Publicidade

Enfermidade X: a pandemia que está por vir

IMPORTANTE: O que todos podemos facer para frear o coronavirus

Nova publicada o 15 de marzo de 2018

Publicidade

Aínda non se sabe con exactitude que vai ser. Se vai estar causada por un virus ou unha bacteria. Se vai xurdir en África, Asia, Europa ou América. Pero a Organización Mundial da Saúde ten claro que os países do mundo deben estar preparados para unha posible doenza nova e descoñecida que podería afectar a millóns de persoas. E bautizárona como Enfermidade X.

Cada ano, a OMS reúne ao equipo de expertos que conforman a estratexia de I+D Blueprint, destinada á prevención dos problemas causados por epidemias a gran escala. A raíz da experiencia cos últimos brotes de ébola en África Occidental, o organismo observou que era precisa unha mobilización global de todo tipo de actores para atopar solucións médicas baseadas na tecnoloxía e na innovación para loitar contra as pandemias.

Publicidade

A advertencia sobre a Enfermidade X pretende poñer sobre aviso aos países do mundo

Deste xeito, a OMS xa conseguiu avanzar en varias frontes, como o desenvolvemento dunha vacina contra o ébola que amosou ata agora bos resultados. E nesta liña, o grupo de científicos que conforman a estratexia Blueprint celebran reunións anuais para determinar cales son as enfermidades e patóxenos sobre os que se debería priorizar a investigación e o desenvolvemento en contextos de emerxencia para a saúde pública.

O último dos encontros celebrouse o pasado mes de febreiro. Cos últimos datos sobre as principais epidemias infecciosas que afectan actualmente ao planeta, os expertos seleccionaron unha lista de doenzas que, debido ao seu risco potencial ou á carencia de medidas contra elas, supoñían un maior perigo.

Na lista figuraban oito enfermidades que afectan sobre todo a países subdesenvolvidos: o ébola, a febre hemorráxica de Crimea-Congo, a febre de Lassa, as síndromes respiratorias Mers-CoV e SARS, o virus Nipah, a febre do val do Rift e o virus Zika. Pero ademais, os expertos escolleron, por primeira vez, unha doenza descoñecida, á que denominaron como Enfermidade X.

É “un patóxeno actualmente descoñecido” que “podería causar unha seria epidemia internacional”

“A Enfermidade X – segundo explicaba a OMS no seu comunicado – representa o convencemento de que un patóxeno actualmente descoñecido podería causar unha seria epidemia internacional, polo que Blueprint buscará a posta en marcha un plan de I+D que afronte esta Enfermidade X na medida do posible”. Deste xeito, a OMS busca poñer sobre aviso aos Estados membros para que estean atentos á aparición de calquera patoloxía ata agora descoñecida.

Con todo, por agora é difícil saber cal vai ser a súa orixe. Podería producirse a partir da transmisión de animais a humanos, como se cre que aconteceu coa sida ou o ébola. Estas doenzas, de feito, foron tamén nun primeiro momento unha Enfermidade X, xa que apenas se sabía nada sobre elas. O cambio climático e a destrución de hábitats naturais aínda pouco explorados, cos que os humanos entrarían en contacto con posibles transmisores de novas enfermidades, poderían ser outros factores que contribúan á aparición desta futura doenza.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

“A ‘enfermidade X’ pode chegar a ser unha ameaza para a nosa forma de vida”

A doutora María Eugenia Puentes alerta da necesidade de mellorar protocolos e prepararse ante futuros desafíos epidemiolóxicos

Beber alcohol provoca cancro, e un consumo moderado tampouco é saudable

A OMS e outros organismos tratan de impulsar a etiquetaxe de bebidas alcohólicas coa advertencia do seu risco canceríxeno, probado dende hai décadas

Os microplásticos aumentan a resistencia aos antibióticos

Un equipo da Universidade de Boston subliña a importancia de abordar a contaminación dos residuos plásticos como unha prioridade de saúde pública

Esta é a cantidade de exercicio que debes facer para vivir máis e mellor

A OMS aconsella combinar diferentes actividades, como nadar, levantar pesas ou realizar ioga, para obter unha saúde óptima