Unha paisaxe monumental chegará ás pantallas de medio mundo este martes 3 de novembro, cunha das grandes etapas da Volta Ciclista a España. Porque o miradoiro do Ézaro, en Dumbría, será o remate da décimo terceira xornada que sairá de Muros, pasando por Carnota, para rematar no miradoiro dumbriés.
Non será posible asistir ao tramo final desta proba individual de 22,7 km de dura ascensión. As restricións pola Covid-19 tambén fan que a organización da Volta, Unipublic, recomende non presenzar en vivo tampouco os tramos iniciais, mesmo con máscara, para evitar aglomeracións. Pero o certo é que o monte Pindo e a fervenza do Ézaro van ser protagonistas dun espectáculo deportivo que se espalla por medio planeta, e que en Europa servirá Eurosport.
Nesta paisaxe monumental os ciclistas atoparán o monte Pindo, un lugar mítico, arredor do cal xiran numerosas lendas e historias reais que abraian. Foi refuxio para os maquis, albergou fortalezas desde a Idade Media e as súas rochas esculpidas pola erosión ofrecen imaxinativas formas. A súa particularidade xeolóxica tamén é responsable dun fenómeno case único en Europa: un río que desemboca na Fervenza do Ézaro, un salto de 40 metros de altura.
O río Xallas percorre a comarca que lle dá nome ata que, nos seus últimos quilómetros, queda encaixada pola mole granítica do Pindo. Este monte é unha inmellorable atalaia que alcanza no lugar da Moa os 627 metros de altura. Desde a cima pode verse toda a costa entre o cabo Fisterra e a praia de Carnota, a máis longa de Galicia.
O Pindo xerouse no interior da Terra hai 325 millóns de anos a 24 quilómetros de profundidade, aínda que non ficou ao descuberto debido a erosión ata hai 200 millóns de anos.
Xa no Terciario, entre 65 e 24 millóns de anos antes de agora, formouse o Xallas, un río novo, xeolóxicamente falando. Deste xeito, ao atoparse cunha enorme masa granítica coma o Pindo, o río non deu escavado a súa canle, polo que aínda fica a medio facer.
O salientable é que en todas as rías galegas se repite a situación do Ézaro, pero no resto dos casos, a fervenza está agochada baixo a auga. Se o nivel do mar retrocedera aos puntos máis baixos da última glaciación, poderiamos ver este tipo de fenómeno en moitas rías do país.

A espectacular fervenza do Ézaro estivo agochada durante anos pola explotación hidroeléctrica do seu caudal por parte de Ferroatlántica, propiedade do empresario Juan Miguel Villar-Mir. Desde os anos 80 do século XX, o salto de auga foi unha especie de Guadiana que só podía verse de cando en vez. Nos primeiros anos, só se abría cando a empresa se vía obrigada a aliviar o volume de auga acumulado nas presa de Santa Uxía, río arriba. No ano 2000, Manuel Fraga e o empresario madrileño inauguraron unha ‘fervenza por horas’, que ‘abría ao público’ os domingos de 12 a 14 horas, pero que o resto do tempo era propiedade de Ferroatlántica. Houbo que agardar ata o ano 2011, coa denuncia du grupo ecoloxista, para que os tribunais obrigaran a Villar Mir a manter o caudal ecolóxico mínimo que alimenta a catarata.
Artigo estupendo