Venres 19 Abril 2024

Cinco recunchos para descubrir este verán na provincia da Coruña

Monte Branco, o cumio da provincia, xeoloxía ao aire libre en Ortegal , ou a arte rupestre e megalítica en Compostela e Costa da Morte

A inminente tempada estival, co descenso na transmisión do coronavirus e o avance da vacinación, podería achegarse un pouco máis á normalidade anterior a marzo de 2020. Moita xente fai plans pospostos por mor da pandemia. E hai quen decide, a pesar do progresivo levantamento das restricións, desfrutar de lugares afastados de aglomeracións, ao aire libre e e non tan coñecidos. Na provincia da Coruña, alén dos moitos espazos xa coñecidos e visitados nas épocas de máis turismo, existen varios destinos vinculados á ciencia, á historia e á cultura aos que te podes achegar. Estes son cinco deles:

Un espectáculo da xeoloxía en Ortegal

No norte da provincia da Coruña, no territorio que abrangue os concellos de Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño, esténdese unha pegada xeolóxica que ten a súa orixe hai centos de millóns de anos e hoxe pode observarse a simple vista.

Publicidade

En toda a zona agroman rochas que, normalmente, sitúanse a decenas de quilómetros de profundidade baixo os nosos pés. É un laboratorio de investigación da historia xeolóxica da terra ao aire libre, e deixa tamén formas, texturas, cores e paisaxes que cativan a calquera visitante. Moi preto de espazos con moita maior afluencia, como os cantís de Loiba ou de Vixía Herbeira, existen outras xoias ao alcance da man, como os maiores afloramentos mundiais de ecloxitas, praias de area negra non volcánica, únicas no mundo, como a de Teixidelo, formadas por olivina.

Entre fallas, aguillóns, afloramentos fascinantes, vestixios de explotacións que intentaron aproveitar minerais moi raros nesta parte do planeta e espectaculares miradores á beira do mar, Ortegal aúna moitos elementos para gozar dunha viaxe inesquecible. De feito, está en marcha un proxecto para converter a zona en xeoparque da UNESCO. 

O punto máis alto da provincia

Non é un espazo moi coñecido, pero si hai unha certeza se chegas a el. En ningún lugar da provincia da Coruña estarás a maior altitude. É o Coto do Pilar, a 803 metros de altitude, no concello de Melide. Está ao norte desta localidade e forma parte dos montes do Bocelo, que van confluír na serra do Careón. Nesta zona xorden, ao norte e ao sur, dous dos ríos que alimentan as rías galegas: ao norte o Tambre, que desemboca no esteiro de Muros e Noia, e ao sur o Ulla, que acaba na ría de Arousa.

Vista de Melide desde o Coto do Pilar. Fonte; mendikat.net.
Vista de Melide desde o Coto do Pilar. Fonte; mendikat.net.

O acceso ao Coto do Pilar é sinxelo, cunha camiñada desde algunha das aldeas próximas, como A Andoriña, ou desde a estrada que une Melide e Sobrado. O pico está indicado por un vértice xeodésico, a carón dunha caseta de vixilancia forestal. A panorámica ben merece a viaxe, alén da paisaxe máis próxima dominada polos muíños eólicos e as plantacións forestais.

Arte rupestre na comarca de Compostela

Sartego da Pedra do Home, no Val do Dubra. Fonte: Compostela Rupestre.
Sartego da Pedra do Home, no Val do Dubra. Fonte: Compostela Rupestre.

Desde hai anos, novos achados están a converter áreas dos concellos de Ames, Santiago, Brión, Val do Dubra e Teo nunha das zonas de maior presenza de arte rupestre en Galicia. Os descubrimentos realizados por colectivos como A Rula fixeron agromar, arredor de 150 lugares.

Estes labores foron impulsados despois dun incendio no Monte de San Miguel, en 2016, que fixo agromar petróglifos cubertos pola vexetación. Naceu así un convenio de cooperación intermunicipal que impulsa a xestión, investigación, conservación e divulgación neste espazo. Toda a información pode atoparse na súa páxina web.

Monte Branco, por duplicado, as dunas inmensas

Monte Branco de Camariñas. Foto: turismocamarinas.net.
Monte Branco de Camariñas. Foto: turismocamarinas.net.

Teñen o mesmo nome. As dúas son dunas rampantes, e contan con moitas decenas de metros de altura. E están en Ponteceso e Camariñas, nunha contorna maxestosa. Durante milenios, sen descanso, empurrada polos ventos case eternos nesta zona, a area trepou polos montes e cubriu a súa superficie, dando pé a uns ecosistemas ben particulares.

Mirador de Monte Branco en Ponteceso. Fonte: Concello de Ponteceso.
Mirador de Monte Branco en Ponteceso. Fonte: Concello de Ponteceso.

E por iso, de visitalos, cómpre ter un especial coidado. Os dous son espazos protexidos, de grande interese biolóxica. Por tanto, mellor contemplalas desde a distancia e evitar introducirse nelas, para evitar a súa degradación. Na zona do Monte Branco de Ponteceso, no esteiro do Anllóns, miles de aves cumpren o seu ciclo vital no fráxil equilibrio deste ecosistema. No caso de Camariñas, moi preto de aquí medra a pranta, a caramiña (Corema album) que dá nome ao municipio e que ten aquí a súa maior presenza en Galicia.

O megalitismo na Costa da Morte

Dolmen de Dombate. Foto: Deputación da Coruña.
Dolmen de Dombate. Foto: Deputación da Coruña.

No noroeste da provincia acumúlase un enorme patrimonio megalítico, con máis de 300 mámoas, dolmens e outros tipos de construcións funerarias que representan algunhas das mellores e máis representativas mostras desta época do Neolítico en Galicia. A posición da Lúa, o Sol e outras estrelas, así como a localización xeográfica da Costa da Morte, determinou a construción destes monumentos sen seguir un patrón común na súa orientación. Uns están cara á saída do Sol no solsticio de inverno, outros cara á parada menor sur da Lúa, e algún mesmo mira a determinadas estrelas.

Entre elas destacan o dolmen de Pedra Moura (Carballo), Pedra Cuberta, Casota de Freáns ou Arca da Piosa (Vimianzo), Pedra da Arca (Dumbría/Vimianzo), Arca da Piosa (Zas/Vimianzo), Fornela dos Mouros (Laxe), ou a coñecida como “catedral do megalitismo”, o Dolmen de Dombate, en Cabana de Bergantiños.

Para conservar e divulgar este patrimonio está en marcha o proxecto do Parque Arqueolóxico do Megalitismo na Costa da Morte, que conta co apoio da Deputación da Coruña e reúne enclaves nos concellos da Laracha, Cabana de Bergantiños, Carballo, Dumbría, Laxe, Malpica de Bergantiños, Mazaricos, Ponteceso, Vimianzo e Zas.

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Como de accesible é a rúa na que vives? Compróbao neste mapa

A aplicación 'City Access Map' permite comprobar que servizos están a menos de 15 minutos camiñando nas cidades e areas metropolitanas de Vigo e A Coruña

A historia da primeira industria galega que empregou a máquina de vapor

Un estudo da USC analiza ‘La Victoria’, a descoñecida fábrica de fundición e louza da Coruña creada en 1844

Non son medusas: estes son os animais que apareceron nas praias da Costa da Morte e do Morrazo

A principal hipótese atribúe o varamento masivo de veleiriños ás correntes e fortes ventos provocados pola borrasca Nelson

Un traballo da UDC sobre investigación básica en epilepsia gaña o Epiforward 2024

O equipo conseguiu reducir a actividade cerebral grazas á aplicación de campos magnéticos en áreas concretas do cerebro