Mapa coa distribución dos campamentos militares romanos en Galicia. Fonte: romanarmy.

Os 19 campamentos militares romanos na Gallaecia

O grupo de investigación Romanarmy, no que participan investigadores da Universidade de Santiago de Compostela, leva varios anos revolucionando a historia da conquista romana de Galicia. Empregando fotografía aérea e teledetección, combinados con traballos de campo sobre o terreo, levan dende 2015 publicando estudos sobre novos campamentos e afondando no proceso de dominación da Gallaecia, con achados tamén importantes en Asturias e León.

Nun novo artigo, publicado este mes de xaneiro en Anales de Arqueología Cordobesa, amosa un mapa dos 19 campamentos romanos localizados en Galicia. Cinco deles están na provincia da Coruña: Cidadela, Cova do Mexadoiro, O Castrillón, O Cornado e Santa Baia. Catro localizáronse en Ourense: Bande, Cabeza do Pau, O Penedo dos Lobos e Outeiro de Arnás. En Pontevedra só existe un: Campos. Mentres que en Lugo son máis numerosos, especialmente na montaña: A Cortiña dos Mouros, A Penaparda, A Recacha, Cabianca, Coto do Rañadoiro, Monte da Chá, Monte da Modorra, O Monte de Ventín e O Monte dos Trollos. Nalgúns casos os campamentos de Lugo están dacabalo coas actuais fronteiras asturiana e leonesa.

Nas investigacións do grupo Romanarmy teñen participado tamén arqueólogos do Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT) do CSIC e tamén da británica Universidade de Exeter, entre outras.+

O novo artigo é asinado por José Manuel Costa García (USC), David González Álvarez (INCIPIT), Andrés Menéndez Blanco (U. de Oviedo) e Julio Vidal Encinas, de Castilla y León.

O traballo céntrase nas escavacións realizadas no Bierzo e na montaña de Lugo. E recorda que, ata finais do século XX, se descoñecían os campamentos provisionais romanos, que foron descubertos ao longo destas últimas décadas, “subrayando a necesidade de desenvolver novas narrativas arqueolóxicas sobre os procesos de conquista e ocupación do Noroeste peninsular en tempos antigos”.

Mapa dos campamentos.

No caso do xacemento da Cortiñas dos Mouros, en Cervantes (Lugo), os investigadores atoparon portas de acceso ao campamento e diferentes fortificacións, “elementos defensivos construídos como prolongación dos parapetos en forma de cuarto de circunferencia”, que identifican como “innegablemente distintivos das fortificacións temporais romanas tardorrepublicanas e altoimperiais”.

Os investigadores atoparon construcións moi sinxelas: “Estas non presentan grande complexidade construtiva, posto que se trata únicamente de parapetos terreiros e foxos colmatados. A súa sinxela factura, unida á particular localización dos recintos –todos eles por riba dos 1000 m de altitude–, reforzan a hipótese de atoparmos ante recintos de ocupación temporal ou estacional”.

O artigo salienta que estes campamentos consolidaban o tránsito de tropas romanas entre os actuais territorios do Bierzo e de Asturias con Galicia. “A súa localización e dispersión polo territorio permíntennos ademais entender mellor a mobilidade das tropas romanas a través destes espazos”. E, sobre todo, abren unha nova perspectiva histórica, cun exército romano que non foi estático, senón que gozou de grande mobilidade sobre o territorio da Gallaecia.

Aquí podes descargar o novo artigo sobre os campamentos militares romanos en Galicia

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.