Nos anos vinte do pasado século, ergueuse na beira do río Tambre un monumento industrial único. É unha central hidroeléctrica que ten aires de pazo ou de catedral, nun portentoso edificio deseñado en 1924 polo arquitecto Antonio Palacios, autor de obras como o Círculo de Belas Artes ou o Pazo das Comunicacións de Madrid, o Teatro García Barbón de Vigo, a casa do concello do seu Porriño natal ou o Templo Votivo do Mar en Panxón (Nigrán).
A central hidroeléctrica fornécese do encoro de Barrié de la Maza sobre o río Tambre e foi promovida pola Sociedad Gallega de Electricidad. De feito, está considerado o primeiro aproveitamento industrial de Galicia destinado a grandes consumos. O resultado, fronte as grandes que teñen producido un inmenso impacto ambiental en ríos como o Miño ou o Sil, é unha integración na paisaxe dun xeito moi afastado da posterior tradición dos saltos hidroeléctricos construidos durante o chamado ‘desarrollismo’. Por desgraza, se o río Tambre foi en tempos rico en lampreas e salmóns, a construción do encoro rematou con esta fauna fluvial.
Actualmente, xunto á central eléctrica hai un pequeno hotel con encanto. E existen diferentes roteiros, que inclúen unha ponte colgante e o paso por diferentes ruinas de vellos muíños e instalacións eléctricas. Por desgraza, a masiva presenza de plantacións de eucalipto afea un espazo natural que, noutros tramos, presenta unha vexetación máis atractiva.
Seguindo o río Tambre cara á súa desembocadura na ría de Muros e Noia, atoparemos a espectacular Ponte Nafonso, cos seus ben trazados tallamares e que ten a súa orixe na Idade Media.
Como anécdota, a etimoloxía do Tambre vén da raí celta indoeuropea ‘Tam’, que tamén atopamos noutros ríos como o Támega, en Galicia, ou o Támese, o río que baña a cidade de Londres. E unha segunda curiosidade é que o río Tambre dá nome ao condado de Trastámara (Trans Tameris). E os Trastámara foron unha casa real tan importante como que a ela pertenceu a raíña Isabel A Católica e a súa filla Xoana, ata que con Carlos I comezou a dinastía dos Austrias.
Boas. Un artigo moi interesante, pero gustariame rebatir a parte na que se cita que dende que se construiu o encoro non hai lampreas. É máis a propia construcción do encoro data do ano 1958, ano no cal xa se apreciaba un declive importante na retorna dende o mar desta especie ás augas do Tambre antes de que estivese constuido, debido a que o caudal do río foi minguando cos anos considerablemete. Tamén dicir que dende fai anos os caudais dos rios están regulados por lei (caudais ecolóxicos), e concretamente a competencia nesta zona recae en Augas de Galicia. Cabe destacar que aplican a vixilancia desta lei de maneira estricta, e grazas a cal, a día de hoxe, estase a repoboar o río da tan famosa lamprea. Todos estes datos son corroborables, e invito a calquera a que fale coa xente veterana da aldea que hai preto da central, o “Castro Lampreeiro”, que como se pode apreciar ten tradición na captura destes exemplares, e pode apoiar estes datos que aporto. Un saúdo.
Unha mágoa a desfeita ecolóxica da ribeira do Tambre neste tramo do río, non só hai eucaliptos, principalmente está invadida de acacia negra (hai uns grandes exemplares no parque da central) e mimosa. Debería facerse algo ao respecto.