Sábado 20 Abril 2024

Reforzo nos recursos humanos e materiais na loita contra o lume

O operativo fronte os incendios está formado por máis de 7.000 persoas das diferentes administracións

O territorio galego contará este verán cun dispositivo reforzado nos traballos de prevención e extinción contra os incendios forestais. No operativo participarán máis de 7.000 persoas das diversas administracións, ampliarase a rede de cámaras de vixilancia para cubrir arredor do 70% do territorio. Ademais, o Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga 2021) incorpora accións de formación para os traballadores do servizo e a cidadanía en xeral, e manterá a colaboración coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para xestionar a biomasa en preto do 90% do territorio.

Medios aéreos

O número total de medios aéreos dispoñibles na tempada de alto risco, que coincide co verán, achégase á trintena. É unha cifra semellante á dos últimos anos, contemplando tanto os medios da Consellería do Medio Rural como os do Estado.

Publicidade

Tamén se incorporan outras melloras tecnolóxicas, como a implantación de novas funcionalidades para o cálculo dos custos de extinción, baseadas na aplicación de custos unitarios e tempo de traballo, o que facilitará despois a reclamación dos gastos en procesos xudiciais contra incendiarios.

Durante a tempada de alto risco implántase tamén o acceso ao persoal que intervén no incendio a toda a información operativa do lume, en tempo real. Grazas a isto é posible coñecer o punto de inicio e evolución, os recursos asignados, os puntos de auga próximos, a cartografía, os datos meteorolóxicos ou as descargas dos medios aéreos, entre outras vantaxes.

Máis cámaras de vixilancia

No referente á vixilancia, este aspecto verase reforzado con 22 novas cámaras de última xeración, o que eleva a rede a 142 dispositivos localizados en 71 puntos estratéxicos do territorio galego. Esta liña do plan presta especial atención ás Parroquias de Alta Actividade Incendiaria (PAAI) e ás zonas de Alto Risco de Incendios. O reforzo deste ano eleva do 60 ao 70% a superficie do territorio galego cuberta por esta rede.

Recursos humanos e materais

En canto aos medios humanos e materiais mobilizados no Pladiga a cifra mantense, en liñas xerais, en valores semellantes aos das campañas anteriores. En 2021 o operativo está de novo integrado por máis de 7.000 persoas en total, contabilizando tanto os profesionais propios da Xunta como os doutras administracións.

Os medios terrestres incorporan 19 motobombas máis por parte dos concellos, que se suman ao dispositivo de loita contra incendios. Deste xeito, o número total de vehículos motobomba a disposición do operativo é de 378, sumando os da Xunta e os municipais.

O parque móbil do Servizo autonómico renovarase igualmente, coa adquisición de 6 novas motobombas e a renovación doutros vehículos. Alén disto, recentemente entregáronse 11 vehículos ao Servizo. Dende o ano 2013 o Goberno galego adquiriu un total de 88 novas motobombas, o que supón que se renovou máis da metade do total destes vehículos do dispositivo.

Prevención e formación

No eido da prevención, o Pladiga 2021 incorpora un plan no que destaca a actuación en máis de 58.000 hectáreas de superficie, a intervención en preto de 5.000 quilómetros de pistas forestais e outras vías de comunicación e a realización de labores de mantemento nos case 4.000 puntos de auga existentes en Galicia, ademais da construción doutros 222 novos. Para isto realizarase un investimento de arredor de 30 millóns de euros.

Formación sobre o terreo.
Formación sobre o terreo.

Tamén se poñerá o acento na formación, na que a Xunta investirá preto de 230.000 horas lectivas aos case 3.000 traballadores do Servizo, dentro dunha iniciativa que tamén se estenderá aos concellos e á cidadanía ata o ano 2024. Nesta planificación contémplanse catro programas, dous para o persoal da Xunta , outro para o dos concellos e un cuarto para a sociedade do rural.

Entre as accións realizadas e previstas para o outono e o inverno deste ano, inclúense 31 cursos en modalidade presencial, telemática ou mixta, para os profesionais da Xunta, 40 iniciativas relacionadas coa seguridade laboral, cos grandes incendios e lumes de interface ou co manexo de equipamentos de traballo, para este mesmo persoal. Tamén se abordará a formación eminentemente práctica para os traballadores adscritos aos concellos e accións de concienciación cara a poboación rural, así como formación en materia de auto protección fronte o lume.

Novos centros

Outra das patas do Pladiga 2021 é a creación do novo Centro integral para a loita contra o lume, que se situará na localidade ourensá de Toén, e que funcionará como un verdadeiro “Campus Forestal” grazas ás achegas dos maiores especialistas no comportamento e análise dos incendios. Nestas instalacións xa se empezou a traballar con labores silvícolas e de limpeza.

Nesta aposta por novas infraestruturas, tamén se creará proximamente no sur de Ourense unha moderna base de medios aéreos, que suporá un investimento de máis de 9 millóns de euros. Trátase dunhas instalacións enmarcadas no proxecto transfronteirizo Interlumes, que permitirán dotar a esta área -unha das máis afectadas pola actividade incendiaria- duns modernos servizos para a anticipación aos incendios, mellorando tempos de resposta e optimizando os recursos na loita contra o lume.

Punto de auga para os labores de extinción.
Punto de auga para os labores de extinción.

Colaboración coa Fegamp

Doutra banda, dentro da loita contra o lume, o plan refórzase un ano máis co convenio de colaboración subscrito coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) en materia de prevención e defensa contra os incendios forestais, con 270 concellos adheridos. Esta colaboración entre administracións garante a correcta xestión da biomasa en parcelas situadas dentro da rede de faixas secundarias de máis do 86% do territorio da Comunidade galega. A xestión está sendo controlada por drons e por 15 supervisores de prevención que están traballando sobre o terreo co obxecto de comprobar o cumprimento da normativa da xestión da biomasa naquelas faixas secundarias de parroquias priorizadas. Ademais, outros 30 supervisores sumaranse proximamente a estes controis nas parroquias non priorizadas dos concellos adheridos ao convenio de protección das aldeas.

No marco deste convenio, a Xunta xa entregou 232 plans de prevención municipais aos correspondentes concellos. Deles, 129 xa están aprobados definitivamente e os outros 103 atópanse en tramitación. En apenas tres anos conseguiuse chegar á fase de tramitación aos plans de preto do 75% dos concellos, desde un punto de partida no que case todos carecían del.

Teléfonos para a cidadanía

Ademais de todos estes recursos, un ano máis a Consellería do Medio Rural pon a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que calquera persoa pode chamar en caso de detectar algún lume forestal. Existe tamén un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. E a través das redes sociais, toda a información actualizada sobre incendios forestais pode ser consultada na conta de Twitter @incendios085.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Convocado o IX Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas

Os traballos poden enviarse a partir do 15 de abril. A dotación económica do galardón será de 5.000 euros, cun accésit para o segundo mellor valorado

▪️ Expertos en tecnoloxía, ciencias e humanidades asesoran a Xunta para o uso ético da IA

A comisión de especialistas elabora recomendacións para impulsar accións formativas e a sensibilización na administación e empresas

Cales foron as causas da seca que precedeu aos incendios de Australia? Un equipo de Ourense ten a clave

A investigadora Milica Stojanovic, do grupo EphysLab da UVigo, centrou o seu traballo en analizar as fontes de humidade da zona

O Goberno reúne datos de Xunta e concellos para exixir indemnización polos 'pellets'

O executivo central solicitará unha compensación polos servizos de Salvamento Marítimo durante o episodio de contaminación mariña