A Xunta de Galicia decidiu este venres endurecer as medidas para conter a transmisión da Covid-19 en Galicia. En concreto, establécese o peche perimetral de Santiago, Ames, Teo, Ferrol, Narón, Fene, Neda, A Coruña, Arteixo, Vimianzo, Pontevedra, Poio, Marín, Vigo e Lugo. Todos estes concellos súmanse ás medidas xa vixentes en Ourense, Barbadás, Verín, Oímbra, Vilardevós, O Carballiño, O Irixo e Boborás. É a decisión que acaba de anunciar o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, nunha comparecencia celebrada despois da reunión do subcomité clínico que asesora á Xunta de Galicia. As medidas entrarán en vigor esta mesma tarde, de cara á fin de semana da festividade de Todos os Santos. En principio estarán vixentes ata comezos da vindeira semana, cando o subcomité se reunirá de novo para estudar a evolución da pandemia e tomar novas decisións.
Reunións de conviventes
Un decreto que se publicará ao longo do venres no Diario Oficial de Galicia establecerá as medidas concretas arredor do peche perimetral, que tamén inclúe na meirande parte dos municipios nos que se establece o peche a prohibición de reunión con persoas non conviventes. Establécense excepcións nas restricións de mobilidade por motivos laborais, sanitarios, educativos ou de asistencia a persoas dependentes.
As decisións afectan, por tanto, ás zonas que máis preocupan, segundo Carmen Durán Parrondo, directora xeral de Saúde Pública, que son as áreas metropolitanas das sete cidades, así como algúns outros concellos onde a incidencia se incrementou notablemente nos últimos días.
Así queda o mapa de restricións en Galicia coas novas medidas
Na comarca de Santiago, nos concellos da capital, pero tamén de Ames e Teo, a transmisión do virus é notable. Santiago de Compostela, con 457 casos/100.000 habitantes nos últimos 14 días, mantén unha cifra alta a pesar das restricións de reunións a persoas convivintes establecidas desde a pasada semana.
A comarca de Ferrol con 284 casos/100.000 habitantes a sete días e 393,5 a 14 días, por riba da media galega. En concellos como Fene, Ferrol, Narón e Neda, chégase a superar unha incidencia a 14 días de 400 casos.
Na área da Coruña-Cee, preocupan A Coruña, con 140 casos/100.000 habitantes, e localidades como Arteixo, con 78 casos en 14 días, e Vimianzo, con 50 casos nos últimos sete días.
En Pontevedra e Poio exponse tamén un incremento “importante”, cunha incidencia superior a 206 casos/100.000 habitantes nos últimos sete días.
Ourense, onde se manteñen as medidas máis estritas, a incidencia acumulada é alta, pero as cifras evolucionan favorablemente. “Non podemos relaxarnos e temos que continuar vixiando”, expuxo Carmen Durán. A nota positiva é a da comarca de Verín, onde se constata un claro descenso da incidencia acumulada.
Situación actual
O Sergas comunicou este venres preto de 700 novos casos confirmados por PCR nas últimas horas, o que eleva o número de casos activos ata os 8.363. Un día máis, os servizos de Microbioloxía superaron as 9.000 probas PCR procesadas nun só día, polo que a taxa de positividade mantense nos últimos días entre o 7 e o 9%. É unha cifra que está algo por riba do 3-5% que a OMS marca como desexable, xunto a outros indicadores, para conter a pandemia. A revisión dos datos recollidos nos últimos días, tal e como se pode observar no web do Sergas, apunta a que se están a superar os 700 novos positivos diarios.

Todas as áreas sanitarias, agás Ourense, experimentan un forte incremento nos casos activos, o que expón que se están detectando máis casos novos do que se conceden as novas altas. Destaca Vigo, onde os casos activos se triplicaron en 15 días, e Ferrol, no que esta multiplicación por tres se produciu só en nove días. Ademais, na área ferrolá estase a producir un notable incremento na taxa de positividade, acadando un 17,9% na última xornada. Tamén ascende este indicador en Vigo, cun 13,1%, superando o limiar do 10% por primeira vez na segunda onda da pandemia.
En canto a novos positivos, na área de Vigo confirmáronse 185 casos no último día, na Coruña-Cee 117, en Santiago-Barbanza 115, en Ferrol 99, Pontevedra-O Salnés 76, Ourense-Verín-O Barco 54, e en Lugo-A Mariña Monforte 50.
A carga asistencial baixa lixeiramente pola menor ocupación en unidades de hospitalización, pero medra no caso da UCI. Segundo os datos que a Xunta facilita ao Ministerio de Sanidad, na última semana houbo 332 ingresos nos hospitais por mor da Covid-19, 48 deles na UCI. Estes mesmos datos indican que, no referente á capacidade asistencial, un 5,91% das camas de hospitalización están ocupadas por pacientes Covid-19, cifra que ascende ao 10,43% no caso das UCI.
A transmisión crecente nos últimos días levou a que Galicia superase novos limiares nos indicadores de risco marcados polo Ministerio de Sanidad á hora de establecer limitacións de reunión e mobilidade e outras decisións dirixidas a frear o coronavirus.
A situación agrávase tamén nos falecementos, xa que Sanidade notificou este xoves a meirande cifra de óbitos na segunda onda, con 13 mortes que elevan a 902 as persoas falecidas por mor da pandemia. Así está sendo a evolución:
Por concellos
En canto ao mapa que achega Sanidade, e que establece catro niveis de alerta, hai 37 municipios, a meirande parte deles na costa atlántica e a área metropolitana das principais cidades, con máis de 21 casos na última semana. As sete cidades amosan unha incidencia acumulada nos últimos sete días de máis de 112 casos/100.000 habitantes.
Outros 26 concellos están en nivel 2, con entre 14 e 21 casos, e 38 máis rexistran entre 7 e 14 casos. O resto, 204, sitúanse con menos de sete casos na última semana. Así está o mapa.
















Non entendo por qué uns datos se dan a 7 días e outros a 14.