Introdución.- Existen bastantes e diversas opinións sobre a delimitación, tanto dos integrantes como do período no que se enmarca esta “Xeración” xa que, por unha banda, nun sentido moi estrito, serían considerados só como pertencentes a ela os que publicaron traballos na revista NÓS e a súa duración, o tempo que tivo de vida: 1920-1936. Pero, pola outra, está bastante xeralizada a idea de que a revista NÓS foi sobre todo un testemuño sobranceiro dun movemento renovador do alento galeguista que se viña manifestando desde mediados do XIX nos Precursores e os seus epígonos. Este foi un movemento que, sobre todo, rachou co sentimento tradicional dos devanceiros, o “isolamento aldeán”, que diría Carballo Calero R (1975), e reinterpretou a realidade do país co novo prisma dos movementos vangardistas europeos da arte e da literatura, da investigación histórica e cultural e, tamén, da ciencia. Foron grupos que se relacionaban moito e mesmo compartían acotío actividades, como foi o caso de NÓS, das Irmandades da Fala (1916-1936) e do Seminario de Estudos Galegos (1923-1936). Tarrio A (1994), que defendeu esta interpretación, non se cansou de avogar “pola necesidade de referírmonos a esta etapa (1916-1936) como a Época Nós, en lugar de Xeración Nós”, punto de vista que resulta moito mais acaido para o estudo da ciencia galega do momento, porque permite incluir nesta “Época Nós” publicacións tan significativas como os Arquivos do Seminario de Estudos Galegos, Logos e A Nosa Terra.
Con relación á ciencia da época tamén hai un amplo consenso en considerar que as tres primeiras décadas do XX corresponden a un período “revolucionario” no que moitas das seguridades, materiais e espirituais, que os adiantos científico-técnicos do pasado século lle transmitiran á sociedade, ficaron conmocionados. A relatividade, a mecánica cuántica e a psicanálise, entre outras, foron teorías que atentaron contra os mesmos aliceces nos que se sostiñan os coñecementos tradicionais sobre o universo, a materia e o propio ser humano.
En España, a época estivo caracterizada pola creación da Junta para Ampliación de Estudos en 1907 e por todas as actividades de promoción da ciencia que desenvolveu, que supuxeron unha autenténtica renovación das súas estruturas e cadros de persoal. Galicia non foi allea a estes novos aires e os seus mellores talentos puideron aproveitarse da xenerosa política de bolseiros da JAE e beneficiarse da creación de novos centros de investigación como a Misión Biolóxica de Galicia.
As ciencias físicas.- Se houbo unha teoría que caracterizou a ciencia destas primeiras décadas do XX, foi a da relatividade. Non só polo que supoñia de ruptura cos paradigmas newtonianos anteriores e de apertura cara a un novo universo de características e dimensións ata entón inimaxinables, senón tamén pola repercusión pública que acadou nos máis diversos ambientes. En Galicia, no ano 1920, cando Einstein comezaba a ser noticia nos xornais europeos, NÓS xa publicaba unha tradución ao galego dun traballo do italiano Necchi sobre “Espazo e tempo”, no que se facía unha crítica da relatividade desde o pensamento bergsoniano. Losada Diéguez que fora o seu tradutor, publicaba nese mesmo número un traballo sobre a velocidade e sinalaba que “o relativismo de Einstein non é unha doctrina filosófica, é máis ben un método e unha técnica para traballar as cencias físicas co renovamento matemático”. Non foi a única referencia da relatividade na revista, pois noutros números apareceron pequenas notas (da posible autoría de Risco ou de Losada) que facían referencia a ela.
En Galicia, no ano 1920, cando Einstein comezaba a ser noticia nos xornais europeos, NÓS xa publicaba unha tradución ao galego dun traballo do italiano Necchi sobre “Espazo e tempo
Membros do Seminario de Estudos Galegos como D. Ramón Aller tamén falaron da relatividade, nunha época bastante tardía (en 1931 e 1934) no Boletín Logos de Pontevedra, aínda que hai constancia de que xa debía ter un bo coñecemento dela cando menos desde 1921. En moitas das tertulias de intelectuais composteláns, como as que tiñan lugar na redacción de El Eco de Santiago, era acotío tema de conversa e, mesmo algún dos seus asistentes, como Amor Ruibal, podían dar noticia dela a partir de novas lidas en artigos orixinais en alemán.
Pero a teoría da relatividade, como ocorría no resto do mundo, foi reinterpretada tamén desde o punto de vista cultural nun sentido bastante amplo e, mesmo pintores como Cebreiro e poetas como Manuel Antonio escribiron dela: “Os astrónomos disparaban telescopios / contra unhas órbitas descatalogadas / n-os tratados d´a Relatividade”.
As ciencias biolóxicas.- O Premio Nobel Morgan TH foi o protagonista da segunda revolución da xenética (a primeira fora a domesticación de plantas e animais no Neolítico) co descubrimento da localización dos xenes nos cromosomas que, así mesmo, serviu para asentar as bases conceptuais da teoría clásica mendeliana que fora redescuberta nos comezos do século.
Gallastegui C., membro do Seminario de Estudos Galegos, cunha bolsa da JAE comezou os seus estudos de xenética co propio Morgan TH na Universidade de Columbia (USA) en 1918, quen o orientou cara a unha formación en xenética vexetal noutros centros americanos nos que foi protagonista, xunto a East EM, da primeira colleita de millos híbridos do mundo. De volta a Galicia como director da Misión Biolóxica, en Santiago primeiro e en Salcedo (Pontevedra) despois, puxo en marcha un programa, pioneiro en Europa, de mellora xenética deste cultivo que tamén tentou levar á práctica na deprimida economía galega. Desde o centro que dirixía puxo en marcha varias liñas de investigación e deseñou un amplo programa de melloras agrícolas, gandeiras e forestais para Galicia.
Iglesias L., membro igualmente do SEG, foi o iniciador das publicacións de bioloxía no idioma galego, nos Arquivos do SEG e NÓS, con traballos sobre avifauna e coleópteros. Tamén, en colaboración coa USC, puxo en marcha un Consultorio sobre Pragas do Campo, que editou en galego un boletín de divulgación.
As ciencias da terra. Despois da grande síntesis xeolóxica de Suess E., coa súa Faces da Terra (1909) acadou a sua madureza e comezou un proceso de diversificación coa aparición de novas especialidades, como foi o caso da xeoquímica das que axiña se derivaron importantes consecuencias prácticas. Outro membro do SEG, Parga Pondal I., foi o introdutor destes novidosos estudos en España, así como dos métodos do suízo Niggli para a clasificación das rochas (algún deles aínda hoxe vixentes), con quen traballou en Zurich, grazas tamén a unha bolsa da JAE. Afín ás Irmandades da Fala, que defendían con radicalidade a capacidade do idioma galego como vehículo de expresión para todo tipo de cuestións, publicou algún dos seus traballos en galego nos Arquivos do SEG. Así mesmo, o Laboratorio de Xeoquímica, que creou na USC coa colaboración do SEG, habería de ser o xerme da xeoquímica española se o afastamento que sufriu despois da Guerra Civil no o impedira.
Gallastegui C., membro do Seminario de Estudos Galegos, cunha bolsa da JAE comezou os seus estudos de xenética co propio Morgan TH na Universidade de Columbia
As ciencias do home.- O coñecemento do home como individuo e como sociedade sufriu tamén nestes tempos iconoclásticos cambios radicais cos adiantos derivados de ciencias como a psiquiatría-psicoloxía e antropoloxía. De teorías sobre o espíritu e os grupos sociais que tiñan moito máis de crenzas e metafísica que de ciencia, pasouse á creación dunhas bases racionais cada vez máis asentadas en datos empíricos que renovaban totalmente a imaxe que se tiña ata entón do ser humano. A obra de Freud S. e os seus seguidores foi un dos momentos críticos destes cambios.
Viqueira X.V., a pesar da súa corta vida, é considerado como unha das mentalidades galegas máis privilexiadas do momento. Formado tamén en Alemaña pola JAE xunto a Stunf en Berlin, Wundt en Leipzig e, sobre todo, Müller en Göttingen, cando regresa a España viña convertido, posiblemente, no mellor especialista en psicoloxia experimental do país. De volta a Galicia en 1914, tivo apenas dez anos para deixar constancia da altura intelectual e alento renovador do seu pensamento, que ficou recollido en obras como La Nueva Ciencia del Alma ,La Psicología Contemporánea ou Introducción a la psicología pedagógica. Integrado nas Irmandades da Fala coruñesas, das que foi un dos seus máis significados animadores, ten unha obra en galego, de ensaios e poesía, que ficou recollida fundamentalmente en A Nosa Terra.
Un tema antropolóxico moi importante para os nacionalismos da época foi o das razas, nas que se procuraban as bases das identidades nacionais. Risco defendeu a existencia dunha raza “loira centro europea” para os galegos, e o médico Quintanilla X. escribiu en NÓS un artigo sobre “razas loiras e razas morenas” no que, a partir dunha suposta xeografía antropolóxica, tentaba achegar a “verdadeira base científica do nacionalismo”. A conclusións diferentes chegaría López Teijeiro M., das Irmandades da Fala ourensás, en dous artigos publicados en NÓS sobre “Investigacións etno-morfolóxicas entre a poboación de Ribeiro de Avia” (1933) e “A raza euroafricana” (1935). Con medidas antroprométricas, verdadeiramente pioneiras para Galicia, negaba a singularidade da poboación do NW español, ao tempo que gababa unha suposta raza mediterránea, propia da Iberia.
Conclusións.- Houbo máis conexións entre científicos de renome e galeguismo, como puido ser o caso de Novoa Santos R, Gil Casares M ou Deulofeu J, afíns ás Irmandades da Fala coruñesa e compostelás, pero estimamos que a mostra comentada é dabondo expresiva como para deixar constancia de que o alento de modernidade e preocupación polo país que promoveron os animadores desta “Época NÓS” non deixou indiferentes a moitos persoeiros da ciencia galega. Se ben utilizaron moi pouco o galego como vehículo expresivo, non deixaron de apoiar e defender, mesmo politicamente, estes movementos.
*Francisco Díaz-Fierros é un científico e escritor galego. Catedrático de Edafoloxía e Química Agrícola da Universidade de Santiago de Compostela. Foi Presidente da Sociedade Galega de Historia Natural. É membro de número da Real Academia Galega.