É complicado albiscar a magnitude do que significan 500 millóns de anos. Tamén é difícil concibir que enormes montañas de rocha poidan ser deformadas pola forza das placas tectónicas como se fosen pasta de modelar. Por tanto, ás veces tamén custa comprender a importancia que o dobramento xeolóxico de Campodola-Leixazós, no concello lugués de Quiroga, ten para a xeoloxía. O 7 de maio cumpríronse 5 anos da declaración desta paisaxe como Monumento Natural por parte da Xunta de Galicia.
As rochas que se poden ver neste enclave da serra do Courel xa existían na época do supercontinente Panxea, cando o territorio que hoxe é Galicia estaba practicamente pegado a América e África, preto do Ecuador. O singular de Campodola-Leixazós é que se pode observar a simple vista, ao contrario que na grande maioría dos casos, cando esas rochas antiquísimas están no interior da Terra, ocultas para o ser humano.
Para comprender como se forma un pregamento abonda con coller un mantel enriba dunha mesa e empurralo coas mans desde cada un dos bordos. Fórmanse ondulacións, as mesmas que acaban conformando as engurras da superficie terrestre. Non en tanto, dependendo da dirección e intensidade das forzas tectónicas e a composición e disposición das rochas, pódense producir diferentes tipos de pregamentos.
Así, o dobramento que se ve en Quiroga é do tipo deitado, no que un dos estratos se sitúa por riba do outro e o eixe onde se produce a ondulación acaba sendo case horizontal. Neste caso, a erosión xa desgastou a parte superior da crista, polo que só quedan á vista parte dos estratos. Con todo, a súa importancia segue sendo enorme.
O río Ferreiriño, que flúe encaixado entre estas montañas, case en paralelo á estrada que une Quiroga e Folgoso do Courel, é responsable, en gran medida, de que hoxe poidamos gozar do pregamento. Durante milleiros de anos, este curso fluvial foi sucando a rocha ata conseguir facer un corte vertical no monte e deixar ao descuberto esta xoia da xeoloxía. Así como a acción da auga, o vento e o xeo nos impide ver a parte superior da crista, a erosión tamén nos agasalla con esta vista que, sen a forza da auga, seguiría oculta baixo a superficie.
A riqueza xeolóxica do Courel está ameazada pola minería de lousa
Nesas paredes poden distinguirse bandas rochosas de cuarcita, de cor claro, pertencentes ao período Arenixiano (entre 478 e 488 millóns de anos) e outras franxas máis escuras, cubertas de vexetación, que son de lousa. É, por tanto, un lugar “case único” en Europa, só comparable con outros enclaves dos Pireneos e os Alpes, tal e como subliñaron en varios artigos o xeólogo Juan Ramón Vidal Romaní ou o xeógrafo Augusto Pérez Alberti.
A zona, incluída en 2019 no primeiro Xeoparque mundial da UNESCO en Galicia, está protexida como Monumento Natural, tamén situada dentro da Zona Especial de Conservación dos Ancares-Courel, e incluída na lista Global Geosites,abrangue unhas 90 hectáreas. Nela quedan prohibidas, segundo o decreto que a regula, a construción, os desmontes e terrapléns, as queimas ou os aproveitamentos mineiros. Non en tanto, xusto ao borde desta área, a apenas un par de quilómetros, sitúase a mina de lousa de Pacios da Serra. No 2015, xa co dobramento de Campodola-Leixazós catalogado como Monumento Natural, o Concello de Quiroga e a Consellería de Economía e Industria deron luz verde a un novo proxecto de explotación desta mina, que pechara debido á crise da construción. Os mesmos expertos que subliñan o valor deste pregamento, como Vidal Romaní, alertan de que a minaría da lousa, amais dos incendios forestais, son o maior problema ao que se enfronta esta xoia paisaxística galega.
Lo conozco un poco la zona y merece verla.
Yo estoy deseando volver hacer una ruta.
No albergue municipal de Quiroga organizan excursións para escolares, moi interesantes, nas que inclúen este imponente plegamento. As microreservas florísticas coas orquídeas endémicas e os museos etnográfico e o xeolóxico merecen a pena. Recomendables.
Conozco muy bien esta zona, la patee muchas veces, tanto la zona de Campodola y leixazos, como al otro lado del plegamiento, campos de Vila o Oteiro, etc. Tengo aun en mi memoria las caras de muchos de sus trabajadores y sacrificados habitantes, he ido muchas veces de noche y cargado por el sendero que pasa por debajo debajo y dirección a la veiguiña, alguna vez me encontré a principios de los años 70 a algunos americanos estudiando y analizando las rocas, con los que me entendía por señas, otras veces espantado jabalíes, bueno no me quiero enrollar mucho, saludos a tod@s desde el Levante español
Coñezo o pregamento. Visiteino en varias ocasións, ademáis de ter participado en xornadas adicadas a explicalo por parte dos excelentes especialistas que se citan aquí: D. Augusto Pérez Alberti e D. Juan Ramón Vidal Romaní, ambas celebradas en Quiroga.
A súa relevancia xeolóxica, a súa especificidade … merecen un trato escrupulosamente respectuoso por parte de todos, un trato acorde as normas de protección, un trato libre das paradóxicas contradiccións que neste país se repiten de cotío…
Moi interesante. Gracias