Venres 19 Abril 2024

Agroma o parque rupestre da bisbarra de Compostela

A creación dun parque rupestre que agrupe e dea sentido ás ducias de xacementos de petróglifos existentes na comarca de Santiago está a punto de deixar de ser un sono. O traballo de investigación realizado nos últimos anos polo colectivo cultural A Rula serviu de base para que os concellos da comarca e a Deputación da Coruña estean a poñer en marcha un convenio de colaboración (dotado con 500.000 euros) que permitirá elaborar un plan director para a identificación e protección destes xacementos. O obxectivo final é crear un gran parque que ocupará áreas de diversos concellos e contará co seu propio centro de interpretación.

Petróglifo do río Angueira.
Petróglifo do río Angueira.

Se o proxecto acaba por executarse nos termos previstos, o parque rupestre podería converterse nun dos máis importantes de Galicia e, ademais, sería un indubidable atractivo turístico para atraer aos milleiros de visitantes que chegan cada ano a Santiago. Sen dúbida que sería unha boa oportunidade para dar a coñecer aspectos da historia e da cultura galegas a turistas de todo o mundo. Polo de agora, o convenio xa foi ratificado polos concellos de Santiago, Teo, Ames, Brión e Val do Dubra e agárdase que en breve o aproben tamén os de Vedra e Boqueixón.

Publicidade

Jorge Duarte, concelleiro de Espazos Cidadáns do Concello de Santiago, explica que en Santiago xa se traballara nos últimos anos na identificación e protección dos petróglifos máis importantes do concello e, ademais, iniciouse a colaboración con Teo e Ames para unir forzas na protección deste patrimonio. “Creo que agora o máis importante é a elaboración dun plan director para que haxa unha continuidade nas accións a acometer para protexer e difundir a riqueza rupestre da comarca”, indica Duarte.

O proxecto incluirá a recuperación do fondo documental de Ramón Sobrino

O concelleiro destacou a importancia da labor desenvolvida polo colectivo A Rula nestes últimos anos, xa que permitiu a identificación e catalogación duns 60 xacementos na comarca nos últimos anos. Actualmente hai uns 120 cando hai uns anos eran menos de 50 os que estaban identificados.

A maior concentración de petróglifos concéntrase nun área que abrangue zonas dos concellos de Santiago, Teo e Ames. Precisamente nesa área atópase o antigo centro de interpretación de Villestro, que se pretende recuperar neste proxecto para que sexa un espazo central para a difusión desta riqueza rupestre.

Mapa que localiza os xacementos rupestres da comarca de Compostela (Colectivo A Rula)
Mapa que localiza os xacementos rupestres da comarca de Compostela (Colectivo A Rula)

Segundo sinala Duarte, os obxectivos iniciais do proxecto serán protexer os petroglifos e adquirir a propiedade dos terreos nos que se atopan os mesmos, elaborar roteiros e sinalizar os xacementos e elaborar un proxecto museográfico para o centro de interpretación, que podería abrir nunha fase posterior. Dentro do proxecto do centro estaría a recuperación do fondo documental do arquitecto Ramón Sobrino, que foi un pioneiro na identificación do patrimonio arqueolóxico da comarca no século XX.

Algúns dos petroglifos sufriron danos durante a vaga de incendios que afectou á comarca no verán de 2016 e mesmo as propias máquinas de extinción de lumes provocaron algún danos debido a que algúns xacementos non estaban identificados e ás propias dificultades das tarefas de extinción. De tódolos xeitos en xeral os petróglifos están ben conservados xa que moitos deles atópanse en áreas pouco visitadas.

 “Para nós é moi importante, a nivel de cidade, que esta riqueza patrimonial nos permita habilitar un percorrido alternativo turístico, tanto para os propios composteláns como para os que nos visitan. Temos outros puntos de riqueza arqueolóxica na cidade, como o Castelo da Rocha, que poden axudarnos no obxectivo de que os turistas estendan a súa estadía connosco”, explica Duarte.

O deputado responsable da área de Turismo e Patrimonio da Deputación de A Coruña, Xosé Regueira, sinalou nunha recente xuntanza con representantes dos concellos incluídos neste proxecto que no prazo dun ano o parque pode estar xa sinalizado. Deste xeito o proxecto Compostela Rupestre pasará a formar parte dun itinerario turístico provincial que incluirá ao Xeoparque de Ortegal e ao Parque de Megalitismo da Costa da Morte.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

GCiencia lanza un proxecto audiovisual para divulgar a historia do Reino de Galicia

A iniciativa, seleccionada pola área de Cultura da Deputación da Coruña, ofrecerá contidos escritos e audiovisuais en YouTube e TikTok

Descuberto un novo petróglifo no municipio coruñés de Aranga

Foi achado por casualidade no mes de febreiro e dende Colectivo A Rula explican que é un xacemento con "motivos propios da nosa arte atlántica"

O futuro do río Anllóns: sensorizado e sen flora invasora

A Deputación de Coruña prevé a boa conservación da súa contorna co control e análise da súas augas e a eliminación de especies impropias da zona

A Vía Verde de Compostela recupera o pasado das estacións ferroviariais

A Deputación de Coruña impulsa a recuperación do patrimonio industrial espallado ao longo da ruta a través da realidade virtual