Venres 29 Marzo 2024

Reducen un 76% a concentración de gas radon cun experimento da UDC

Científicos da Universidade da Coruña publican na revista Sensors os resultados dun experimento realizado nos últimos 8 anos para reducir as concentracións de gas radon en lugares pechados. Por medio de ventiladores, os investigadores do Grupo de Radiactividade Ambiental conseguiron mitigar nun 76 por cento a presenza deste gas relacionado co 25 por cento dos casos de cancro de pulmón en Galicia.

O método máis empregado para reducir o risco de radon son as arquetas de succión. Neste caso, os investigadores coruñeses empregaron sistemas de ventilación. Nunha sala de 20×60 metros, onde se detectaran previamente altos niveis deste gas, probaron diversos sistemas de aire acondicionado e de ‘ventilación positiva‘, de xeito que o radon puidese saír expulsado polas ventás.

Publicidade

Os resultados publicados por Sensors o pasado 11 de maio revelan a eficacia deste sistema, aínda que os expertos recomendan nas vivendas as arquetas de succión.

Gráfico do estudo na revista Sensors.
Gráfico do estudo na revista Sensors.

Segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística, no ano 2014 morreron en Galicia 1.690 persoas debido a tumores malignos de esófago, traquea, bronquios ou pulmón. Estímase que unha cuarta parte destas mortes estiveron relacionados coa excesiva exposición ao gas radon, un composto radioactivo que se filtra desde o subsolo ás vivendas . En 2001 calculábase que morreran arredor de 330 persoaspor causas relacionadas coa exposición ao radón. O contacto con este elemento, incoloro, inodoro e insípido, é a segunda causa de morte por cancro de pulmón tras o tabaco, e a primeira entre os non fumadores. Ademais, algúns estudos sosteñen que  o risco de desenvolver un tumor maligno no pulmón é 40 veces maior cando interaccionan o tabaquismo e unha alta exposición ao radon.

Galicia, polo seu chan en gran parte granítico, é unha das zonas da península Ibérica con índices máis altos de presenza deste gas. Desde o Laboratorio de Radon de Galicia da USC, que dirixe Juan Miguel Barros Dios, levan máis de 25 anos traballando porque as Administracións afronten dunha vez, de xeito decidido, o que é un serio problema de saúde pública para o país.

“Máis da metade da poboación de Galicia está en zonas de alto risco”, advirte o profesor Barros. No mes de novembro, presentou xunto ao seu colega Alberto Ruano o Mapa de Radon de Galicia, unha laboriosa radiografía elaborada durante anos de traballo de campo e investigación, con máis de 3.500 medicións por todo o país. E o debuxo é preocupante. 30 das 53 comarcas galegas (126 municipios de 313) presentan unha concentración superior aos 300 becquerelios por metro cúbico (Bq/m3), o límite que establece a nova directiva europea que entrará en vigor o vindeiro ano. Non en tanto, Barros subliña que este límite é excesivamente laxo. En 2009, a OMS reduciu o límite recomendable ata os 100 Bq/m3 nun informe no que participaron Barros e Ruano. O director do Laboratorio de Radon subliña que esa é unha cifra máis cauta xa que, según lembra, ten atopado casos de cancro causados polo radon en persoas expostas a niveis de non máis de 150 Bq/m3.

Deste xeito, se o límite recomendable se baixase aos 200 Bq/m3, serían 42 as comarcas afectadas, que inclúen a 188 concellos.

Aquí podes ler completo
o artigo da UDC na revista Sensors

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O 23% da poboación galega non sabe que o radon é canceríxeno

Un estudo da USC analiza a percepción social deste gas, que é a primeira causa de cancro de pulmón entre non fumadores

A toxoplasmose é un factor de risco para o envellecemento inflamatorio nos maiores

Un estudo da UDC demostra que as persoas cunha resposta de anticorpos máis forte á infección tiñan máis probabilidades de ser fráxiles

Hai relación entre o radon e os tumores cerebrais? Así o estuda un equipo galego

O investigador da USC Alberto Ruano lidera o proxecto Radonbrain para afondar nunha patoloxía "de causas fundamentalmente descoñecidas"

Os galegos, os máis expostos ao radon nos seus postos de traballo

Un equipo da USC estudou a presenza deste gas en 3.100 centros laborais en España. O 89% están radicados en Galicia