O concello de Aranga, na Coruña, suma un novo petróglifo. Este xacemento de arte rupestre prehistórica foi descuberto a finais de febreiro e, segundo explican dende o Colectivo A Rula, ten “motivos propios da nosa arte atlántica”. Denomínase ‘Regalados‘ e localízase nun monte queimado de superficies chans situado no extremo oeste da parroquia de San Pedro de Feás, a menos de 350 metros ao leste da parroquia de Santa María de Ois, no concello veciño de Coirós. O seu descubridor traballaba na brigada forestal cando por casualidade algo espertou a súa curiosidade e “puxo atención nunha pequena laxe”.
O petróglifo de Regalados é unha laxe de granito de gran fino, de forma alongada, a uns 35 centímetros na parte máis alta cunha superficie irregular, aparentemente pouco axeitada para acoller gravados. A superficie, debido aos lumes forestais, está afectada pola meteorización que produciu múltiples desprendementos de minerais da rocha que alteraron os gravados. Colectivo A Rula identificou oito combinacións circulares, con “sucos moi esvaídos”.
Nun principio semellaba un panel con só dous motivos conservados pero, grazas a unha análise en detalle e ao emprego da fotogrametría, Colectivo A Rula conseguiu identificar un complexo panel con motivos que ocupan boa parte da súa superficie. Posteriormente, comunicaron e solicitaron á Dirección Xeral de Patrimonio a súa valoración e inclusión no Catálogo de Patrimonio Cultural como paso necesario para garantir a súa conservación.

Os xacementos arqueolóxicos máis próximos están a pouco máis dun quilómetro en dirección suroeste. Atópase, por exemplo, a grande necrópole megalítica do Monte da Retorta no concello de Coirós, con 14 mámoas catalogadas, ou 15 se contamos a próxima mámoa da Costa do Sal. A un quilómetro e medio en dirección norte están os petróglifos de Cruz de Curra e de Rivadevila. En dirección surleste, a 2,5 quilómetros, localízase a mámoa da Carpaceira e ao seu carón a mámoa da Pedra Chantada. E, na mesma dirección máis ao sur, a mámoa das Trapelas.














