As taxas de suicidio en Galicia son preocupantes, por riba da media española.

O suicidio: unha realidade descoñecida

No mundo prodúcese un suicidio cada 40 segundos, e anualmente falecen así máis de 800.000 persoas


*Artigo publicado en

No mundo prodúcese un suicidio cada 40 segundos. Anualmente falecen así máis de 800.000 persoas; máis que por guerras e homicidios de forma conxunta. Tres de cada catro suicidios son de homes. Por cada morte estímase que hai 20 intentos. Estas son as cifras que a Organización Mundial da Saúde (OMS) presentou no seu informe de 2014, Prevención do suicidio. Un imperativo global (Ver PDF).

Datos e cifras sobre o suicidio. Fonte: OMS.
Datos e cifras sobre o suicidio. Fonte: OMS.

A pesar do impoñente destas cifras, pode que aínda nos resulte un problema afastado. Pero a realidade do suicidio está moito máis preto do que pensamos.

O suicidio en España

Segundo o Instituto Nacional de Estatística (INE), en España producíronse 3.679 mortes por suicidio en 2017, o último ano con información dispoñible; 2.718 homes e 961 mulleres. Entre eles, 286 mozos menores de 30 anos, dos cales 13 tiñan menos de 15 anos: 7 mozas e 6 mozos.

A taxa de suicidios en España é de 7,91 persoas por 100.000 habitantes, aínda que esta cifra varía moito por idades, podendo chegar ata case 20 por cada 100.000 naqueles de máis de 80 anos. A media non chega á da OCDE, que se situaba en 12 por cada 100.000 habitantes en 2015. Aínda así, en España esta é a principal causa de morte por factores externos (gráfico 1), moi por riba de calquera outra, incluídos os accidentes de tráfico, aos que case duplica. Ademais, é desacougante que se produzan tantos accidentes non xerados polo tráfico, como caídas e afogamentos, con resultado de morte.

O número oficial de suicidios é de 10 persoas ao día por termo medio. A cifra é atafegante por si mesma. Mais se temos en conta que para que unha morte violenta sexa rexistrada como suicidio é necesaria unha evidencia clara na vontade de realizala, e se engadimos que este é un asunto tabú que en moitas ocasións se prefire agochar, entenderemos que, case con total seguridade, hai moitos máis que os rexistrados de forma oficial. Estes datos son descoñecidos pola gran maioría da poboación. De feito, o suicidio é un tema do que non se fala; é coma se non existira.

 Grafico 1. Número de mortes producidas por causas externas en España. 2017. Fonte: Elaboración propia da autora a partir do INE, Estadística de defuncións segundo causa de morte.
Grafico 1. Número de mortes producidas por causas externas en España. 2017. Fonte: Elaboración propia da autora a partir do INE, Estadística de defuncións segundo causa de morte.

O estigma e tabú do suicidio

O suicidio é unha morte silenciada, oculta; as persoas afectadas están estigmatizadas; non é materia de atención, coidado ou aprendizaxe. Menos aínda cando a morte a produce alguén de forma “voluntaria”, atentando de forma incomprensible contra os principios máis básicos da vida e os máis sacros das crenzas relixiosas que aínda forman parte do noso subconsciente. Este suposto atentado converte o suicidio nun feito incomprensible e indesexable. Agochamos esa morte, silenciámola, pechámola no eido do privado; no fin de contas “eles decidírono”. Nin sabemos, nin queremos saber. Pero isto non se debe a factores naturais; é, máis ben, unha interpretación sociocultural.

O suicidio foi interpretado de formas moi diversas ao longo da historia. Considerouse un acto honorable (na antiga Grecia ou no Xapón dos samuráis) ou o sacrilexio máis atroz (no mundo cristián a partir do século IV coas ideas de Santo Agostiño), pasando por considerarse un acto romántico (a Europa do  XVIII) ou de patriotismo ou heroicidade (como no caso dos kamikazes ou, actualmente, o dos terroristas suicidas). É, en realidade, un acto individual con sentido social.

Na actualidade, o suicidio está  desprovisto de significación heroica ou cívica, pero o medo á morte mestúrase cun pouso relixioso que impide afrontalo con normalidade.

É unha morte voluntaria? Pode evitarse?

O suicidio non é voluntario en todos os casos. Si o é formalmente, debido a que se trata de darse morte a un mesmo. Pero require de catro elementos ou fases: un obxectivo ou fin, un proceso de deliberación que analice as razóns en favor e en contra, unha decisión e a execución do acto.

En moitos casos o obxectivo non é morrer, senón deixar de sufrir. Os traballos de moitos terapeutas e investigadores experimentados así o confirman, como o caso do pai da  suicidoloxía Edwin Shneidman, ou o da logoterapia, o psiquiatra austriaco  Viktor Frankl. Apúntase, pois, á posibilidade de actuar sobre ese sufrimento e diminuílo, evitando o suicidio e posibilitando unha vida mellor.

Doutra banda, é fundamental considerar a causa do sufrimento que fai insoportable a idea de vivir. En ocasións é unha situación que non vai desaparecer, xerando unha desesperanza inamovible: enfermidades terminais, graves dores físicas, anos sen mobilidade, etc.

Noutras ocasións é transitoria, algo que pode cambiar co tempo ou co manexo das emocións (acoso escolar, ruína económica, etc.). Así, o dereito á eutanasia ou ao suicidio asistido non debe ser confundido nin confrontado coa necesidade de previr o suicidio en ocasións de desesperanza transitoria.

Tamén hai que ter en conta como cada quen leva a cabo a decisión. É posible que unha persoa medite profunda e libremente, chegando á conclusión de que a vida non merece a pena ser vivida. Neste caso estariamos ante un suicidio filosófico ou existencial. Pero non todos os suicidios acontecen baixo esta circunstancia. De feito, na maioría dos casos tómase unha decisión tan radical e irreversible coas capacidades intelectuais e/ou emocionais seriamente danadas e/ou minguadas, ou de forma impulsiva nun momento de crise.

Por tanto, hai un amplo abanico de casos nos que se pode e débese actuar. O suicidio non se pode evitar sempre, pero si se pode previr (tomar medidas por adiantado para evitar dano, risco ou perigo).

Prevención en España

O suicidio é un problema de saúde pública de enorme magnitude que aínda non foi abordado como se merece por parte das autoridades sanitarias, facendo oídos xordos ás recomendacións que a OMS realiza desde hai décadas. Xa en 1969 redactouse un informe, Prevención do suicidio, no que se indicaba que se podía previr e instaba os gobernos a que desenvolveran medidas activas para iso. En 2014 considerábase un “imperativo global”, instando as autoridades a reducir a taxa de suicidios dos seus países nun 10% para o ano 2020.

Con todo, en España, en 2019, aínda non existe un plan nacional para a prevención do suicidio. Si existen iniciativas autonómicas (Comunidad Valenciana, Galicia , La Rioja, Navarra, no País Vasco está en proceso) ou de carácter local ou sectorial (en Cataluña, Madrid, Asturias, País Vasco, entre outros…). En xeral atopamos un conxunto fragmentado e  descoordinado de accións públicas con escaso desenvolvemento real.

Con todo, nos últimos anos a sociedade civil está a liderar iniciativas interesantes, especialmente por parte das persoas que sufriron a morte dun ser querido desa forma e que, en suicidoloxía, son denominadas “sobreviventes”.

En 2012 naceu en Barcelona a primeira asociación de sobreviventes, Despois do Suicidio, Asociación de Sobreviventes (DSAS). O seu obxectivo principal era “xerar un espazo para o acompañamento e o soporte no duelo dos sobreviventes da morte por suicidio”, pero tamén pretendía facer visible o problema, contribuír ao seu coñecemento e traballar en favor da súa prevención.

Nestes anos xa son moitas as asociacións nadas con estas mesmas finalidades: FAeDS en Madrid,  Besarkada Abrazo en Navarra, Biziraun no País Vasco, APSAS en Xirona ou  A tu lado en Huelva, entre outras. Todas elas parten das propias familias, sen apenas recursos pero coa convicción de que os sobreviventes necesitan un espazo emocionalmente seguro no que poder falar do innominable.

O Teléfono da Esperanza tamén deu un paso cara á atención especializada, creando en 2017 o Teléfono contra o Suicidio. Nesta liña, a asociación La Barandilla puxo en marcha o seu propio Teléfono contra o Suicidio a principios de 2018.

Noutra orde de cousas, están a crearse organizacións orientadas á agrupación de profesionais e ao coñecemento e difusión do problema do suicidio; así xurdiu AIPIS, (Asociación para a Investigación, prevención e intervención en suicidio), a Fundación Saúde Mental España, a Sociedade Española de  Suicidoloxía, ou Aidatu (Asociación Vasca de Suicidoloxía), entre outras.

Todo isto está a configurar un importante tecido social en torno ao suicidio con diferentes ramificacións, obxectivos e actividades. Formado polo voluntariado e a iniciativa privada, búscase facer visible e normalizar o seu tratamento como un problema sociosanitario de primeira orde, ofrecer apoio ás persoas que sufriron tan traumática perda, pero tamén instar as autoridades a que tomen medidas institucionais globais para a súa prevención.

O suicidio merece atención pública, global e estruturada, de igual forma que os accidentes de tráfico (en clara diminución grazas ao desenvolvemento de programas de seguridade viaria), a violencia machista (á que se dedican numerosos recursos e campañas para cambiar a mentalidade e evitar os asasinatos), ou calquera outro asunto de saúde pública. Porque 10 mortes diarias, e as consecuencias sobre os sobreviventes, meréceno.

é profesora titular de Socioloxía na Universidad del País Vasco/Euskal Herriko Unibertsitatea e membro de Aidatu, Asociación Vasca de Suicidoloxía.

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.