As estimacións apuntan que na Gallaecia se obtiñan case 7 toneladas de ouro cada ano na época flavia.

Así obtivo o Imperio Romano 190 toneladas de ouro da Gallaecia

Centos de minas espalladas polo país falan da importancia do ouro galego que chegou a supoñer o 7 por cento das riquezas do imperio

Gallaecia foi para Roma unha sorte de El Dorado. Durante a dinastía Flavia, cos seus tres emperadores –Vespasiano, Tito e Domiciano-, entre o ano 69 e 92, estímase que o 7 por cento das riquezas de todo o Imperio chegaban dende este recuncho do noroeste ibérico. Centos de minas espalladas polo país producían unha media de 7 toneladas de ouro cada ano. E os especialistas afirman que, en total, foron extraídas da Gallaecia 190 de toneladas do prezado metal.

Para ter unha idea desta cifra, podemos comparala coa febre do ouro en Alasca, tamén coñecida como a ‘Febre do Klondike‘, desatada no río Yukón case dous mil anos máis tarde e tantas veces retratada en libros e películas. Alí foron obtidas 387 toneladas, só o dobre que na Gallaecia, malia que xa puideron usar a dinamita, inventada por Alfred Nobel en 1866.

190 toneladas de ouro, ao prezo actual, subiría dos 7.000 millóns de euros. Pouco menos dos 9.000 millóns do orzamento da Xunta de Galicia para 2019. E pouco menos das 281 toneladas que constitúen as reservas de ouro do Banco de España.

Como escribiu o historiador Ramón Villares: “A explotación dos recursos minerais foi o obxectivo esencial do interese económico dos romanos no noroeste, que vieron estas terras como unha especie de California do ouro para o goberno de Roma”.

Nos últimos anos, sucédense os estudos que detallan a magnitude da industria aurífera romana en Galicia. Algúns falan de máis de 800 minas localizadas. E o xeólogo Óscar Pazos publicou no 2018 a obra “A invención da Gallaecia e a minaría do ouro”, onde defende que a propia existencia da provincia romana está relacionada con este metal.

Os miliarios marcaban a Vía Nova de Braga a Astorga.

“Aproveitaron a produción do ouro como unha forma de integrar aos galaicos, que consideraban bárbaros, co resto da provincia e coa economía do imperio”, afirma Pazos, que salienta que o ciclo de produción “superou todas as expectativas, nunca antes no mundo se fixera algo así; Gallaecia levou moita riqueza a Roma”. Ademais, como os autóctonos tamén traballaban nas minas, remataron por obter dereitos políticos, entre eles a cidadanía.

Outro dos varios estudos foi o realizado polo Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), que no ano 2014 reconstruíu o proceso de explotación dunha das grandes minas de ouro romanas na Gallaecia, a dos Biocos, situada no municipio de San Xoán de Río, en Ourense.

O traballo tamén pon en valor a Vía Nova, calzada romana construída no século I da nosa era entre Braga (Portugal) e Astorga (León) para artellar o control do Imperio sobre o noroeste peninsular. En boa parte para manter o control das minas e o transporte do prezado metal.

Os Biocos está escavada en rocha (depósito primario), polo que é diferente doutras grandes minas de ouro da Península, como As Médulas, que explotan depósitos secundarios procedentes da erosión e nos que o ouro se encontra xa libre, entre terra e cantos rolados.

División territorial romana da península Ibérica.

“Sabemos que os traballos se levaron a cabo mediante curtas de minado, técnica mediante a cal se vai extraendo a rocha por medios mecánicos, socavándoa e abaténdoa coa axuda de mazos, cuñas e picos. Tamén é posible que empregasen de xeito alterno lume e auga para someter a rocha a cambios bruscos de temperatura e favorecer así a súa ruptura”, explicaba o investigador do Instituto de Historia do CSIC Javier Sánchez Palencia, director do equipo, no que tamén participou o galego Brais Currás.

Só dende a explotación romana dos Biocos saíron entre 774 e 1.161 quilos de ouro, segundo o traballo dos investigadores.

Os romanos foron moi bos buscando ouro. De feito, así o aseguraba Brais Currás: “Tras a conquista, Roma puxo en marcha unha prospección sistemática dos recursos de ouro a escala de todo o Noroeste. Os resultados foron tan precisos que na actualidade os mapas modernos non conteñen practicamente ningún indicio de mineralización aurífera que non fose explotado previamente polos romanos”.

Os 19 campamentos militares romanos na Gallaecia

Plinio O Vello, na súa ‘Historia Naturalis’, relata as técnicas coas que Roma obtiña o ouro galego. Podían peneirar a area dos ríos, despois de desprazar cursos fluviais como fixeron en Montefurado (Quiroga). Tamén facían excavacións a ceo aberto, como no caso do Courel. Aínda que a súa grande obra de enxeñaría foi a chamada ‘ruina montium’, que practicaron nas Médulas e tamén na serra de Teleno.

Na ‘ruina montium‘ os mineiros fan galerías das que logo se retiran os arcos que as suxeitan. E a montaña derrúbase do xeito no que o conta Plinio: “A montaña chea de buratos afunde cun estrondo que non podería concebir a humana imaxinación” e “cunha violencia incríble” observan como “a natureza esborralla” e “para lavar os cascallos, desvíanse cursos de auga dende o cume das montañas, frecuentemente dende unha distancia de cen millas”.

Daquela riqueza queda hoxe a historia e os restos dos centos de minas espallados aínda por toda Galicia. E tamén os topónimos, como Ouro, Oural ou Ourille, que nos falan da vella febre do ouro dos romanos. Que levaron da Gallaecia case duascentas toneladas do prezado metal.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.