Domingo 6 Outubro 2024

Compostela, terra de petróglifos

Novos descubrimentos de petróglifos consolidan á comarca de Compostela como un dos enclaves máis importantes da arte rupestre en Galicia

Unha extensa área que abarca territorio dos concellos de Ames, Santiago e Teo está a emerxer como unha das zonas con maior presenza de arte rupestre de toda Galicia. Nas últimas semanas o colectivo A Rula, que traballa na identificación e preservación destes tipo de xacementos prehistóricos, anunciou o descubrimento de un total de trece novos petróglifos no concello de Ames.

Deste xeito a comarca conta xa con preto de 140 lugares identificados con restos de arte rupestre. Sen dúbida, é unha boa nova pero a parte negativa é que moitos destes petróglifos están en perigo de desaparición ao atoparse nas proximidades de zonas con construcións ou infraestruturas que non respectan o entorno nos que aparecen estes vestixios do pasado.

Publicidade

Coviñas en Capeáns (Ames)

Os pasos que se están a dar para a súa catalogación, protección e utilización como recurso turístico son fundamentais para a súa preservación. O colectivo a Rula, nacido hai uns anos para traballar nestes obxectivos, está a ter un papel fundamental nesta tarefa.

Luis Leclere, presidente do colectivo A Rula, explica que decidiron dar a coñecer estes novos petroglifos na comarca como unha forma de protexelos para que poidan ser catalogados e que non ocorra o que pasou hai tres anos cando un incendio forestal na zona de Villestro (parroquia de Santiago próxima a Ames) foi o que obrigou a que se catalogaran  uns 60 petróglifos da zona que se atopaban sen rexistrar.

Publicidade

Precisamente a zona de Villestro é a que conta cunha maior riqueza de estes restos da comarca. Os petróglifos da Portela de Villestro, da Devesa da Rula e do Monte Castelo son quizais as principais mostras de arte rupestre da zona. O conxunto da Devesa da Rula, por exemplo, conta con laxes con motivos naturalistas, outras con motivos xeométricos complexos e outras que só teñen coviñas. A sensación é a de estar diante dunha especie de “santuario rupestre” no que as distintas laxes teñen significados diversos pero complementarios ao mesmo tempo.

A Deputación da Coruña, xunto aos concellos de Santiago, Teo e Ames, desenvolve un plan para impulsar o chamado Parque Rupestre de Compostela que inclúe a recuperación dun antigo Centro de Interpretación, situado en Villestro, que se convertería nun recurso primordial para a difusión dos contidos do parque.

Os petróglifos que agora saíron á luz en Ames son coviñas; é dicir, consisten en buratos feitos na pedra aínda que nalgún caso, como no atopado no lugar de Ventín, poden contar con algún outro elemento a maiores. Este petróglifo atópase xusto ao carón do colexio público do mesmo nome e podería converterse nun recurso interesante para que os nenos da localidade se acheguen á arte rupestre.

Leclere apunta que as coviñas son un tipo de petroglifo que en ocasións é un tanto esquecido polos investigadores que prefiren centrarse na catalogación doutros máis complexos. “A verdade é que resulta difícil realizar unha análise estilística deste tipo de inscricións, aínda que nalgúns deles é posible intuír mesmo a estrutura dun mapa de estrelas pero é moi complicado aseguralo”, indica Leclere.

A catalogación dos petróglifos é a mellor forma de protexelos fronte aos incendios e outros perigos que os ameazan

De todos os xeitos, é moi importante realizar a catalogación destes petróglifos porque é a mellor forma de preservalos. Leclere lembra que practicamente a totalidade da arte rupestre galega corre risco de desaparición senón se fai unha labor de protección. Entre os que se descubriron agora hai algún (o de Balindo na parroquia de Piñeiro) que mesmo se atopa ao lado dun poste de alta tensión.

Dos trece petróglifos que apareceron agora en Ames catro pertencen a parroquia de Ortoño (Agro da Chan, Monte Grande, Porto e Cruz do Monte da Costa), dous á de Piñeiro (Balindo e Casa do Pereiro), outros catro en Agrón (Rego das Pías 1,2, 3 e 4) e os demais en Covas (Capeáns), Biduido (Ventín) e Bugallido (Fonte das Buceleiras).

Estes vestixios incorpóranse agora aos xa identificados dende hai tempo en Ames entre os que se poden citar A Pena da Mira, Os Batáns, A Nave, Oca, Peneda Negra ou Pedra Estivada, entre outros. Sen dúbida que a riqueza da arte rupestre que se atopa na comarca de Compostela é un tesouro a protexer e, ao mesmo tempo, difundir nos próximos anos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Descuberto un novo petróglifo no municipio coruñés de Aranga

Foi achado por casualidade no mes de febreiro e dende Colectivo A Rula explican que é un xacemento con "motivos propios da nosa arte atlántica"

Compostela rupestre, un vídeo para defender un tesouro

A Deputación da Coruña presenta un audiovisual para promocionar o patrimonio arqueolóxico de Ames, Santiago de Compostela, Brión, Teo e Val do Dubra

Central do Tambre, a catedral da electricidade

O espectacular edificio deseñado nos anos 20 do século XX polo arquitecto Antonio Palacios está situado nun enclave cunha abraiante paisaxe

Torres de Altamira, a fortaleza e señorío dos Moscoso

As ruínas están declaradas Ben de Interese Cultural, domiñan o val da Mahía, en Brion, e convidan coñecer o rico patrimonio deste concello