Laura González analiza na súa tese de doutoramento a influencia da variables ambientais na distribución espazo-temporal dos cetáceos. Fonte: Duvi.
Laura González analiza na súa tese de doutoramento a influencia da variables ambientais na distribución espazo-temporal dos cetáceos. Fonte: Duvi.

Unha científica galega explica a gran presenza de cetáceos nas illas Azores

Laura González investigou a influencia de variables ambientais na distribución de baleas e golfiños no arquipélago portugués

As illas Azores son un lugar privilexiado para o avistamento de cetáceos, téndose convertido esta actividade nun dos principais reclamos turísticos do arquipélago. Pero os datos que obteñen as numerosas empresas dedicadas á observación de baleas e golfiños estanse a consolidar como unha fonte moi valiosa de información para a comunidade científica que estuda os cetáceos. Este é o caso de Laura González, investigadora da Universidade de Vigo, que empregou esta información, “accesible e consistente a longo prazo”, para a súa tese de doutoramento, que realizou baixo a dirección do profesor Jesús Torres, do Grupo de Física Aplicada 2.

O obxectivo da súa investigación era estudar a distribución espacial e temporal das especies de cetáceos avistadas na illa de São Miguel (Azores), para poder determinar que especies aparecen, onde e cando. Para resolver estas preguntas, Laura González analizou sete anos de datos, entre 2008 e 2014, recollidos pola empresa de observación Futurismo Azores Adventures, “un total de 7.721 rexistros de 20 especies diferentes”.

A tese proporciona unha “descrición detallada das condicións oceanográficas de alta resolución na illa e, sobre todo, unha liña de información base sobre as especies de cetáceos avistadas nas súas augas”. Todo iso, explica, grazas a unha fonte de datos “oportunista e accesible”, como é o turismo de observación de cetáceos, “que se consolida como ferramenta eficaz e de alto valor para o estudo dos cetáceos”.

Os datos amosan que as catro especies que máis se avistaron regularmente foron o golfiño común, o cachalote e o arroaz, xunto co boto ou caldeirón gris. Outras especies, como o golfiño pintado do Atlántico, son estacionais, sendo observada tan só nos meses de verán. As grandes baleas de barbas (común, azul, boreal e xibarte) foron avistadas principalmente durante a primavera, momento no que realizan as súas grandes migracións. As restantes especies rexístranse de forma máis ocasional, como candorcas, falsas candorcas, caldeiróns, rorcual tropical e cinco especies de baleas de bico ou zifios. En total, os rexistros realizados ao longo do tempo neste arquipélago atlántico teñen recollido avistamentos de 28 especies diferentes de cetáceos.

Por que tantos cetáceos?

O estudo de Laura González explica cales son as razóns principais polas que as Azores son importantes para os cetáceos, principalmente “a súa localización estratéxica no medio do Atlántico e o gran dinamismo das súas augas”. Este último factor favorece, en gran medida, a retención e agregación de nutrientes e a presencia de alimento para as especies peláxicas. Neste sentido, na súa tese doutoramento, centrouse en analizar a influencia das variables ambientais na distribución tanto espacial como temporal dos cetáceos na costa de São Miguel.

A principal novidade que achega a investigación é que “as variables ambientais foron consideradas con distintas resolucións espaciais e temporais para obter unha visión xeral e outra máis detallada de alta resolución arredor de São Miguel, para contar con variacións máis locais ou de menor duración (afloramentos locais, efecto da batimetría, etc.), e que, por tanto, deberían influenciar a distribución de especies con gran mobilidade como baleas e golfiños”.

Confirman a ruta migratoria das baleas dos Azores a Galicia

As variables oceanográficas das Azores

Parte da investigación de Laura González consistiu en estudar as distintas variables oceanográficas procedentes, na súa maioría, de satélite. Centrouse principalmente na temperatura superficial do mar, “xa que supón un factor importante na distribución das especies”; na concentración de clorofila, “utilizada como valor representativo da produción primaria, e por tanto, base da cadea trófica dos océanos”; na altimetría da superficie oceánica, “que nos axuda a entender o dinamismo oceanográfico da zona de estudo” e, finalmente, na profundidade, “xa que as Azores son illas volcánicas rodeadas de augas moi profundas (ata 4.000 metros arredor do arquipélago) e tamén moi preto da costa (máis de 1000 metros a escasa millas de terra)”. Os datos amosan, explica a científica, que en termos xerais “o arquipélago caracterízase por unha estacionalidade moi marcada, con augas máis frías no inverno e máis quentes no verán; na primavera presenta elevados valores de clorofila, e por tanto, de produción primaria, o que se coñece como afloramento primaveral”. Ademais, engade, atópanse baixo a influencia dos eventos oceanográficos derivados da Corrente do Atlántico norte e da Corrente/Fronte das Azores, “que afecta en maior medida á nosa zona de estudo, a illa de São Miguel”.

As preferencias das baleas azul, común e boreal

A partir da información sobre as condicións oceanográficas e dos datos dos avistamentos, a investigadora centrouse no estudo dos maiores animais do mundo: a balea azul, a balea común e a balea boreal. Estas tres especies migratorias son avistadas todos anos nas Azores, fundamentalmente durante a primavera, explica González. “Con frecuencia, as tres especies encóntranse na mesma área e no mesmo período” pero na tese quixo indagar sobre as condicións que prefiren. Para iso empregou modelos estatísticos nos que incluíu as variables ambientais coas distintas resolución. “En xeral, as variables relacionadas coa alimentación teñen unha grande influencia na distribución das tres especies, sobre todo para azuis e comúns, que parecen alimentarse nas Azores antes de continuar coa migración. As boreais sen embargo, parecen priorizar a migración, deixando a alimentación nun segundo plano cando pasan nestas illas”.

Un proxecto colaborativo de avistamentos

Mentres estaba a elaborar a súa tese de doutoramento, Laura González embarcouse noutro proxecto paralelo: unha iniciativa colaborativa e cidadá para o rexistro de avistamento de cetáceos. O proxecto, chamado Sail & Whale: Sailors, Citizens & Science for Marine Conservation, naceu en 2016 porque, como explica a investigadora, estes animais non entenden de fronteiras e a súa presencia lonxe da costa continúa sendo un grande enigma na maioría das especies”.

A proposta é que a cidadanía deixe constancia na web da presenza de baleas e golfiños en calquera lugar do mundo. “Por que non aproveitar os miles de veleiros que sucan as augas de todo o mundo en calquera momento para informar sobre os seus avistamentos?”, pregúntase González. A día de hoxe, xa son máis de 600 avistamentos de 23 especies de cetáceos diferentes en todo o Atlántico, e anima a participar a calquera persoa, xa sexa dende a praia ou dende un barco e na ría de Vigo conta xa con varios colaboradores.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.