Xoves 25 Abril 2024

A bricolaxe duplica o risco de cancro de pulmón, di un estudo de científicos galegos

A investigación conclúe que as persoas que fixeron estas actividades durante 10 ou máis anos sofren máis a doenza, sexan ou non fumadores

Un equipo de investigadores médicos de universidades e hospitais de Galicia, España,  Portugal e Estados Unidos acaban de publicar un estudo no que constatan que as persoas que realizan actividades domésticas como a bricolaxe, a pintura, o modelismo ou a restauración de mobles no seu tempo libre posúen un maior risco de desenvolver cancro de pulmón. Na investigación participaron catorce centros portugueses e españois, aínda que a meirande parte dos participantes foron galegos. De entre os integrantes do estudo, 1.528 persoas foron diagnosticadas de cancro de pulmón, e tomáronse outros 1.457 como casos de control

Os resultados da investigación indican que as persoas que fixeron este tipo de actividades durante dez ou máis anos teñen o dobre de risco de padecer cancro de pulmón comparados coas persoas que non as fixeron. O risco aumenta entre as persoas que dedicaron máis tempo a facelas, así a partir de sete horas semanais, o risco de padecer cancro de pulmón é catro veces mais alto. “O risco de cancro pulmonar tamén é elevado e estatisticamente significativo nos nunca fumadores, tendo estes últimos tres veces maior risco de cancro pulmonar se fan estas actividades dez anos ou máis en comparación cos que non realizan ditas actividades”, afirman os autores do estudo. Todos os resultados tiveron en conta o sexo, a idade dos participantes, o nivel de estudos, o consumo de tabaco e a exposición a radon residencial.

Publicidade

O risco aumenta entre as persoas que dedicaron máis tempo a facelas, así a partir de sete horas semanais

Este estudo é o mais grande, en termos de participantes, dos realizados ata o de agora en relación coa influencia deste tipo de actividades de tempo libre como é a bricolaxe e o desenvolvemento de cancro de pulmón. Os autores deste traballo xa publicaran indicios desta asociación, se ben os resultados obtidos neste estudo confirman os achados previos. Moitas das sustancias empregadas nestas actividades son análogas a outras empregadas en ocupacións con maior risco de cancro de pulmón, tales como carpinteiros, ebanistas, industria da goma ou do calzado, e implican a exposición a disolventes orgánicos, colas, pegamentos, vernices ou po de madeira.

Os autores destacan que a mellor maneira de evitar o cancro de pulmón é non fumar e no caso dos nunca fumadores, saber se teñen niveis elevados de radon no seu domicilio, se realizan actividades de bricolaxe, pintura, modelismo ou restauración de mobles ou mesmo outras nas que as exposicións sexan similares e facelas en lugares con boa ventilación empregando medidas de protección.

Este traballo, financiado por varios proxectos de investigación competitivos, forma parte da tese de doutoramento de María Lorenzo González, do programa de doutoramento de Epidemioloxía e Saúde Pública da USC. O investigador principal do mesmo é o profesor Alberto Ruano Raviña, coordinador do Grupo de Referencia Competitiva da Xunta de Galicia en Epidemioloxía e Saúde Pública. Tamén asinan a investigación outros médicos e investigadores de Galicia como María Torres, Alberto Fernández e Virginia Leiro (Hospital de Vigo), José Abal e Isaura Parentes (Hospital de Ourense), Iria Vidal e Carmen Montero (Hospital da Coruña), Olalla Castro (Hospital de Lugo), e Mónica Pérez e Juan Miguel Barros (departamento de Epidemioloxía e Saúde Pública da USC).


Referencia: Lung cancer risk and do-it-yourself activities. A neglected risk factor for lung cancer (Publicado en Environmental Research).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Os casos de cancro de próstata duplicaranse en 2040

Un informe publicado na revista 'The Lancet' estima que en menos de dúas décadas haberá 2,9 millóns de pacientes con este tumor

“Con suficiente investigación, a maioría dos cancros poderanse tratar na década de 2040”

Jesús Sánchez, responsable de proxectos na Fundación CRIS, asegura que as terapias CAR-T foron unha revolución no tratamento dos tumores do sangue

O disruptores endócrinos poden aumentar o risco de cancro de endometrio

Observada unha asociación entre as mesturas de contaminantes ambientais e a maior probabilidade de desenvolver este tumor

Galicia rexistra 16.000 novos casos de cancro e 8.000 mortes cada ano

A Fundación CRIS reúnese con Sanidade para solicitar unha maior cobertura aos pacientes oncolóxicos que requiren de medicamentos CAR-T