O día dos medios en galego: Para eles

Fai anos entendín que os científicos non só tíñamos que investigar e dar clase no ensino superior ou conferencias en congresos, senón divulgar a ciencia e que chegase á xente tanto das cidades como do rural e particularmente aos máis novos, porque é a forma de que a xente entenda o que facemos, a cantidade de cousas que aínda non sabemos e de que poidan entender mellor o mundo que nos rodea.

Tamén pensei que para comunicar a ciencia en Galicia había que facelo en galego, pero aínda que semellaba posible usalo na comunicación oral era moi difícil na escrita. Sempre me dicían: “Pero se escribes en galego non che vai ler ninguén, nin tan sequera os galego-falantes moito mais afeitos a ler en castelán”.

Publicidade

Tal vez fose verdade pero é cuestión de afacerse. Unha vez que o fas queda xa en sintonía o que les e o que falas e aínda por riba enriqueces o teu vocabulario e falas cada vez mellor.

Para divulgar ben a ciencia, que a xente desfrute dela e que algúns das nosas rapazas e rapaces queiran un día ser científicos, hai que chegar á xente e que te sintan un máis deles. Falar de cousas importantes pero dun xeito sinxelo. Por iso en todas as miñas charlas divulgativas en Galicia é o idioma que emprego, como trato de facelo nos idiomas que sei en outros países, porque proximidade e entusiasmo son claves na comunicación.

Publicidade

Supoño que son tempos complicados para os medios, nos que hai que saber adaptarse aos cambios e combinar formatos para chegar a todos, novos e vellos, pero non sabedes que importancia lle dou a que o fagades en galego, porque é a mesma historia: non só e importante para normalizar o uso da nosa lingua, para poñela en valor, senón para achegarse a xente e transmitirlle as novas que lle sexan de interese ou importancia. Parabéns polo que estades facendo. Tedes todo o meu recoñecemento e aprecio.

Nada máis que un consello. Vivimos nun mundo que cada vez vai máis ás présas con novas que voan vertixinosamente (e non penso que é unha boa cousa). Un mundo de novas e novas pero non de información. Eu pediríavos poñer sempre pezas de información, e non me refiro só a ciencia, nin moitos menos. Ao lado dunha nova dun xuízo explicade que é unha instrución, un sumario ou o código penal. Ao lado dunha estatística ou seu significado, cando se fala da covid, que é un virus, ou, no seu caso, que é o cancro. É unha maneira de que os nosos cidadáns aprendan e poidan analizar criticamente todo o que lles contan. En definitiva, un xeito de facelos máis libres.

Ángel Carracedo é catedrático da Universidade de Santiago e Director da Fundación Pública de Medicina Xenómica (Sergas)

Artigo para os medios en galego co motivo da celebración este 7 de febreiro do Día dos Medios en Galego

1 comentario

  1. Paréceme xusto que se expoñan temas científicos ao carón de calquera e que “este ” calquera o entenda. Adiante sin medo ao erro . Isto e moito interesante e diría que e unha ventana aberta ao futuro. Grazas pola exposición

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Dentro do proxecto de Carracedo: como poñer nome ás enfermidades raras de galegos sen diagnóstico

A análise do xenoma completo e o uso de tecnoloxías avanzadas permiten detectar mutacións complexas tras máis dunha década de probas sen resultado

Un proxecto liderado por Carracedo resolve os casos de 18 galegos que levaban 10 anos sen diagnóstico

A iniciativa é un dos eixos da Estratexia Nacional de Medicina Personalizada e conta cunha rede de 110 hospitais e máis de 500 expertos de toda España

Un estudo con selo galego identifica variantes de ADN coas que predicir o risco de TOC

A investigación revela relacións xenéticas con outros trastornos psiquiátricos como a síndrome de Tourette, a anorexia nerviosa, a ansiedade e a depresión

Os mellores xenetistas forenses do mundo debaten en Santiago sobre últimos avances

Compostela acolle un congreso que presiden Ángel Carracedo e Victoria Lareu e que reunirá a 1.000 expertos de 62 países