Os primeiros observatorios meteorolóxicos de Galicia

A Universidade de Santiago foi pioneira da meteoroloxía sistemática ata que se creou a rede das principais cidades galegas a finais do século XIX

Aínda que a meteoroloxía xa nacera en Galicia como ciencia dende o século XVIII, contando entre os seus impulsores con figuras como a do cartógrafo Domingo Fontán, o certo é que foi no último terzo do século XIX cando esta disciplina pasaría a sistematizarse, aparecendo a primeira rede estable de observatorios distribuída polo país.

As primeiras series estables de datos meteorolóxicos rexístranse en Galicia na terraza da Universidade de Santiago, con medicións a cargo de Antonio Casares, que publica na Revista del Progreso de las Ciencias no ano 1850. Naquela época, o observatorio compostelán era o único da España húmida xunto aos de Vergara, Bilbao, Santander, Oviedo e Santiago, como anota con detalle o investigador Francisco Díaz-Fierros, autor dunha  monografía e do libro colectivo ‘Historia da Meteoroloxía en Galicia’, editado polo Consello da Cultura Galega.

Publicidade

Máis tarde, en 1853, estréase en Pontevedra outro observatorio  meterolóxico, que impulsa o catedrático de física e química do instituto Ramón Valenzuela Ozores, quen tamén publica os seus datos na Revista de la Asociación para el Progreso de las Ciencias, no ano 1859. A estación meteorolóxica do Lérez tivo moito de proxecto persoal, o que queda patente en que, tras a morte deste profesor en 1866, as series de datos interrómpense ata que son retomadas en 1881.

A Coruña será a terceira cidade en ter un observatorio meteorolóxico, que se instalará no instituto de ensino medio en 1867. A realidade é que xa previamente a meteoroloxía sistemática chegara á capital herculina, grazas ao médico, filósofo e matemático Benito Sotelo, quen a partir de outubro de 1844 comezara –aínda que de xeito non oficial- a realizar observacións meteorolóxicas dende a cátedra de Matemáticas do Real Consulado Marítimo na rúa Panadeiras. Ademais, no ano 1858 publicou un extenso Opúsculo en cinco números no xornal ‘El Fomento de Galicia’, onde fala de 6 anos de observacións meteorolóxicas na Coruña, facendo un resumo delas. Dito Opúsculo levaba por título “Sobre a importancia, necesidade e modo de executar as observacións meteorolóxicas prescritas na instrución comunicada ás comisións permanentes de estatística.

Publicidade

Eduardo Chao e o seu primeiro mapa de isóbaras.
Eduardo Chao e o seu primeiro mapa de isóbaras.

“É un texto de divulgación de meteoroloxía e climatoloxía de inestimable valor, escrito con claridade e dirixido ao gran público para concienciar a este e ás institucións oficiais da importancia de dispor de longas series de medidas”, explica o investigador José Ángel Docobo nunha monografía sobre Sotelo.

O colexio dos xesuítas en Camposancos (A Guarda), no ano 1881, e os observatorios creados en Vigo e Lugo en 1884, impulsarán a rede meteorolóxica galega ata a inauguración en 1887 do situado no instituto de ensino medio de Ourense. “Comezaba deste xeito a primeira rede meteorolóxica de Galicia”, anota o profesor Díaz-Fierros, “que se mantivo sen modificacións, con seis estacións completas (pluviometría, termometría, presión, humidade, evaporación e ventos), ata o remate do século”.

Houbo ademais algunhas iniciativas particulares notables, como foi o caso da serie de datos meteorolóxicos colleitada polo párroco de Baredo en Baiona, quen anotou observacións barométricas ao longo de trinta anos a finais do século XIX.

Tamén destaca a figura do xesuíta Baltasar Merino, eminente botánico que tamén foi un pioneiro da meteoroloxía, recollendo e compilando os datos do observatorio do colexio de Camposancos e publicando interesantes traballos científicos, como o que aparece no ano 1892 no xornal ‘La Integridad’ de Tui, no que analizaba a traxedia acontecida na localidade portuguesa de Póvoa de Varzim, onde morreran máis dun cento de persoas por unha violenta galerna. Merino analizaba neste traballo a posibilidade de prever eventos catastróficos como este empregando os valores meteorolóxicos.

Dentro dos pioneiros de finais do século XIX tamén hai que salientar ao político Eduardo Chao, quen ademais de chegar a ser ministro de Fomento na Primeira República, foi un notable científico, que instalou nos tellados da casa do concello de Vigo en 1880 unha estación meteorolóxica. Grazas as súas observacións, puido facer dúas publicacións (El Observatorio meteorológico de Vigo en 1883 e Comparación de las observaciones meteorológicas de Vigo, 1884, con las estaciones de la zona cantábrica). Na primeira delas, que se pode considerar como un compendio elemental de meteoroloxía práctica, explica, en primeiro lugar, o funcionamento dos aparellos do observatorio e posteriormente realiza consideracións sobre a situación atmosférica europea con motivo do forte ciclón do ano 1878.

Así naceu o primeiro mapa do tempo de Galicia

Sobre Eduardo Chao, considera Francisco Díaz-Fierros que “as apreciacións que fai sobre as situacións ciclónicas e anticiclónicas, así como o mapa isobárico de Europa que presenta sobre o citado ciclón son, sen dúbida, as primeiras feitas por un galego sobre meteoroloxía dinámica”. De feito, era a primeira vez que se representaba en Galicia un mapa de isóbaras.

O certo, sen embargo, dentro desta etapa de nacemento da meteoroloxía científica e sistemática en Galicia, é que algúns dos datos que se conservan ofrecen dúbidas sobre o seu rigor, como acontece cos do observatorio da Coruña, mentres que outros presentan moitos ocos, con períodos nos que se deixan de recoller estatísticas. Pero así se foi creando, a finais do século XIX, a rede que sentou as bases da meteoroloxía sistemática y científica en Galicia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Violencia contra a muller: dúas xornadas en Vigo para analizar desde o coñecemento

O Concello vigués organiza en colaboración con GCiencia unha mesa redonda sobre feminismo e deporte e unha charla sobre senfogarismo

▪️ Un libro homenaxea o Matemático como o gran científico de Galicia

A obra da RAGC e do CCG está producida por GCiencia e coordinada polo académico Juan José Nieto Roig

GCiencia incorpórase ao Padroado de FEUGA

O portal de divulgación científica reforza o seu compormiso co desenvolvemento tecnolóxico, social e económico coa súa entrada na Fundación Empresa-Universidade Galega

Unha noticia de GCiencia cae na proba de Lingua Galega da ABAU 2024

A adaptación dunha peza sobre o Samaín, publicada en outubro de 2023, é o texto central dun dos exames de acceso á universidade