Domingo 28 Abril 2024

J. M. Sabucedo: “Chegamos aquí grazas á cooperación, temos que axudarnos como especie”

O catedrático de Psicoloxía Social da USC avoga polas mensaxes de colaboración e solidariedade fronte á crispación para superar a pandemia

A xestión arredor da pandemia da Covid-19 está protagonizada, sen dúbida, polas medidas sanitarias e o sustento científico desde a perspectiva da epidemioloxía, a viroloxía ou a microbioloxía, entre outras disciplinas achegadas ao funcionamento fisiolóxico do organismo e a circulación dos virus nunha poboación. Porén, á hora de establecer as restricións para conter a transmisión do SARS-CoV-2, o comportamento individual, interpersoal e da sociedade no seu conxunto é un alicerce para garantir o freo da pandemia, en pleno ascenso da segunda onda, mediante un certo grao de consenso social para conseguilo. José Manuel Sabucedo Cameselle (Vigo, 1955), considera que é preciso afondar en como a xente reacciona ante feitos inesperados, sen precedentes e que, ademais, amosan un horizonte de grande incerteza. “Para min adoptouse un enfoque reducionista; é un tema sanitario, por suposto, pero afecta a outras dimensións, e hai que telo en conta”.

Sabucedo é catedrático de Psicoloxía Social, coordinador do grupo Comportamiento Social e Psicometría Aplicada (Cosoypa) e membro do instituo Cretus da Universidade de Santiago de Compostela, e tamén preside a Sociedad Científica Española de Psicología Social (SCEPS), que nestes meses desenvolveu un amplo traballo de investigación e divulgación sobre como a sociedade reaccionou á pandemia. Aquí expón algunhas claves sobre como todos e cada un de nós podemos axudar a que ideas como a cooperación, a solidariedade e a unidade se impoñan á crispación e a división para superar unha crise con poucos antecedentes.

Publicidade

– Como funciona o comportamento humano ante estas situacións?

– Na nosa vida cotiá, actuamos en base a un procesamento de información automático, o chamado sistema 1, no que nos comportamos en base aos prexuízos e os esquemas cognitivos que fomos desenvolvendo ao longo do noso proceso de socialización. É un proceso moi interesante, porque nos permite un enorme aforro cognitivo. Eu cando cada día saio de casa cara á Facultade non vou pensando todas e cada unha das accións que fago, é algo automático.

Pero este modo paralízase, e actívase outro sistema, o 2, cando acontece algún suceso para o cal non temos respostas. Todos os esquemas aprendidos non serven para esta nova ameaza. E o que ocorre é que se activa unha demanda de coñecemento, de intentar entender o que está acontecendo. Aparco as miñas crenzas, os meus prexuízos, os meus esquemas, porque preciso información nova para enfrontarme a este novo escenario. Ábrese entón unha xanela para recoller información que antes nunca considerei porque non me preocupaba, non a precisaba.

Cando pasa isto, a xente vai estar moi pendente do que lle digan as persoas nas que eles confían, e incluso nas que non confían pero que lles poden dar unha explicación do que está ocorrendo. Na nosa vida necesitamos saber o que pasa e comprendelo. Cando non temos esa información, vivimos con incerteza e ansiedade, porque a especie humana precisa control e predición da contorna. E aquí desempeñan un papel clave os líderes sociais e políticos, e isto foi o que aconteceu nun primeiro momento: diante da incerteza e o descoñecemento, limitámonos a asumir as normas.

“Ao contrario do que din algúns, España foi o país que amosou un maior sentimento de obriga e de cumprimento das normas”

– E como foi?

– Ao contrario do que din algúns, España foi o país que amosou un maior sentimento de obriga e de cumprimento das normas que nos indicaron. Estivemos tres meses confinados, con grupos sociais que ás veces afrontaron situacións moi difíciles, cunhas condicións de habitabilidade moi complicadas. E con todo isto, a maioría da xente non só cumpriu, senón que incluso foi máis alá, algo que mesmo considero perigoso, facendo de policías, denunciando a quen parecía estar incumprindo as normas, moitas veces sen saber que motivo tiña para saír á rúa.

O problema cal é? Aquí é cando hai que ter en conta todas as circunstancias. A xente vai cumprir as normas cando se lle explica por que hai que facelo, que vantaxes ten facelo, pero tamén hai que pensar en que poidan ser cumpridas.

E o que pasou aquí foi que se percibiu un certo caos nas normas. Cuestiónanse aos científicos da saúde e dise que son erráticos porque van mudando as recomendacións. Pero non é así: non se pode dicir, simplemente, que a ciencia é a verdade. É un procedemento que nos garante aproximarnos aos feitos da maneira máis precisa posible nun momento histórico determinado. Se nós defendemos (e isto é un erro que se comete ás veces), que a ciencia é infalible, e resulta que mañá hai unha nova evidencia sobre un determinado tema, é posible que entre en crise a percepción da ciencia que ten a cidadanía. A ciencia é algo tan bo, precisamente, porque existen mecanismos de control sobre as afirmacións que estamos facendo, de falsabilidade, que permiten refutar as hipóteses. E precisamente por iso hai que crer nela, porque non somos dogmáticos, a diferenza dos negacionistas ou dos acientíficos. Isto hai que explicarllo á xente para que poida entendelo e, por tanto, cumprir de mellor grado as medidas.

– Comentou o problema da fenda con xente que, probablemente, tiña moito máis difícil cumprir coas medidas.

– O confinamento foi relativamente máis sinxelo para a xente que podía teletraballar. Pero que pasa con quen non pode? Que pasa con quen ten que levar todas as semanas cartos a casa para que os seus fillos poidan comer? Ao final hai quen isto nunha balanza: ou cumpre as normas (que por riba hai xente que as cuestiona), ou algo máis elemental, a necesidade básica máis elemental, a de supervivencia. E neste caso, dá igual se teño que correr o risco de caer enfermo. Entón hai que darlle a estas persoas recursos para que poidan quedar na casa sen que sufran no elemental, que é poder comer.

– Falaba dos líderes políticos e sociais. Piden unidade e cooperación, pero non predican co exemplo, alporízanse e confróntanse nun momento crítico.

– As normas requiren dun gran esforzo por parte da poboación, e hai moita xente que está sufrindo e vai sufrir, no aspecto económico e tamén nas relacións sociais. E mentres pasa isto, chama a atención a enorme frivolidade e insensibilidade, por non usar palabras máis grosas, de moitos políticos ante o drama que esta situación supón para tanta xente. Cantas persoas están perdendo e van perder o traballo, van perder expectativas de vida, para eles e para os seus fillos? Hai desacougo, ansiedade, medo e incerteza. E esta é unha das sensacións humanas máis duras que pode haber. E creo que a clase política, en moitos casos, non está nesa tesitura. É un escándalo que se xunten para unha festa, como pasou esta semana. Eu teño que confiar nas persoas que me están pedindo este esforzo, e eles deben servir como modelo. Cal é a reacción da xente ao ver que van a unha celebración? Pois a xente pensará: ‘por que vou facerlles caso?’

“Chama á atención a frivolidade e insensibilidade de moitos políticos ante o drama que esta situación supón para tanta xente”

Hai varios modelos de aprendizaxe no noso comportamento, pero un é básico: por imitación. Observamos modelos de persoas ás que consideramos como referencia. E o que non pode pasar é que na situación actual quen dá os discursos non acompañe os seus actos co que pregoa. É o peor que pode pasar. Pero niso non podemos caer. Non debemos seguir os seus pasos; debemos manter o noso comportamento pero iso si, esixir responsabilidades, debería haber algunha división e, cando toque, a cidadanía debería pasar factura. E visto o visto, debemos ser os cidadáns, e outros líderes sociais, nos medios de comunicación, na ciencia, no deporte, na cultura, os que se volvan referentes sociais para dicirnos que o esforzo paga a pena. Porque se isto se racha, quen vai pagar vai ser a xente máis desfavorecida, porque a pandemia non é igual para todos, hai diferenzas.

– Preocúpalle que emerxan discursos de odio que poidan afondar na fractura da sociedade?

– Preocúpanos moito, e xa temos feito estudos nestes meses para observar como a percepción da ameaza pola pandemia pode afectar ao comportamento político. Fixemos un traballo experimental no que xa temos algúns resultados. E vemos que cando se manipula a percepción da ameaza, actívanse basicamente dúas emocións, a do medo e a da ira.

E cando se activa a ira fai agromar unha variable, que é a do monopolio da verdade, e que ten que ver con comportamentos políticos extremos. Explícoo: consiste en crer que eu posúo a verdade absoluta, que os demais non a teñen, porque son ineptos, ou non teñen capacidade, e entón eu teño a obriga moral de impoñerlles a miña verdade. E isto supón que a responsabilidade dos problemas se traslada aos outros, e é o escenario cognitivo e emocional que ten a súa tradución política no sectarismo, o enfrontamento e a polarización.

Foi moi crítico co uso da metáfora da guerra nas mensaxes contra a pandemia.

– Eu nunca entendín como ante unha situación de crise sanitaria se apelaba a unha metáfora da guerra. É certo que se fala moitas veces de loita ou guerra contra o cancro, pero estamos nunha situación provocada por unha infección, e isto ten particularidades. Cando falamos de guerra, activamos semanticamente conceptos como inimigo, adversario, conflito, etc. E nunha situación na que a enfermidade vén provocada pola infección que me transmiten outras persoas, é moi fácil construír o marco do inimigo: o inimigo xa non é o virus, senón as persoas que me transmiten o virus.

Isto é un risco porque a historia nos dá experiencias non moi agradables. Durante a peste negra houbo pogromos contra os xudeus nalgunhas partes de Europa, ou en Sicilia contra os cataláns, porque se lles acusaba de seren culpables da infección. E desta vez, parece que se pode cualificar como inimigo a aquel que non cumpre as normas. Podemos converter a cidadáns en vitimarios doutros cidadáns, co agravante de que a persoa que agride mesmo é aplaudida polo resto de persoas, porque está defendendo ao grupo, evitando que alguén nos contaxie.

Ansiedade, depresión e medo: danos colaterais do coronavirus

– Como pode traducirse hoxe iso?

– Iso lévanos a algo moi importante en psicoloxía social, que é o proceso de categorización. A especie humana ten unha capacidade cognitiva limitada, porque non podemos procesar, polo xeral, un número grande de estímulos na contorna. Durante a evolución desenvolvemos un proceso de categorízación; falamos de homes, de mulleres, de xente alta, xente baixa… Iso é bo porque nos permite ordenar unha contorna complexa. Pero ten un problema: na medida na que categorizamos, tendemos a ver aos máis semellantes como máis semellantes do que realmente son, e aos diferentes, como moito máis diferentes do que realmente son. Esa é a base do estereotipo.

Cando hai unha ameaza deste tipo, tendemos a reaccionar fronte aos diferentes. Pasou este verán, coa brincadeira dos madrileños, que lle pedían que pronunciaran Sanxenxo, e se non o dicían ben… Era un chiste, pero detrás hai verdades. E existe o problema de que poidamos comezar a estigmatizar a certos grupos, que por certas razóns sexan portadores do virus.

Neste momento, por exemplo: quen pode ter máis risco de ter a Covid-19? A xente que está na rúa, que ten que saír a traballar para comer, ou que directamente vive practicamente á intemperie. Aquí tamén entra no debate a aporofobia, o rexeitamento ás persoas pobres. Estamos nunha situación na que hai persoas que, probablemente, polo medo a perder o traballo, rexeitan facerse unha PCR porque saben que os van despedir se dan positivo.

Entón, se entramos na dinámica de que estamos en guerra, que hai inimigos, un grupo de persoas que pode ter máis risco ca nós, e pode xurdir a discriminación. O racismo, na base, consiste nisto. Non categorizamos a alguén porque se comporte mal, senón por ser parte dun grupo. E se alguén forma parte dun grupo desfavorecido, por exemplo, pode xurdir a sospeita de que pode ter o virus e contaxialo. Ese é o perigo da metáfora.

Os termos non son neutros, porque evocan redes semánticas. Habería que avogar, máis ben, un abano de metáforas que evoquen ao apoio, a solidariedade, a empatía, o afecto, os coidados… Porque ao final trátase diso, de que nos coidemos uns aos outros. Non estamos en guerra, estamos nunha crise que precisa colaboración, menos ‘ordeno e mando’.

– E haberá leccións positivas de todo isto?

– Está claro que estas cousas nunca veñen ben, e son situacións duras. Pero unha vez que estamos nisto, hai que ver como saír o mellor posible. Darwin e moitos outros tiñan claro que a especie humana chegou onde chegou grazas ao mecanismo de cooperación, e non da confrontación. No pasado fomos unha especie moi feble, nunha contorna hostil, e a única maneira de protexernos era traballando en conxunto. E iso explica por que os grupos teñen tanta importancia na vida das persoas.

E cando a especie humana constrúe identidades excluíntes, imos por mal camiño, sobre todo cando deshumanizamos aos diferentes. A min gustaríame que se construíran identidades inclusivas, no sentido de que aquí nos temos que salvar todos. Porque chegamos aquí grazas á cooperación, e temos que axudarnos como especie. Ten que callar esta mensaxe positiva, pero ao mesmo tempo hai que advertir do risco desas fracturas. Porque está presente, xa estaba antes da pandemia. Estaba aí o “America First” de Donald Trump, as razóns do Brexit, argumentando de que os outros nos sacan os cartos que nós gañamos, e parte do discurso independentista catalán, que dicía que España lles roubaba. Cando hai unha situación de crise, moitos grupos tenden a volverse cara a dentro, a unha certa endogamia, e vexo que estamos neste risco, de caer en categorizacións excluíntes. Agardo que non, porque tampouco hai que caer no fatalismo. É bo alertar dos perigos, precisamente para o contrario, para non caer neles. Somos capaces do mellor e do peor, e iso vémolo todos os días.

Por iso me gustaría que de aquí saíse unha maior cooperación, entendida na creación de identidades máis inclusivas. Primeiro somos especie humana, e isto ameázanos a todos, e todos debemos axudarnos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Gripe H5N1: a próxima pandemia?

Unha variante do virus, presente dende 2020, está a causar mortalidades nunca vistas en aves, tanto domésticas como silvestres

Por que están aumentando os casos de covid en Galicia? Estas son as claves

Un maior movemento da poboación no verán, a caída da inmunidade e a aparición de novas liñaxes de ómicron poden ser os desencadeantes

Luces e sombras do cribado de cancro de pulmón: “Hai moitos falsos positivos”

O catedrático de Medicina da USC Alberto Ruano cuestiona un procedemento que pode ser moi caro e producir sobrediagnósticos

Nova variante covid? Estes son os motivos polos que están aumentando os casos en España

O cambio de costumes durante o verán e a relaxación das medidas preventivas explicarían o incremento de contaxios