Galicia alcanza os 78.692 casos activos en coronavirus en plena sexta onda, a que deixa o maior número de contaxios na comunidade dende o comezo da pandemia. Non obstante, a boa nova é que a proporción entre persoas contaxiadas e hospitalizadas segue a manterse estable, o que parece confirmar que a variante ómicron cursa con cadros máis leves e que a vacinación está a ser efectiva.
“Semella que se está a atravesar o pico porque non está habendo un crecemento exponencial de contaxios, senón que se mantén unha taxa de positividade constante”, sinala a doutora María del Mar Tomás Carmona, do departamento de Microbioloxía do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC) e portavoz da Sociedade Española de Enfermidades Infecciosas e Microbioloxía Clínica (SEIMC). E engade que “a tendencia parece que vai estar así polo menos durante un mes e algo”.
A volta ás aulas
Na expansión do virus houbo dous factores determinantes: a interacción social propia das datas de Nadal e a volta ás aulas. Segundo a coordinadora de CovidBens Margarita Poza, a carga viral das augas residuais dos concellos da Coruña que analizan pode ter que ver co feito de retomar as actividades lectivas, especialmente nos colexios.
“A xestión dos casos positivos nos colexios está sendo complexa porque está todo xa moi desmadrado”, sinala. Os principais problemas que se están observando para controlar os contaxios pensa que son a tendencia a facer cada vez máis test de antíxenos e menos PCR, que se tarde tanto tempo en dar os resultados das probas PCR ou os protocolos de confinamento das persoas afectadas e dos contactos directos.
Doutra banda, que o alumnado de primaria non estea vacinado coa pauta completa pode influír ao rápido contaxio do virus neste sector da poboación. Neste sentido, María Tomás confirma que “cunha única dose nas crianzas non se poden ver resultados de efectividade”, polo que haberá que esperar a que teñan a pauta completa para saber se reducen a súa capacidade de contaxio e por tanto, se se estabiliza a situación nos colexios.
Doses de reforzo antes dos seis meses
Neste mes de xaneiro o Servizo Galego de Saúde comezou a citar a menores de trinta anos para recibir a dose de reforzo. Non obstante, para este grupo de idade aínda non pasaron os seis meses dende que recibiron a segunda dose, o que xerou opinións diversas na comunidade científica sobre a efectividade desta estratexia. Segundo a catedrática de Inmunoloxía da Universidade de Vigo África González, “é importante gardar un tempo entre unha inmunización e outra porque hai que deixar descansar ao sistema inmunitario”.
A inmunóloga explica que o de esperar seis meses entre a segunda e a terceira dose se dixo en base a estudos científicos onde se demostraba que tras pasar a infección ou despois da vacinación, mantíñase a memoria inmunitaria durante ese período, aínda que diminuíran os anticorpos neutralizantes. Ademais, “para outras infeccións xa se viu que doses repetidas nun intervalo corto de tempo o que fan é esgotar a esas células, polo que non se conseguiría unha mellor resposta, ao contrario”.
“Gardar un tempo entre unha inmunización e outra é importante, hai que deixar descansar ao sistema inmunitario”
África González descríbeo como que o noso sistema inmunitario é un exército que ten moitos soldados diferentes, pero que coa mesma vacina estase chamando sempre aos mesmos. E se se chama aos mesmos de forma repetida, non poden descansar dunha vez á outra. En canto ás terceiras doses na mocidade sen pasar os seis meses, María Tomás fai fincapé en “que se require aínda moita investigación ao respecto”.
Dúbidas en canto ás doses de reforzo
Xa hai distintas voces dende comités expertos, como a Sociedade Española de Inmunoloxía ou a Axencia Europea que manifestan dúbidas respecto de se a revacinación cada certo tempo é eficaz para controlar a pandemia. Neste sentido, África González sinala que “dende logo, deixar só catro semanas dende que se pasou a infección á administración da dose de reforzo é moi pouco tempo”. E a efectividade de reforzar a vacinación na mocidade sen patoloxías vai na mesma liña, xa que “non se estaría aportando ningún novo beneficio”.
Entón, que se debería facer? A inmunóloga considera que agora o máis importante é insistir na vacinación coas dúas doses naquelas persoas que aínda están sen vacinar e axudar coa loxística da vacinación a terceiros países con gran parte da poboación sen vacinar, para diminuír mortes e cadros graves da enfermidade.
“É posible que veñan novas variantes e non ten sentido seguir poñendo constantemente doses da mesma vacina”
En canto ás vacinas, María Tomás incide en que hai que potenciar a investigación en vacinas universais, xa que “é posible que veñan novas variantes e non ten sentido seguir poñendo constantemente doses da mesma vacina, que protexe maioritariamene frente a unha variante concreta”. Polo tanto, o importante é formular unha panvacina contra a Covid-19, “porque unha terceira dose pode ter sentido, pero unha cuarta en persoas que non teñan o sistema inmune deprimido xa non”.