación da Coruña en 1973, que as limpou, consolidou para evitar o seu derrubamento e puxo en valor, para concertelas nun atractivo cultural e turístico de Brión. A súa localización estratéxica fai das Torres de Altamira un sobranceiro miradoiro sobre o val da Mahía. Foron declaradas Ben de Interese Cultural (BIC) en 1994.
O pasado das Torres de Altamira está ligado á liñaxe dos Moscoso, unha poderosa familia que construíu un gran señorío territorial á marxe da Igrexa á que servía e que escribiu soadas páxinas da historia de Galicia, non exentas de cruentos enfrontamentos entre os dous poderes. No século XV o castelo foi asaltado e arrasado polos irmandiños, os campesiños que protagonizaron o maior levantamento de Europa contra os abusos dos señores feudais.
Reconstruído tras este asalto e un posterior asedio por parte das tropas do arcebispo de Santiago, os Moscoso-Condes de Altamira mantiveron a súa residencia aquí ata o século XVII e a propiedade ata o XIX. Neste tempo o abandono, un incendio e a falta de coidados deteriorou severamente a estrutura. Foi en 1872 cando a familia vendeu o castelo a un particular que utilizou, de feito, este ruinoso conxunto arquitectónico como canteira.
A edificación chegou a ter seis torres rectangulares, unha muralla que rodeaba un señorial pazo e unha capela baixo a advocación dos Reis Magos, onde eran enterrados os seus propietarios. Un esplendor que os visitantes das Torres de Altamira só poderán intuír e imaxinar a partir dos restos conservados: unha gran torre con bóveda de canón, a parede dun corredor que mantén unha portada gótica con xanela oxival, a base da fortificación cunha cantería propia do século XV e o pozo do castelo.
As Torres de Altamira é o monumento máis representativo da historia de Brión, un municipio que atesoura un amplo e rico patrimonio civil e relixioso e no que tamén atopamos magníficos espazos naturais como a carballeira de Santa Minia ou augas medicinais como as do balneario de Tremo ou as do manancial Augas Ferras. Pazos como ou de Trasouteiro ou o Armesto; igrexas como a de Santa Minia ou cruceiros como os de Rial, Ons ou Aguiar son exemplos do que nos podemos atopar. E, por suposto, sempre podemos soñar co son das campás de Bastavales, na parroquia e igrexa do mesmo nome, que Rosalía de Castro deixou para a historia no seu poema do libro ‘Cantares Gallegos’.
A ter en conta
HISTORIA das Torres de Altamira
HORARIO de visitas e protocolo Covid
Que VER en Brión
Onde COMER
Onde DURMIR