En pleno mes grande da Ruta Xacobea, o Camiño Inglés, que culmina en Santiago de Compostela despois de percorrer a provincia coruñesa desde Ferrol, promociónase para acadar o recoñecemento de “Destino + Top”, concurso impulsado polo programa de televisión do mesmo nome.
Para participar no concurso, os usuarios nas redes poden votar nas redes do programa con diferentes accións: un corazón en Facebook suma 2 puntos; un corazón en Instagram, 1 punto; un “gústame” en Facebook, 1 punto, e igualmente suma 1 punto o feito de comentar ou compartir a publicación en Facebook ou Instagram, que se poden ver aquí:
Ver esta publicación en Instagram
O Camiño Inglés
Hai máis de oitocentos anos que chegan peregrinos dende o norte de Europa ata a Catedral de Santiago. Viaxeiros preocedentes, sobre todo, de Inglaterra, chegan á costa coruñesa para iniciar a peregrinación a pé desde Ferrol ou A Coruña. Os dous camiños xuntábanse no hospital de Bruma, situado hoxe no municipio de Mesía, para continuar a Santiago.
Son varias e relevantes as pegadas de peregrinacións históricas polo Camiño Inglés. Do monxe islandés Nicolás Bergsson quedou a descrición escrita da súa viaxe a pé desde Islandia ata Roma pasando por Santiago, entre 1154 e 1159. Dous séculos máis tarde, durante a coñecida como “Guerra dos Cen Anos” establecida entre Francia e Inglaterra, os británicos empregarían o barco para ir a Santiago. Pezas de cerámica e numismática inglesas dos séculos XIV e XV achadas nas escavacións da catedral dan proba da presenza deses peregrinos. As ofrendas ao apóstolo tamén deixaron testemuño deste roteiro.
A ruptura do rei Enrique VIII (1509-1547) coa Igrexa católica, polo seu divorcio con Catalina de Aragón —orixe da Igrexa de Inglaterra e do anglicanismo—, causou o final da peregrinación inglesa e condenou ao ostracismo a esta ruta durante séculos. Ata hoxe, época de revitalización e de novas formas de peregrinación. Os múltiples atractivos de Ferrol ou A Coruña son o pórtico ao roteiro; e Pontedeume ou Betanzos son dous enclaves imprescindibles para entender a historia “inglesa” do Camiño.
En varias etapas, os peregrinos do Camiño Inglés pasan por estas vilas de importante bagaxe histórica, e achéganse tamén polos termos municipais da Coruña, Abegondo, Cabanas, Carral, Fene, Ferrol, Mesía, Miño, Narón, Neda, Ordes, Oroso, Paderne, Pontedeume e Santiago de Compostela.