Fai 10.000 anos que os mamuts non camiñan sobre a face da Terra. Desapareceron de Europa no 12.000 a.C. Un milenio despois extinguíronse en América. Siberia foi o seu derradeiro reduto. E quedou unha penquena poboación dunha subespecie anana na illa ártica de Wrangel que chegou ata o 2.000 a.C.
Pero os cairos de mamut seguen a ser un produto comercial tantos milleiros de anos máis tarde. Rusia exportou no 2017 un total de 72 toneladas de marfil de mamut, con China como primeira compradora. E na república de Yakutia , aproveitando o desxeo da crise climática, extraen cada ano 100 toneladas de marfil destes extintos xigantes peludos.
Publicidade
Así que isto tamén tiña que chegar a Galicia, aínda que sexa ilegalmente. E a Garda Civil vén de incautar marfil de mamut nunha tenda de Vigo , onde tamén se vendían fósiles ou lanzas prehistóricas, xunto a pezas de animais en perigo de extinción.
Segundo informaron fontes do Instituto Armado, estas especies están amparadas polo Convenio sobre o Comercio Internacional de Especies Ameazadas de Fauna e Flora Silvestre (CITES ). Durante a inspección do local, realizada por efectivos de Seprona de Vigo, con colaboración do Servizo Oficial de Inspección , Vixilancia e Regulación do Comercio Exterior ( OIVRE), localizáronse, entre outros especímenes, 462 cunchas de ameixa xigante, 446 pezas de coral, 79 cunchas de cefalópodos, 21 serras de peixe e 17 pulseiras de tartaruga Carey, todo iso sen a preceptiva documentación que acreditase a súa importación legal.
Publicidade
Entre o material decomisado hai restos de animais en perigo de extinción
Algunhas destas especies están consideradas en perigo de extinción , mentres que outras non o están, pero poderían estalo se non se controla e regula o seu comercio. Ademais desas pezas, no mesmo establecemento interveuse case medio milleiro de fósiles porque non se acreditou a súa legal posesión, e por incumprir a normativa relativa a patrimonio histórico, natural e biodiversidade.
Entre os fósiles intervidos identificáronse pezas de moluscos, equinodermos, os restos de marfil de mamuts , ademais de sete valvas de bivalvo Pinna Nobilis , unha ánfora romana do Século I, unha machada e dúas puntas de lanza de pedra prehistóricas.
Así que, milleiros de anos despois da súa extinción, os mamuts seguen a ser unha codiciada peza. Y, por certo, en Galicia só se conservan os restos dun destes xigantes. Apareceu nunha canteira de Lugo e podes velo no Museo de Historia Natural da Universidade de Santiago.
Un mamut nos montes de Lugo