Desde as 15 horas do venres e, polo menos, ata o vindeiro martes (é probable que se estenda polo menos ata o venres que vén), preto da metade da poboación de Galicia, algo máis de 1,2 millóns de persoas, non poderán desprazarse fóra dos peches perimetrais establecidos pola Xunta de Galicia para conter a transmisión da pandemia da Covid-19, segundo anunciou este venres o conselleiro de Sanidade. O mapa de peches perimetrais afecta ás sete cidades e a outros 16 concellos, tanto das áreas metropolitanas como das comarcas de Verín e O Carballiño, e o concello coruñés de Vimianzo, debido ao aumento na incidencia do virus SARS-CoV-2.
As medidas referentes á limitación de mobilidade perimetral en cada área e á prohibición das reunións de non conviventes están xa en vigor desde as 15 horas, despois da publicación do decreto no Diario Oficial de Galicia (DOGA). As restricións que establecen modificacións na capacidade dos diversos locais, celebración de eventos e outros aspectos publicaranse este sábado no Diario Oficial de Galicia.
A Xunta decreta o peche perimetral das sete cidades e preto de 20 concellos
O conselleiro Julio García Comesaña explicou que as novas medidas “insírense dentro da carácter especial que ten o Día de Defuntos en Galicia, unhas datas nas que se multiplican os desprazamentos na nosa comunidade”. Diante da importante mobilidade, instouse á poboación ao restrinxir ao máximo as interaccións sociais e apelouse aos diversos colectivos á responsabilidade para conter a pandemia, que está incrementando a ocupación nos hospitais e acadando nos últimos días as meirandes cifras de falecementos na segunda onda.
Mapa de medidas
Deste xeito, o mapa de restricións experimenta cambios ao engadir peches perimetrais que afectan á area da Coruña (concellos da Coruña e Arteixo), Ferrol (Ferrol, Neda, Narón e Fene), Santiago (Santiago, Ames e Teo), Pontevedra (Pontevedra, Poio e Marín), e os concellos de Vigo, Lugo e Vimianzo. Mantense unha semana máis o peche en Ourense e Barbadás, en Verín, Oímbra e Vilardevós, e no Carballiño, O Irixo e Boborás. En todos eles, ademais, quedan prohibidas as reunións de persoas que non convivan. Sanidade expuxo tamén que se manteñen as prohibicións de reunións de non conviventes establecidas no resto da comarca do Carballiño e no concello do Barco de Valdeorras.
Ademais, Sanidade aclara que non estará sometida a restrición ningunha a circulación en tránsito a través das zonas nas que se establece o peche.
Excepcións
O decreto establece como excepcións nos peches perimetrais os desprazamentos adecuadamente xustificados por motivos de:
- Asistencia a centros, servizos e establecementos sanitarios.
- Cumprimento de obrigas laborais, profesionais, empresariais, institucionais ou legais.
- Asistencia a centros universitarios, docentes e educativos, incluídas as escolas de educación infantil.
- Retorno ao lugar de residencia habitual ou familiar.
- Asistencia e coidado a maiores, menores, dependentes, persoas con discapacidade ou persoas especialmente vulnerables.
- Desprazamento a entidades financeiras e de seguros ou estacións de servizo en territorios limítrofes.
- Actuacións requiridas ou urxentes ante os órganos públicos, xudiciais ou notariais.
- Renovacións de permisos e documentación oficial, así como outros trámites administrativos inaprazables.
- Realización de exames ou probas oficiais inaprazables.
- Por causa de forza maior ou situación de necesidade.
- Calquera outra actividade de análoga natureza, debidamente acreditada.
E no caso das limitacións de reunións a persoas conviventes, esta medida “non impedirá a reunión con persoas non conviventes que se produzan por motivos de asistencia e coidado a maiores, menores, dependentes ou persoas con discapacidade, ou por causa de forza maior ou situación de necesidade”, e “non será aplicable no caso de actividades laborais, institucionais, empresariais, profesionais e administrativas, actividades en centros universitarios, educativos, de formación e ocupacionais, así como no caso de práctica de deporte federado, sempre que se adopten as medidas previstas nos correspondentes protocolos de funcionamento”.
Aínda que as limitacións de reunión quedan establecidas en todos os municipios citados, establécense dous niveis distintos de emerxencia. As áreas metropolitanas de Santiago e Ferrol e o concello de Vimianzo quedan no nivel 3, e as áreas da Coruña, Pontevedra e os concellos de Vigo e Lugo, no nivel 2. Estas diferenzas quedarán demarcadas no decreto publicado no DOG neste sábado, e afectarán á capacidade máxima en locais e celebracións de eventos, entre outros detalles.
As cifras sobre a pandemia en Galicia
Por concellos
En canto ao mapa que achega Sanidade, e que establece catro niveis de alerta, hai 37 municipios, a meirande parte deles na costa atlántica e a área metropolitana das principais cidades, con máis de 21 casos na última semana. As sete cidades amosan unha incidencia acumulada nos últimos sete días de máis de 112 casos/100.000 habitantes. Outros 26 concellos están en nivel 2, con entre 14 e 21 casos, e 38 máis rexistran entre 7 e 14 casos. O resto, 204, sitúanse con menos de sete casos na última semana. Así está o mapa.















