Publicidade

Convocados os Premios de Transferencia de Tecnoloxía de Galicia 2018

Desde este xoves, e ata o vindeiro 31 de de maio, a Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) manterá aberto o prazo para a presentación de candidaturas aos Premios de Transferencia de Tecnoloxía de Galicia 2018, que organiza en colaboración coa Axencia Galega de Innovación (Gain). Segundo sinala o presidente da institución, Miguel Ángel Ríos, “a principal novidade está no procedemento de inscrición, que este ano se poderá realizar de xeito telemático para facilitar a participación”, explica.

“O obxectivo dos premios – sinala Ríos – ten dúas vertentes: por unha banda, estimular a actividade científica que se fai en Galicia e, pola outra, animar ás empresas para que demanden a axuda da ciencia para progresar”. Engade o presidente da RAGC que, “dada a importancia que teñen a ciencia e a tecnoloxía para o desenvolvemento socioeconómico dos países, é fundamental que se transfira ás empresas todo ese traballo de investigación para conseguir un sistema produtivo baseado no coñecemento”.

Publicidade

Haberá tres categorías: grupos científicos; pemes e micropemes; e grandes empresas

Deste xeito, os premios divídense en tres modalidades. En primeiro lugar, está a categoría dirixida a grupos científicos que desenvolvan investigación aplicada e que estean adscritos a centros tecnolóxicos ou de investigación ubicados en Galicia. Será escollida, segundo as bases, “a que mellor represente a contribución dun traballo de investigación ao desenvolvemento socioeconómico de Galicia a través da transferencia dos seus resultados ao mercado”. O proxecto gañador recibirá 6.000 euros netos, aos que se engade unha axuda de 4.000 euros para a formación dun membro do equipo durante unha estancia de entre dous e tres meses nun centro de investigación de fóra de Galicia.

E por outra banda, as outras dúas categorías están enfocadas cara o traballo das iniciativas empresariais. Unha delas vai dirixida ás pemes e micropemes galegas que acrediten innovacións procedentes da adquisición dunha patente, dun proxecto conxunto con un ou varios grupos de investigación ou outro mecanismo calquera de transferencia. A dotación deste premio ascende a 12.000 euros netos.

Publicidade

Por último, outra modalidade seleccionará o mellor proxecto de grandes empresas, tomando como referencia os mesmos méritos cos que se valorará ás pemes. O premio, neste caso, ten carácter honorífico, e grupo de investigación percibirá 6.000 euros netos en concepto de apoio ao seu traballo no eido da transferencia de coñecemento.

Miguel Ángel Ríos insiste en que os Premios de Transferencia de Tecnoloxía de Galicia buscan tamén “fomentar a cultura científica na sociedade, para que a xente sexa consciente, a través de casos concretos, do traballo en favor do progreso socioeconómico que se fai día a día nas empresas e nos equipos de investigación científica”.

O detalle das bases e os formularios para a presentación de candidaturas poden obterse, nas seguintes ligazóns, nas webs da RAGC e da GAIN.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Galicia aproba un plan de investigación e innovación que prioriza a retención de talento

O proxecto, cun investimento de 1.310 millóns de euros, creará unha fundación para atraer científicos á comunidade

A innovadora técnica dun equipo galego para detectar ineficiencias nas empresas

'InVerbis Analytics', que naceu como un proxecto de investigación da USC, é agora un servizo que permite optimizar as operacións doutras compañías grazas á minería de datos

Adeus ás tarefas de oficina: un proxecto galego quere automatizalas

O proxecto Itdp nacido no centro tecnolóxico Gradiant procura desenvolver unha ferramenta que facilite a análise de determinado tipo de documentación e evite a realización manual de tarefas de cribado de información

Unha tecnoloxía feita por galegas producirá bioplásticos a partir de aceites usados

O proxecto Pretenacc, financiado polo programa Ignicia, procura a posta en marcha dun método pioneiro para fabricar plásticos de orixe vexetal