Venres 19 Abril 2024

Á espera da vindeira pandemia: ata 850.000 virus axexan á Humanidade

Un informe da plataforma de Biodiversidade e Ecosistemas da ONU advirte do impacto por mor da degradación ambiental causado pola actividade humana

A Organización Mundial da Saúde xa o advertira antes da pandemia da Covid-19. Estaba por chegar unha Enfermidade X, causada por un virus ou unha bacteria, e que sería o resultado da depredación dos ecosistemas e o impacto da actividade humana que leva ao cambio global. A interconexión no planeta faría o resto, espallando a doenza a toda velocidade. Despois de 45 millóns de casos é 1 millón de mortes, o SARS-CoV-2 pode identificarse facilmente con aquela predición. Pero non será a última, e así o advirte un novo informe publicado polo IPBES (Plataforma Intergubernamental Científico-normativa sobre Diversidad Biológica y Servicios de los Ecosistemas), entidade inscrita no programa da ONU para o Medio Ambiente, e que advirte de que “as futuras pandemias aparecerán máis a miúdo, se espallarán máis rápido, farán máis dano á economía mundial e matarán máis xente cá Covid-19 a menos que haxa un cambio no achegamento mundial á reacción fronte ás enfermidades infecciosas”.

O informe, asinado por 22 expertos e expertas de referencia de todo o mundo, lembra que na natureza, sobre todo en mamíferos e aves, existen arredor de 1,7 millóns de virus aínda non descubertos, e que a metade deles, ata 850.000 poden adquirir capacidade para infectar a humanos e, en moitos casos, propagarse entre eles.

Publicidade

A degradación do planeta

Tal e como xa advertiu a comunidade científica ao producirse a aparición do SARS-CoV-2, o informe do IPBES destaca os vínculos entre a degradación da natureza e o maior risco de pandemias. E insiste en reaccionar en materia de prevención para evitar eventos semellantes no futuro.

Destacan que a do coronavirus é a sexta pandemia global desde a gripe de 1918, e “aínda que ten a súa orixe en patóxenos transportados por animais, como todas as pandemias, a súa emerxencia correspóndese totalmente coas actividades humanas”. Peter Daszak, líder do grupo de traballo do IPBES que elaborou o informe, expón. “As mismas actividades humanas que impulsan o cambio climático e a perda de biodiversidade tamén impulsan o risco da pandemia a través do impacto no ambiente. Os cambios no uso que facemos da terra, a expansión e intensificación da agricultura, o comercio, a produción e o consumo insostibles transtornan a natureza e incrementan o contacto entre a vida salvaxe e os seus patóxenos e as persoas: aí está o camiño das pandemias”.

Para isto, insisten en reducir as actividades humanas que leven á perda de biodiversidade, incrementando as áreas a protexer e conservar, e mediante medidas que reduzan a explotación insostible de rexións de alta biodiversidade.

“A evidencia científica leva a unha conclusión moi positiva“, engade Daszak. “Temos cada vez máis capacidade para previr as pandemias, pero a forma na que a estamos afrontando esta vez ignora esta capacidade. O noso enfoque estancouse: aínda seguimos confiando nos intentos de conter e controlar as enfermidades despois de que xurdan, con vacinas e tratamentos. Podemos escapar dunha futura era de pandemias, pero isto require un enfoque moito máis amplo na prevención, non só na reacción”.

Custo mundial da pandemia

O documento fai tamén unha estimación do custo da Covid-19 no mundo, que sitúan nun abano de 8 a 16 billóns de dólares ata xullo de 2020, aínda que se estima que o custo só para os Estados Unidos acade para finais de 2021 os 16 billóns. Alén do coronavirus, o informe lembra tamén que outras pandemias presentes no planeta causan máis de 1 billón en perdas cada ano. Por exemplo, en 2014, a epidemia de ébola en África Occidental deixou un impacto de 53.000 millóns de dólares.


Podes ler o informe ao completo (en inglés) nesta ligazón (PDF).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A lamprea, en caída libre en Galicia: de 23.000 quilos capturados a 3.000 en dez anos

O catedrático da USC Fernando Cobo apunta que a presión pesqueira e a captación de auga ilegal fomentan a diminución de especies

A praia de Barra agocha unha aldea soterrada: un cambio climático invadiu todo de area hai 500 anos

Unha investigación publicada por Andrés Pino analiza o impacto social e económico da Pequena Idade do Xeo no asentamento de Cangas

Galicia rexistra o cuarto inverno máis cálido en 60 anos

As precipitacións foron un 18% superiores ao habitual para este período, sendo especialmente abondosas en febreiro

Desenvolto o mapa máis completo de interaccións para a supervivencia das bacterias

Os resultados revelan detalles ata o de agora descoñecidos destes mecanismos e ofrecen posibles dianas para o desenvolvemento de novos antibióticos