Montefurado: o ouro que abriu montañas e secou o Sil

O túnel sucado polos romanos hai case dous mil anos permanece como testemuña dunha abraiante obra de enxeñaría para os recursos da época

Pouco antes de unir as súas augas co río Bibei, no concello lucense de Quiroga, o Sil fai un pechado meandro ao bater cun filón de xisto. Despois dunha boa volta, o río continúa cara ao encontro co seu afluente. Hai case dous milenios, onde algúns vían unha fermosa paisaxe fluvial, a mente dun enxeñeiro romano trazou unha obra que segue sorprendendo hoxe en día pola súa brillantez para obter o prezado ouro. Tal foi a sona que acadou aquela idea dos romanos que, como en tantos outros lugares, quedou pegada na toponimia; Montefurado, tamén coñecido polos veciños como Boca do Monte, é hoxe un lugar de mención obrigada cando se fala dos fitos do imperio na Gallaecia.

Xa daquela se sabía que no medio das augas do Sil, como no Lor, e noutros montes desta rexión, había anacos de ouro que podían encher as arcas do Imperio. Estímase que unhas 190 toneladas do metal viaxaron cara a Roma desde a provincia, a un ritmo de ata 7.000 quilos por ano, moitas delas pola Via Nova que hoxe aínda se ve na próxima Ponte Bibei. Era tal a capacidade de prospección dos romanos que moi poucos xacementos dourados quedaron sen descubrir naquela época. E a falta da dinamita, que non chegaría ata moitos séculos despois, había que tirar de enxeño para que o ser humano puidera mover ríos e furar montes.

Publicidade

O túnel e a “ruina montium”

Tal e como explican no Instituto Geológico y Minero de España (IGME), en Montefurado existen dous depósitos de ouro; un deles, o que levou a construír o túnel, e o outro, moi preto da aldea do mesmo nome, co que se usou a técnica da ruina montium ou arrugia, da que as Médulas son paradigma, pero que tamén se poden ver na mina da Toca, na próxima serra do Courel. Dito sistema consiste en furar o terreo con galerías horizontais e verticais, e unha vez rematadas provocar unha forte inundación coa auga traída río arriba. Así, debido á presión, o terreo derrubábase e os entullos eran moito máis sinxelos de decantar e refinar para atopar o ouro.

Hoxe, preto da aldea de Montefurado, como nas Médulas, aínda é posible ver as medas, unha sorte de pináculos de ata 10 metros de altura que lembran o traballo feito polos romanos. No mesmo núcleo, destaca o ton avermellado da pedra dalgunhas vivendas e da igrexa, procedente do substrato da zona.

Publicidade

A construción do túnel de Montefurado permitiu secar o meandro natural do Sil e peneirar os sedimentos para recoller ouro. Fonte: Google Maps/Elaboración propia.
A construción do túnel de Montefurado permitiu secar o meandro natural do Sil e peneirar os sedimentos para recoller ouro. Fonte: Google Maps/Elaboración propia.

Porén, no caso do túnel, o razoamento dos enxeñeiros foi outro: se construían un atallo ao meandro, sabendo que o ouro corría por aquelas augas, poderían secar ou facer medrar o Sil ao seu gusto e, así, recoller de cando en vez os sedimentos cargados do prezado metal. Tal e como se explica na guía As Montañas do Courel, unha xeoloxía moi humana, escaváronse 120 metros de lonxitude e 20 metros de ancho para facer pasar a auga. E así, ao quedar os limos e arxilas do fondo do río ao descuberto, era o momento de recoller os froitos.

O mellor da idea era, por tanto, a posibilidade de renovar os sedimentos unha vez eran aproveitados. Fose de forma intencionada, tapando a boca do túnel e recuperando o curso natural, ou durante as enchentes, nas que a auga volvía por esa zona, chegaban novas pebidas que, unha vez peneiradas, viaxarían cara a Roma.

Así, aínda que o máis visible é o túnel que se ve no monte, hai outro elemento igualmente importante baixo a auga do Sil que segue hoxe cruzando Montefurado. O corredor ten unha profundidade superior aos 10 metros, en forma de V, o que facilitaba aos romanos a posibilidade de taponalo cando quixeran que a auga volvese ao meandro natural, tal e como se explica no libro A minería aurífera romana nas bacías dos ríos Sil e Lor, de Iván Álvarez Merayo e Antonio Álvarez Núñez.

O derrubamento de 1934

Porén, a pesar de que o túnel aínda se pode ver hoxe en día, a obra non se conserva na súa plenitude. Hai constancia, alomenos, dun derrubamento en 1934, o máis grave do que se ten noticia, perdendo máis da metade dos 120 metros de lonxitude que tiña (hoxe mide algo máis de 50). Hai agora 85 anos, o 6 de novembro, o xornal El Pueblo Gallego daba conta do suceso, que xerou un importante impacto na zona, xa que a veiga do antigo leito do Sil era unha fértil terra para os labradores que viron, de súpeto, asolagados os seus campos. Os cascallos do derrubamento bloquearon o túnel ata 1941, cando se volveu abrir o furado.

Aínda hoxe, este enclave no cruzamento dos ríos Sil e Bibei segue sendo un importante nó de comunicacións, como xa o era en tempos da Via Nova e, posteriormente, na ruta xacobea de inverno, que permitía evitar os fríos e nevados cumios das serras circundantes. Desde a N-120, que une Ourense e Monforte, pode verse o lugar por onde entraban as augas do Sil no monte antes de adentrarse nun túnel case paralelo ao romano, e a poucos metros, a vía do tren tamén se mete baixo a terra para seguir á beira do Sil.

Montefurado é un máis dos atractivos xeolóxicos e paisaxísticos do territorio que engloba o xeoparque do Courel, recoñecido pola Unesco en abril de 2019. Xunto a outras explotacións mineiras, e singularidades xeolóxicas como o pregamento de Campodola-Leixazós, conforman un lugar que ben merece percorrelo con calma, e pararse a observar. No caso do túnel, pode accederse desde a estrada nacional no desvío indicado, desde un sendeiro que parte do cumio do propio monte, ou ben desde as proximidades da aldea dos Covallos.

2 COMENTÁRIOS

  1. Na segunda imaxe falta pintar un anaco máis de amarelo; o leito antigo do río facía outro meandro alén da actual vía N-120

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Como eran os campamentos romanos en Galicia? Un proxecto reconstrúeos en 3D

Un equipo de arqueólogos colabora xunto a deseñadores gráficos na elaboración dunha serie de contidos que tentan amosar a natureza dos asentamentos militares do Imperio Romano na provincia da Coruña

Quilómetros de antigas salinas na costa galega: os segredos da gran industria dos romanos

Un novo estudo revela que a maior concentración coñecida de fábricas de sal do Imperio atópanse entre o Douro e as Rías Baixas

Cangas, Muxía, Sarria... Este mapa mostra as inscricións romanas en Galicia

A cidade de Lugo, bautizada polos romanos como Lucus Augusti, é a que acumula un maior número de voces latinas, con 154 epígrafes
00:03:16

P de Portugal: algo máis que irmáns (ata o século XII)

Cando morreu o rei García en 1090, o Reino de Galicia pasa a ser divido en dous condados separados polo río Miño